A Xunta de Goberno Local de Valdoviño propuxo a adxudicación a Excavaciones Saavedra do contrato para a ampliación da rede de abastecemento de auga en diferentes puntos das parroquias de Meirás e de Valdoviño, e a de saneamento noutros lugares da de Lago. No seu conxunto, as nove intervencións a realizar suman un orzamento de 162.790 euros, que a Administración local financiará con cargo ao POS+2019 da Deputación provincial da Coruña.
Con estas actuacións o Concello busca “garantir o acceso da veciñanza a uns servizos básicos, liña na que continuará traballando a administración na medida das súas posibilidades orzamentarias”. A decisión da Xunta de Goberno Local, reunida o pasado venres, adoptouse en base aos informes dos técnicos municipais, que rexeitaron outras dúas ofertas presentadas por incurrir en baixa temeraria.
Máis en detalle, os proxectos consistirán na ampliación da rede de abastecemento de auga en Bacorelle, Mourente, Penela, Outeiro e na Torre, no abastecemento de auga nas Campeiras, Chamorro e As Lamelas e na ampliación do abastecemento en Portomaior e Taraza.
Discussion about this post