Calcón, a leira dunha familia con historia

Leira de San Calcón (Arquivo Maribel Vázquez)

En setembro de 1924 Antonio Tenreiro Rodríguez escribía ao arqueólogo José Mª. Luengo informando da aparición, con motivo da construción do camiño veciñal de Pontedeume a Ombre e da delimitación da leira da Magdalena, dunha pedra labrada con catro caras. Sabido é que esta peza, hoxe unha das máis notables do Museo Arqueolóxico da Coruña, foi cualificada por Luengo como un cuadrifaz celta de influencia helenística que podería representar a Hermes.

Engade o arqueólogo que en 1962 foi depositada no Museo Provincial de Belas Artes, pasando 6 anos despois o museo arqueolóxico. Antonio Tenreiro precisaba que o lugar concreto da aparición era “la parte situada en el lugar denominado de San Calcón (antigua fábrica de curtidos llamada el Corral”. Engadamos que esta fábrica fora fundada cara 1820 por José Andrés Varela, pasando despois aos seus descendentes. Dada de baixa administrativamente en 1867, a fábrica foi vendida ao ano seguinte a Agustín Tenreiro Fernández, quen cos seus irmáns, Vicente e Ramón, asociados a Rodrigo Pardo, funda en 1864 a fábrica de curtidos “A América”.

Agustín Tenreiro completaba coa devandita compra unha propiedade que chegou a ter uns 19.329,75 m2, denominada, nos planos que chegaron ata nós, leira de S. Calcón. Incomprensiblemente na década dos vinte do pasado século esta leira pasou a denominarse da Magdalena, nome que terminaría recibindo a casa que en 1869 edifica Agustín, segundo proxecto do arquitecto E. Freyre López, do que non sabemos absolutamente nada. Con todo, o topónimo S. Calcón non se perde, pois utilízase, como queda dito, para denominar o lugar onde estivo situada a antiga fábrica.

Se tentásemos atopar o significado de calcón atopariamos que se refire en Galicia a un pequeno tronco de madeira con mango que se utiliza para nivelar os prados, ou, en Hungría, a unha cima calcaria, pero nin rastro dun santo con este nome. Como nome propio atopámolo denominando a unha serie de personaxes helenos, entre eles a un da Ilíada, participante nas guerras de Troia, namorado de Pentesilea.

Con estes datos un non pode deixar de pensar no cuadrifaz atopado no lugar de Calcón,  ao que Luengo considerou de influencia helénica, e barruntar a idea de que entre ambos existiu unha relación, polo que estariamos diante dun topónimo/antropónimo de notable antigüidade, sen dúbida prerromano.

Agustín Tenreiro Fernández (1842-1899) terminou cedendo a leira e a casa ao seu irmán Ramón Tenreiro Fernández, casado con Matilde Rodríguez Pastor, quen a modifica por dentro substancialmente converténdoa nunha confortable vivenda (cunha espléndida contorna axardinada, onde non falta un pombal e algunha fonte) que gozaron os seus fillos: o coñecido arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez e Ramón María Tenreiro Rodríguez, avogado, escritor e militante de Esquerda Republicana, deputado en 1931, anfitrión na casa de importantes intelectuais e políticos como Azaña.

Plano de la leira de San Calcón ( Arquivo Maribel Vázquez)

Outro político da familia foi Horacio Tenreiro Arias Uría, presidente da Deputación da Coruña entre 1927 e 1929 e membro de Renovación Española, propietario xunto a Virgilio, Vicente e Esperanza doutra leira con casa de verán en S. Pedro de Nós (Oleiros), non moi distinta, nun sentido funcional, á Magdalena.

A guerra Civil supuxo un duro golpe para os membros da familia Tenreiro adscritos ao republicanismo, como Antonio Tenreiro, que é condenado ao ostracismo, ou Ramón María, quen se exilia en Suíza, onde morre en 1939. Despois da Guerra Civil, S. Calcón habitada esporadicamente por membros da familia como o pintor e arquitecto Antonio Tenreiro Brochón (1923-2006) gozou aínda de bos momentos. Deixou o mencionado pintor algunhas luminosas pinturas da leira e de Pontedeume, nas que mostra o seu amor pola casa e a vila eumesa.

En 1996 coa chegada da autoestrada e a creación do paseo Marítimo, onde lentamente agonizou o famoso Texo, a antiga leira de S. Calcón queda notablemente minguada, e a casa da Magdalena, coa súa característica lanterna, devorada pola vexetación e a herrumbre, parece querer seguir os pasos da casa Bailly (“O Grajal”), o que supoñería unha gran perda para a historia e o patrimonio arquitectónico de Pontedeume.

Unha débeda pendente

Quen se mergulle na historia de Pontedeume darase conta do desequilibrio que existe entre a importancia da familia Tenreiro e o tempo que os historiadores dedicaron ao seu estudo. É certo que nas últimas décadas púxose en marcha un movemento de recoñecemento da figura do arquitecto Antonio Tenreiro, a quen o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en 2007 dedicou unha monografía, concedeu o premio Coruña de Arquitecto e creou o premio Tenreiro; e a quen o concello da Coruña no 2012 puxo o seu nome a unha praza.

Pero o descoñecemento que temos de Antonio Tenreiro Filgueiras, Agustín Tenreiro Fernández e os seus irmáns, ou do mesmo Ramón María Rodríguez, a pesar da aparición ultimamente de información en determinados artigos xornalísticos, é notoria. Durante algún tempo pensamos que todo se debeu á débeda de silencio que tiveron que pagar os membros da familia que militaron no bando perdedor da Guerra Civil. Pero con ter algo de verdade esta consideración, non o explica todo. Proba diso é que os Tenreiro tiveron membros en ambos os dous bandos, como descubrimos ao indagar na rama de familia propietaria da leira de Nós, de cuxa relación coa rama de Pontedeume apenas sabemos nada e á que tampouco se prestou moita atención.

É pois necesaria unha obra que poña de manifesto a importancia que no seu conxunto tivo a familia Tenreiro no século XIX e que os investigadores se poñan a traballar.

 

 

Salir de la versión móvil