De moitos mosteiros descoñecemos os seus primeiros pasos. Afortunadamente para o caso de Sta. María de Monfero contamos cos escritos, denominados memoriales, de frei Bernardo de Cardillo de Villalpando (1570-1637), monxe comisionado para ordenar os arquivos dos mosteiros cistercienses hispánicos. Cronista de Sobrado, Cardillo de Villalpando foi considerado por Mauricio Carbajo como un investigador rigoroso e fiable, rigor que tamén é recoñecido por autores actuais como Ana Suárez González. Un destes memoriales, depositado no Arquivo Histórico Nacional co título “Tumbo, donación y fundación de este Imperial Monasterio de Monfero y de sus cotos y jurisdicciones con las grandezas de dicho Monasterio”, é unha transcrición dun orixinal de 1617 que foi copiado e continuado en 1668 por frei Bernardino Armuño e ao que se seguirán engadindo contidos ata 1823.
José Luis López Sangil, despois de dedicar moito tempo ao estudo do mosteiro de Monfero, non dubida en considerar que o mosteiro se funda en 1134-1135, coincidindo coa delimitación, por parte de Alfonso VII, dun coto que sería ampliado por Fernando II. Este fito, da creación do seu señorío xurisdicional, é tan importante para a súa medranza e posterior evolución que, en efecto, terminou por considerarse o momento da fundación. Con todo, no Memorial aludido menciónanse outras dúas datas, 1094 e 1114, que deben ser tidas en conta e integradas a unha explicación coherente e non o froito dunha mera confusión. Parece evidente que en 1094 había unha construción na “era vella”, denominada ermida de S. Marcos e que en 1114 sofre reformas importantes.
Esta data é perfectamente compatible co ano 1135, pois moitas veces, na Alta Idade Media, os mosteiros son fundados por membros destacado da nobreza e os monarcas limítanse a favorecelos con doazóns de propiedades ou creando un coto xurisdicional, privilexio de tanta transcendencia para o mosteiro que eclipsa a todos os demais. Resulta incomprensible que o cronista mencionase repetidas veces unha data sen ser certa, creando con iso unha confusión innecesaria, en detrimento do privilexio real e do protagonismo do rei na fundación.
Por iso o máis lóxico sería considerar que en 1114 fúndase un mosteiro familiar, momento no que se constrúe unha nova igrexa, cuxa construción tiña rematada ou continuaba no momento do privilexio de 1135, pois o cronista dinos que “la qual iglesia antigua que se derribó y se hizo nueva muchos años después…, que para caballeros era mui buena y sumptuosa, con tres naves, como lo confiesan ellos mesmos en una escritura de donazición”.
Evidentemente non se está referindo a unha pequena ermida senón á igrexa románica, ao parecer non moi distinta da S. Martiño Xubia, substituída pola actual barroca, cuxa construción fora acometida polos cabaleiros fundadores do mosteiro. Esta circunstancia debe ser tida en conta para dilucidar se a anterior igrexa, desaparecida no século XVII e da que queda o muro que dá ao claustro regular, tiña tres ábsidas rectangulares ou semicirculares, como así cremos nós, tanto pola cronoloxía como por ser o tipo de ábsida propio das igrexas románicas da Comarca Eumesa.
Dúas circunstancias rodearon a fundación. A primeira que, en efecto, como acontece noutros moitos mosteiros, que fora fundado por nobres da comarca e a segunda que o terreo ou parte del onde se construíu pasara ás súas mans procedente dunha confiscación aos parentes dos fundadores. Os nobres en concreto foron Alonso Bermúdez e o seu sobriño Pedro Osorio, descendentes do antigo solar e casa dos Osorio. Sabemos que foron nobres naturais das inmediacións de Monfero, posiblemente de Irixoa, onde se concentraban as súas propiedades, que serviron ao rei no súa corte, que tiñan casas na cidade de Toledo e que se retiraron á vida monástica. E desde logo carece de todo sentido, sen probas que o avalen, como fai Hipólito de Sá Bravo, autor da obra “El Monacato en Galicia”, falar da existencia dun mosteiro (ou ermida) anterior, destruído polos normandos.
Un mosteiro en perigo
A pesar das moitas intervencións, a vexetación e as filtracións de auga do teitume seguen facendo estragos na fábrica dun dos trece grandes mosteiros cistercienses galegos. Atrás parece quedar o proxecto de convertelo nun hotel-spa. Noutro artigo xa avogamos por unha proposta razoable, acorde coa historia e cos intereses da Comarca Eumesa, ámbito dunha oferta turística de primeira orde. O converter ao mosteiro nun centro de interpretación do monacato cisterciense galego é, sen dúbida, unha proposta razoable e posible, un proxecto sostible sen grande inversións; como demostramos nun informe que realizamos para o Concello de Monfero e que seguiremos defendendo sen descanso