Valdoviño organiza un curso gratuíto para achegar as novas tecnoloxías aos maiores da veciñanza

A formación, que se desenvolverá entre finais de xuño e xullo, ensinará a utilizar o teléfono móbil, realizar xestións sanitarias en liña e operar con caixeiros automáticos
Persona utilizando un ordenador y teléfono móvil | Archivo
Persona utilizando un ordenador y teléfono móvil | Archivo

O Concello de Valdoviño porá en marcha un novo Curso de Dixitalización dirixido ás persoas maiores de 60 anos empadroadas no municipio, co obxectivo de facilitar o uso das novas tecnoloxías na vida cotiá e favorecer unha maior autonomía nas xestións do día a día.

A actividade será gratuíta e desenvolverase ao longo de cinco sesións, os días 29 de xuño e 6, 13, 20 e 27 de xullo, en dúas localizacións: o local social de Aviño, en horario de 9.30 a 11.00 horas, e o Centro Sociocomunitario de Valdoviño, de 11.15 a 12.45 horas.

Formación práctica para o día a día

O programa terá un enfoque eminentemente práctico e abordará cuestións relacionadas co uso habitual do teléfono móbil. As persoas participantes aprenderán a sacar máis proveito a aplicacións como WhatsApp, realizar videochamadas, utilizar o GPS, conectarse a redes wifi, descargar aplicacións ou organizar os contactos e as fotografías.

Cartel promocional do curso de dixitalización | Concello de Valdoviño

Outra das sesións centrarase no funcionamento dos caixeiros automáticos mediante un simulador, co fin de practicar operacións como a retirada de efectivo, as transferencias bancarias ou o pagamento de recibos nun contorno seguro.

A formación incluirá tamén contidos sobre a realización de trámites sanitarios dixitais, como o uso da aplicación do Sergas, a solicitude de quendas nos hospitais ou a obtención e utilización da Chave365.

Inscricións ata o 25 de xuño

As prazas son limitadas e as inscricións permanecerán abertas ata o 25 de xuño no departamento municipal de Servizos Sociais, situado na planta baixa da Casa do Concello, ou a través do teléfono 981 48 70 41 (extensión 5).

A iniciativa, financiada pola Consellería de Política Social, busca contribuír a reducir a fenda dixital entre a poboación maior, facilitando a súa relación cos servizos públicos, reforzando a súa seguridade no ámbito dixital e favorecendo a comunicación coa familia e coa contorna.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.