Para Galicia o mar sempre foi unha fonte de riqueza e historicamente unha fonte de perigos; algúns dos cales, na Idade Antiga, como os contactos co norte de Europa, os asentamentos de britones e a conquista romana, terminaron configurando a nosa identidade. Os 2.555 quilómetros modelados en rías non foron fáciles de defender de agresións externas. Na Alta Idade Media, entre os séculos IX e XI, desenvolvéronse as invasións viquingas, nome que se daba nos países nórdicos (normandos) ao saqueo de terras afastadas.
Destas invasións intermitentes non posuímos moita información, aínda que, ao parecer, como sinala José Carlos Sánchez, non foron de moita importancia, limitándose a desarticular algunha diocese e á obtención de botíns e prisioneiros, aínda que no apartado de beneficios contribuíron a abrir o comercio á Europa setentrional. Pero si é certo que crearon un certo grao de prevención que mesmo perduraba no século XIV: sabido é que Jerónimo del Hoyo, en 1607, dinos que o mosteiro de Montefaro, no último terzo do século XIV, íase fundar en Chanteiro e non se fixo por ser sitio pouco seguro. Algo parecido sucedera antes co traslado de Iria a Santiago e de Valibria a Mondoñedo, 20 quilómetro máis dentro.
Uns dos ataques máis violentos, capitaneados polo rei Gunderedo, produciuse no 986, previo desembarco na ría de Junqueras. Algúns autores sitúan dita ría erroneamente nas rías baixas, descoñecendo que era o nome que se daba á de Betanzos e Ares e sen decatarse de que o embarque se realizou, segundo as fontes, preto de Ferrol, seguramente en Ares, antes de ser atacados os invasores polo exército organizado por san Rosendo.
Cun peso destacado do señorío monástico e laico, a monarquía tardou en implicarse nunha defensa que durante moito tempo correu a cargo da esforzada poboación galega, parapetadas en vilas costeiras amuralladas. Ata 1521 non houbo un plan de defensa das costas e non é casualidade que o plan se debese aos desvelos do nobre galego Fernando de Andrade. Este plan supoñía arbitrar puntos estratéxicos na costa que detectasen o perigo, a súa comunicación mediante fogueiras, o mantemento dunha pequena flotilla de disuasión e o adestramento militar das poboacións das vilas costeiras. Pero o plan caeu en saco roto e a monarquía só tendeu a acordarse de Sta. Bárbara cando tronaba.
Os enfrontamentos con Francia e Inglaterra, o desenvolvemento da piratería e o corso unido aos devanditos enfrontamentos e, sobre todo, a incorporación de Portugal á coroa, fixeron ver á monarquía a necesidade de arbitrar en serio plans de defensa da costa atlántica, e en especial a necesidade de defender Baiona e A Coruña, porto de gran vulnerabilidade que terminou sufrindo os ataques de Drake.
Pero esta política chocou co descoñecemento que se tiña das costas galegas e en particular coa falta de mapas. Foron, especialmente, os traballos encargados a Tiburcio Spanochi (1541-1606) e a Pedro Teixeira (1595-1662) os que viñeron a poñer fin a esta deficiencia, tendo como consecuencia o convencemento da importancia do porto da Coruña no contexto europeo e a elección de Ferrol como base para acollida e reparación da flota.
O primeiro, enxeñeiro militar sienés, describe en 1589 a costa desde Ferrol a Baiona facendo ver a potencialidade de Galicia na defensa atlántica e concibe un plan de fortificación da Coruña (que inclúe o castelo de S. Antón), e de Ferrol, coa primeiro construción do castelo de S. Felipe; e o segundo, cartógrafo e enxeñeiro militar portugués, redunda no mesmo, nun informe que incorpora preciosos debuxos en cor das nosas costas e das vila ribeiregas.
Ferrol, vila fundamental na defensa costeira
As análises de Tiburcio Spanochi e Pedro Teixeira puxeron de manifesto, en efecto, a potencialidade de Ferrol na defensa da costa. O primeiro di que o porto de Ferrol é un dos máis seguros e capaces que viu e suxire que se fagan os estaleiros e depósitos que Alonso de Bazán desexaba para abastecer á armada. O segundo insiste en que “en toda la costa de España y aun en la de Europa ay puerto tan seguro ny tan capaz como el del Ferrol”.
Por entón a monarquía xa estaba medio convencida e Ferrol contaba para a súa defensa cos fortes de San Felipe (1589), A Palma e San Martín de Padilla, estes dous últimos construídos con posterioridade a 1597. Mentres que os de S. Felipe e da Palma sufriron ampliacións e reformas, en 1731 e 1877 respectivamente, no de S. Martín fracasa calquera plan de mellora, a pesar de ser no século XVII o máis importante e residir nel o gobernador; sendo pronto abandonado e convertido nunha chea de ruínas.
Pero o porto de Ferrol tiña unha gran debilidade xa sinalada por Spanochi: era moi vulnerable por terra con simples desembarcos do inimigo en Ares ou Doniños, como realmente terminaría sucedendo. Para evitar esta debilidade construíronse toda unha serie de baterías costeiras estratexicamente colocadas, algúns de cuxos restos, a pesar do abandono e os malos tratos da intemperie, chegaron ata nós.
Un recente libro, moi ben editado pola Deputación da Coruña, magnificamente ilustrado e con profusión de táboas explicativas, debido ao bo facer de J. López Hermida e J. Manuel Yáñez, dá conta profusamente de todo este sistema defensivo, da súa creación e evolución, tanto desde o punto de vista arquitectónico como tecnolóxico, en relación cos moitos cambios na estratexia militar e no armamento.
Ferrol, co seu arsenal e estaleiro, chegando a ser cabeza dun departamento marítimo, ascendeu meteoricamente por razóns militares. Non é estraño que o seu declive se debese en parte, despois da Segunda Guerra Mundial, nun mundo da OTAN e a UE, a un cambio substancial nas necesidades defensivas. Pero quen podía pensar que iamos ver unha guerra nos Balcáns ou en Ucraína. Non, a Historia non está escrita e é posible que o porto de Ferrol coas novas necesidades enerxéticas volva ter outra oportunidade.