O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da posta a disposición de veciños e veciñas do novo aparcadoiro situado nas inmediacións do Centro de Saúde. Con capacidade para uns 30 vehículos, a intervención que permitiu habilitar este espazo todavía non concluiu, xa que restan traballos de xardinería e no muro de contención construído, así como o retranqueo dun poste eléctrico por parte de Fenosa, pero isto non é impedimento para abrilo xa á cidadanía.
A intervención inclúese no marco do plan de ampliación de espazos vencellados ao centro de saúde e a través da mesma tamén se habilitaron dúas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e para ambulancias no espazo do propio centro.
O novo aparcadoiro ocupa os terreos municipais sobre os que ata o momento se levantaba a antiga escola de Atios, un inmoble en estado ruinoso cuxa demolición levou a cabo o Concello nas últimas semanas para habilitar o aparcadoiro e unha pequena zona verde.
Así mesmo, coa posta en marcha nos próximos meses do primeiro centro sociocomunitario, tamén dará servizo a esta infraestrutura. Aproveitando esta actuación, o Concello tamén procedeu ao aglomerado e reordenación da zona de estacionamento situado na parte traseira do centro de saúde.