O programa municipal Teatro en familia continuará este domingo 4 de outubro co espectáculo «Canta miña pedra, canta», a cargo de Xoán Curiel e Charo Pita. A función celebrarase no salón de actos da Casa da Cultura, a partir das 12.30 horas, dirixida a un público familiar.
Incluida no programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, as persoas interesadas en asistir poderán adquirir a súa entrada a partir de mañá e ata o venres na Biblioteca, en horario de 9.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, cun custo dun 1 euro para nenos e nenas e de 2 para persoas adultas. Ademais, o espectáculo desenvolverase baixo un estrito protocolo de prevención fronte á Covid-19 e as prazas son limitadas.
O músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita reúnense neste espectáculo familiar que xira arredor dos relatos populares galegos e máis de cancións que o autor das Letras Galegas de 2019, Antonio Fraguas, recolleu nas súas Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade.