Antonio Tenreiro Brochón: a mirada desde a xanela

Ante un cuadro de su exposición en O Castro, en los años 70. Obra que posteriormente donaría al Museo Carlos Masside de Sada | ANTONIOTENREIROBROCHON.COM

Antonio Tenreiro Brochón  foi fillo de Antonio Tenreiro  Rodríguez e de Mathilde Brochón Reinmann. Arquitecto de profesión como o seu pai e pintor de vocación, naceu en 1923 na Coruña e morreu en 2006. Con motivo de cumprirse 100 anos do seu nacemento organizouse na sala de Exposicións  do Palacio Municipal da Coruña,  nos pasados meses de outubro e setembro, unha exposición  titulada “Antonio Tenreiro Brochón, obra arquitectónica e pictórica reunidas”, como unha homenaxe que lle rendeu a súa cidade, na liña dos dedicados aos arquitectos Albalat e Molezún. A exposición contou cos precedentes da realizada en 1995, no Quiosco Alfonso da Coruña, e a do Museo de Belas Artes, inaugurada en 2012, na que foron expostas máis de 200 obras pictóricas, moitas ausentes  na exposición anterior. Nada podemos engadir que non se dixera nos sucesivos catálogos unidos ás exposicións dun dos pintores coruñeses máis destacado da segunda metade do século XX.

 

Ante una de sus obras, alrededor de 1976 | ANTONIOTENREIROBROCHON.COM

A arquitectura foi unha profesión á que chegou por herdanza familiar. Sufriu no devandito ámbito o ostracismo do seu pai e a mediocridade e grandilocuencia da arquitectura da etapa franquista, da que se libera buscando inspiración na arquitectura nórdica, especialmente no arquitecto e deseñador finlandés Alvar Aalto. Asinou máis de 1800 obras, proxectando desde vivendas unifamiliares da burguesía coruñesa a casas para traballadores, como as da Central hidroeléctrica Eumesa da Capela (1959), pasando por edificios públicos (o desaparecido Instituto Laboral de Betanzos), edificios comerciais ou de equipamento urbano, como a popular fonte coruñesa das Paxariñas. Colabora con Andrés Fernández Albalat na Embotelladora de Coca-Cola, considerado un edificio emblemático do racionalismo arquitectónico, pero o que verdadeiramente define os seus proxectos é a unión de elementos da tradición construtiva local aos  principios da arquitectura moderna. A súa faceta de deseñador, arquitecto e pintor queda patente na realización dunha serie de murais de gran formato, algúns desgraciadamente desaparecidos.

Pero, con todo, foi máis un pintor. Un pintor a contracorrente, sen concesións á tiranía comercial do mundo da arte e ao encadramento nas escolas artísticas, que incorpora as vangardas, quizais todas menos o surrealismo, o dadaísmo ou a abstracción, cunha interpretación moi persoal; mesmo incorpora o expresionismo na denominada “etapa negra” de comezos da década dos sesenta do século XX;  chegando, nos seus bodegóns da súa etapa final, a un reencontro con Cézanne, tamén a contracorrente. En toda a súa longa evolución mostrou a súa predilección polo impresionismo, na súa técnica solta, na utilización da cor, na obra de formato reducido e na predilección pola paisaxe. Unha paisaxe, cotián, de variedade de encadres nada convencionais, moitas veces contemplado desde o interior do edificio que habitaba, desde a xanela que ás veces lle serve de enmarque.

 

Pintando en Celanova en una foto realizada
por su mujer María Isabel. | ANTONIOTENREIROBROCHON.COM

 

Hai nestas pinturas, acuarelas, gouaches e óleos, unha mirada intimista, poética, que plasma unha visión única, que ningún outro pintor podería pintar, onde sentimos, xunto á fiestra, a presenza do pintor contemplando o ceo sempre gris, o verdor matizado dos campos, os tellados das casas, ou o pasar do tempo. Algunhas destas pinturas están feitas desde as xanelas da vivenda familiar da finca La Magdalena, en Pontedeume, onde a familia se reunía no verán e onde o pintor acudiu ata pouco antes da súa morte. Alí espertouse a súa vocación de pintor e alí pintou as súas primeiras pinturas, aluminado, antes de cumprir os 16 anos,  polo pintor posimpresionista eumés Jesús Fernández “Jesito”.

E alí pintou exquisitas acuarelas e óleos da fonte da casa, das súas árbores, do camiño de Esteiro,  da praia de Cabanas, do porto, do anfiteatro de montes que circunda a ría, da calzada das Virtudes, da adega vella, das humildes casas de Pontedeume, como a casa do aforcado ou, en fin, dun Pontedeume aniñado na saias do monte Breamo, elevándose por encima de todo o torreón medieval ou a igrexa  parroquial. A forma de mirar destas paisaxes ao longo do tempo, quedou reflectida nos seus moitos autorretratos, de mirada serena e próxima, pero ás veces ausente nas súas “pinturas negras”; nos que queda patente o seu estado de ánimo e son toda unha alegoría do paso do tempo e do discorrer da vida.

Salir de la versión móvil