Continúa o proceso de contratación do Servizo de Axuda no Fogar en Valdoviño. A primeiros de marzo, o pleno daba luz verde aos pregos e, no día de onte, o Concello publicaba o anuncio de contratación na plataforma do Estado, abrindo así o prazo de presentación de ofertas.
O contrato establece un investimento de 3.159.144 euros en catro anos, a razón de 789.786 euros anuais. Un “esforzo inversor” para a Administración local, xa que supón un incremento duns 100.000 euros por exercicio. Isto tamén se traducirá nun aumento das horas de atención mensual respeto ao 2019, xa que se estima pasen das 3.990 actuais ás 4.350 previstas. O prezo de licitación da hora é de 14,50 euros máis IVE. Prezo unitario para horas ordinarias (de luns a sábado) e extraordinarias (domingos e festivos).
Con carácter xeral, e entre outras, o contrato contempla a prestación dos seguintes servizos: apoio á mobilización dentro do fogar, axuda no coidado e hixiene persoal, axuda persoal para o vestido, calzado e alimentación, así como o control do réxime alimentario, supervisión e axuda na rutina de administración de medicamentos, fomento do adestramento na realización de actividades da vida cotiá no entorno doméstico, acompañamento fóra do fogar cando resulte imprescindible para posibilitar a participación da persoa usuaria en actividades de carácter educativo, terapéutico ou social, ou outra atención persoal necesaria para conseguir a finalidade do servizo e pautada no seu proxecto individual de atención. Tamén, atencións de carácter básico e fundamental da limpeza e orde da vivenda e tarefas domésticas.
O prazo de presentación de ofertas para optar ao contrato permanecerá aberto ata o 4 de xuño de 2020.