O Concello abre mañá venres inscricións en «Valdoviño Saudable», a programación deportiva municipal para o curso 2022-2023. Incluirá clases de tenis, tiro con arco, ximnasia e ioga, e na filosofía iniciada durante o pasado mandato, procurarase unha descentralización das actividades nas diferentes parroquias. Así, o pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, albergará as actividades de tenis e tiro con arco. No primeiro caso, a intención é crear 3 grupos segundo o nivel das persoas participantes, os martes e xoves, con clases de 19:00 a 20:00; de 20:00 a 21:00 e de 21:00 a 22:15. Ademais, tiro con arco terá lugar luns e mércores de 18:00 a 20:00 horas.
Pola súa banda, a actividade de ximnasia desenvolverase na Casa da Cultura de Valdoviño —martes e venres de 10:00 a 11:00, e de 11:00 a 12:00 en caso de constatarse demanda—; no polideportivo de Meirás —luns, mércores e venres de 11:15 a 12:15—, e no local social de Vilarrube —mércores e xoves de 20:00 a 21:00—. E, no tocante a ioga, que terá lugar na Casa da Cultura, ofertaranse prazas para a quenda dos luns e mércores de 20:30 a 22:00 horas.
A inscrición está aberta coa idea de comenzar o curso a primeiros de outubro, e pode formalizarse presencialmente na planta baixa da casa consistorial —de luns a venres de 09:00 a 14:00— ou a través da sede electrónica, na web municipal –https://cutt.ly/VCM1EXO-. O custe mantense respecto a anos anteriores, e as tarifas oscilan entre os 8,86 e os 12,54 euros mensuais en función da frecuencia semanal -agás ioga, con cuota de 20 euros-.