Valdoviño prepárase para a eclipse total de Sol de agosto cunha charla do astrónomo Paulino Gasalla

O encontro celebrarase este venres ás 19.30 horas na Casa da Cultura e servirá para explicar como e onde observar con seguridade o fenómeno, visible de forma total no municipio
Imagen de archivo de un eclipse solar | PEXELS
Imagen de archivo de un eclipse solar | PEXELS

Valdoviño comeza a prepararse para un dos acontecementos astronómicos máis agardados das próximas décadas. O Concello organiza este venres, 19 de xuño, a charla “A eclipse en Valdoviño”, impartida polo divulgador astronómico Paulino Gasalla, para achegar á veciñanza información práctica sobre a eclipse total de Sol que poderá verse o 12 de agosto de 2026.

A sesión terá lugar ás 19.30 horas no auditorio da Casa da Cultura. A entrada será gratuíta e libre ata completar aforo.

Un fenómeno histórico

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional, a eclipse comezará en Valdoviño ás 19.40 horas, alcanzará o seu máximo ás 20.28 horas e rematará ás 21.16 horas. Trátase da primeira eclipse total de Sol visible desde a Península Ibérica en máis dun século, e Valdoviño figura entre os concellos galegos nos que poderá observarse a totalidade do fenómeno.

O primeiro punto de Galicia no que a totalidade será visible será o Cabo de Estaca de Bares, en Mañón, aínda que numerosos lugares da costa de Ferrolterra ofrecerán tamén boas condicións de observación se a meteoroloxía acompaña.

Por unha observación segura

Durante a charla, Gasalla explicará as características da eclipse, resolverá dúbidas sobre os mellores lugares e horarios para seguila e insistirá na importancia de empregar métodos homologados para mirar ao Sol, evitando prácticas que poidan provocar danos na vista.

O astrónomo regresa así a Valdoviño despois de participar o pasado verán nun percorrido nocturno por Vilarrube dedicado ás estrelas e ás constelacións. Nesta ocasión, o protagonismo recaerá nun fenómeno que converterá a costa galega nun dos mellores escenarios de Europa para seguir a eclipse do 12 de agosto de 2026.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.