Valdoviño celebra mañá domingo unha charla coloquio polo Día da Muller

Varias veciñas vencelladas ao cine e ao mundo da arte participarán nestra mesa de diálogo

Valdoviño celebra este domingo o acto central do Día da Muller reunindo arredor dunha mesa de diálogo e intercambio de experiencias a veciñas vencelladas ao mundo do cine e da arte. Estarán presentes a artesá Fátima Grandal; da estudante Cecilia Grandal, con experiencia como cantante nunha orquestra; da cineasta Noelia Uceira, e da mestra de inglés Stefanie Pasterkamp, noutrora deseñadora de interiores e responsable do atrezzo para espectáculos teatrais.

Serán as protagonistas do coloquio que terá lugar o domingo a partir das 19.00 horas na Casa da Cultura, baixo o título «As voces femininas no cine, na arte e na realidade patriarcal», moderado pola xornalista Elisa Piñón. A entrada, libre e de balde ata completar aforo.

No transcurso do acto, o público poderá asistir á proxección da curta «Matria», de Álvaro Gago e, ao remate, realizarase un percorrido guiado pola exposición «Galicianas. Mulleres galegas facendo historia», da asociación Vai Rañala Meu! Mostra que hoxe abre ao público e que poderá visitarse de martes a domingo de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Salir de la versión móvil