Valdoviño prepara un mes completo de actos para por en valor o papel da muller na sociedade

Este venres inaugúrase a mostra "Galicianas. Mulleres galegas facendo historia" na Casa da Cultura
galicianas-11

No marco do programa «Somos e Contamos», o Concello de Valdoviño conmemorará o Día da Muller cunha completa programación que inclúe exposicións, debate, obradoiros, roteiros, presentacións literarias e teatro. O alcalde, Alberto González, destacou o traballo conxunto dos departamentos de Cultura e Servizos Sociais para facer posible o programa, que arrancará este mesmo venres 6 de marzo coa inauguración da mostra «Galicianas. Mulleres galegas facendo historia», da asociación Vai Rañala Meu!, na Casa da Cultura. O horario de visitas será de martes a domingo de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

O domingo 8 de marzo celebrarase o acto central da programación baixo o título «As voces femininas no cine, na arte e na realidade patriarcal». Unha mesa redonda protagonizada por Cecilia Grandal, Fátima Grandal, Stefanie Pasterkamp e Noelia Uceira. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19.00 horas, dirixida por Elisa Piñón Hermida e, ao remate, establecerase un coloquio co público asistente. Así mesmo, no transcurso do acto, proxectarase a curta «Matria», de Álvaro Gago, e levarase a cabo un percorrido guiado pola exposición «Galicianas».

O día 12, o Concello convida ás familias a un obradoiro baixo o título “Educar na igualdade, na seguridade e na liberdade de ser”, a cargo de Raquel Veiga. A inscrición na actividade, gratuíta, está aberta no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da consistorial- e as familias poderán optar a un servizo de coidado de menores que o CRA O Esquío habilita para favorecer a asistencia. Terá lugar na escola de Lago ás 17.00 horas.

O sábado 14, o Concello organiza un roteiro guiado polo universo de Concepción Arenal en Ferrol a cargo do profesor Orlando Jara. Arrancará ás 18.00 horas do Cantón de Molíns, con prazas limitadas e inscrición previa na Casa da Cultura (981 48 76 66) dende hoxe e ata o día 12 de 11.00 a 14.00 horas en días laborables. Será o martes 17 cando o local social de Lago acolla a presentación do libro «EspadELA: Historias de Vida», un traballo realizado polas mulleres da Escola de Apoderamento do Concello de Moeche, proxecto premiado polo concurso de Ideas pola Igualdade “Luísa Villalta”. Será a partir das 18.00 horas, con entrada libre.

O domingo 22 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a representación da obra «8M(ULIER)», a cargo da compañía Trémola Teatro, e dirixida a un público maior de 16 anos. Con entrada de balde, dará comezo ás 19.00 horas, namentras que o venres 27 inaugurarase a exposición «Nosoutras somos arte», de Francesca Maddedu Novo na Casa da Cultura, nun acto que arrancará ás 18.00 horas.

Pechando o mes, e dirixida aos alumnos de 3º e 4º de Educación Secundaria do CPI Atios, a Casa da Cultura acollerá o martes 31 de marzo ás 11.30 horas a representación da peza teatral «Vestido de Voda». Unha obra que promove as relacións respectuosas dentro da parella e o desenvolvemento dunha conciencia crítica sobre a violencia de xénero.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.