O Padroado da Cultura de Narón organizou para este verán unha nova edición da “Festa do Xogo”, unha actividade que representa unha aposta pola recuperación dos xogos tradicionais e que se combina con outras propostas de habelencias, actividades medioambientais e moito máis.
O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que se trata dunha convocatoria que busca fomentar unha proposta «con carácter interxeracional», xa que vai dirixida a persoas de todas as idades e que se desenvolverá durante catro xornadas en espazos públicos da cidade. Con esta nova «Festa do Xogo» os maiores poderán recuperar lembranzas dos seus pasados xogos tradicionais e os máis cativos poderan aprender a divertirse tal e como o facían os seus pais de mozos.
A primeira das citas terá lugar este mes, concretamente o vindeiro día 30 no barrio da Gándara, e para continuar no mes de setembro o día 6 na Solaina, o 13 en Xuvia e, finalmente, o día 20, en Freixeiro. Os catro obradoiros da «Festa do Xogo 2020» son completamente de balde, na que se incluirán varios xogos como o tiracoios, a rá, pesca de botellas, e outros como xadrez, puzles, malabares… que se desenvolverán en espazos ao aire libre.