Valdoviño prepara un mes completo de actos para por en valor o papel da muller na sociedade

Este venres inaugúrase a mostra "Galicianas. Mulleres galegas facendo historia" na Casa da Cultura

No marco do programa “Somos e Contamos”, o Concello de Valdoviño conmemorará o Día da Muller cunha completa programación que inclúe exposicións, debate, obradoiros, roteiros, presentacións literarias e teatro. O alcalde, Alberto González, destacou o traballo conxunto dos departamentos de Cultura e Servizos Sociais para facer posible o programa, que arrancará este mesmo venres 6 de marzo coa inauguración da mostra “Galicianas. Mulleres galegas facendo historia”, da asociación Vai Rañala Meu!, na Casa da Cultura. O horario de visitas será de martes a domingo de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

O domingo 8 de marzo celebrarase o acto central da programación baixo o título “As voces femininas no cine, na arte e na realidade patriarcal». Unha mesa redonda protagonizada por Cecilia Grandal, Fátima Grandal, Stefanie Pasterkamp e Noelia Uceira. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, a partir das 19.00 horas, dirixida por Elisa Piñón Hermida e, ao remate, establecerase un coloquio co público asistente. Así mesmo, no transcurso do acto, proxectarase a curta «Matria», de Álvaro Gago, e levarase a cabo un percorrido guiado pola exposición «Galicianas».

O día 12, o Concello convida ás familias a un obradoiro baixo o título “Educar na igualdade, na seguridade e na liberdade de ser”, a cargo de Raquel Veiga. A inscrición na actividade, gratuíta, está aberta no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da consistorial- e as familias poderán optar a un servizo de coidado de menores que o CRA O Esquío habilita para favorecer a asistencia. Terá lugar na escola de Lago ás 17.00 horas.

O sábado 14, o Concello organiza un roteiro guiado polo universo de Concepción Arenal en Ferrol a cargo do profesor Orlando Jara. Arrancará ás 18.00 horas do Cantón de Molíns, con prazas limitadas e inscrición previa na Casa da Cultura (981 48 76 66) dende hoxe e ata o día 12 de 11.00 a 14.00 horas en días laborables. Será o martes 17 cando o local social de Lago acolla a presentación do libro “EspadELA: Historias de Vida”, un traballo realizado polas mulleres da Escola de Apoderamento do Concello de Moeche, proxecto premiado polo concurso de Ideas pola Igualdade “Luísa Villalta”. Será a partir das 18.00 horas, con entrada libre.

O domingo 22 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a representación da obra “8M(ULIER)”, a cargo da compañía Trémola Teatro, e dirixida a un público maior de 16 anos. Con entrada de balde, dará comezo ás 19.00 horas, namentras que o venres 27 inaugurarase a exposición “Nosoutras somos arte”, de Francesca Maddedu Novo na Casa da Cultura, nun acto que arrancará ás 18.00 horas.

Pechando o mes, e dirixida aos alumnos de 3º e 4º de Educación Secundaria do CPI Atios, a Casa da Cultura acollerá o martes 31 de marzo ás 11.30 horas a representación da peza teatral “Vestido de Voda”. Unha obra que promove as relacións respectuosas dentro da parella e o desenvolvemento dunha conciencia crítica sobre a violencia de xénero.

Salir de la versión móvil