Escribir a historia e divulgala

No 2002, no Comarcal, publicamos un artigo co mesmo título poñendo de manifesto, con algúns exemplos, a dificultade de divulgar a historia, especialmente a historia local. Pasaron vinte e dous anos e non podemos dicir que a situación non mellorase. Nesta mellora sen dúbida tivo moito que ver a proliferación de sitios web ou plataformas dixitais: dende os blogs, máis ou menos especializados en determinados temas, á Wikipedia/Galipedia, pasando polas páxinas dos concellos, que incorporan entradas dedicadas á historia e ao patrimonio artístico. Tampouco se pode desprezar o papel das redes sociais, como Facebook; por exemplo, no afloramento de documentación e fotografía antiga.

Moitas destas plataformas están orientadas ao fomento do turismo. É o caso de Pontedeume Turismo, Ferrolterra Rías altas, Turismo de Galicia (dependente da Xunta), Galicia Máxica ou as webs que incorporan a expresión “que ver”, algunhas (rialtas.infor ou Tripadvisor) cunha marcada vertente de negocio. Non é infrecuente a especialización destas plataformas. É o caso das que se moven ao redor do fenómeno da peregrinación a Santiago, ben desde a iniciativa pública, como Xacopedia, caminoinglés.gal (Asociación de concellos do Camiño inglés), ou privada, como pilgrim ou croze.com. E en realidade podemos atopar plataformas especializadas en calquera tema: é o caso da xenealoxía (xenealoxía.orga), arqueoloxía (celtiberia.net), arte (Románico Dixital, Torres, Castelos , Fortalezas), Memoria Histórica (15Mpedia), etc. Noutros casos máis que de divulgación trátase de acceder con facilidade a traballos de investigación histórica, como é o caso do Anuario Brigantino, Caderno Ateneo Ferrolán, Nalgures, Cátedra, revistas ás que posteriormente se uniron a Revista de Neda ou Hume Historia (As Pontes); ou os traballos de investigación do Grupo de Arqueoloxía dá Terra de Trasancos.

En todo este fenómeno de difusión, certamente desigual pois non sempre está realizado por historiadores profesionais, xoga un papel importante o crecente interese pola Historia Local e mesmo familiar; entendida por tal aquela historia que, lonxe de ocuparse dos grandes temas que preocupan á colectividade no seu conxunto, interésase por saciar a curiosidade polo máis próximo ao individuo, moitas veces sen un especial valor histórico ou artístico.

A resistencia do papel

Nun mundo de imaxes dixitais, facilmente producidas, reproducidas e accesibles a través do teléfono móbil, o campo das tarxetas postais parece ter os días contados. Tivo o seu monumento de gloria desde o primeiro terzo do século XX e agora parecen relegadas ao mundo do coleccionismo; aínda que se temos en conta o acontecido co disco de vinilo non nos atrevemos a vaticinar a súa total desaparición. O mesmo sucede coas enciclopedias en papel, pero non coas guías turísticas, demandadas por persoas dunha certa idade que se educaron nun mundo de papel que se resisten a ver desaparecer. A realización destas guías, traballos de síntese máis difíciles do que se pensa, debe de partir de estudos rigorosos de investigación. Este labor, na comarca eumesa e limítrofes, é realizada polas revistas antes sinaladas; aos que habería que engadir as publicacións da Deputación da Coruña, aínda que co problema dunha deficiente difusión consecuencia de edicións non venais.

Cada monumento, cada lugar de interese histórico artístico debería de ter unha ou varias publicacións de calidade, que se puidesen adquirir in situ, como medio de dignificar o noso turismo.

Difusión entre os nenos

Como profesor de historia, sempre me preocupou a difusión da historia entre os nosos alumnos, tarefa que resulta complicada. Non é unha preocupación nada orixinal: xa en 1982, impulsada por Ignacio Dosil Felipe con debuxos de Xosé Ramón, publicouse un pequeno libro titulado Pontedeume conxunto moimentel adicado aos nenos. Agora, coa colaboración da Librería Ancora de Pontedeume, saíu á luz un blog de 18 debuxos para colorear, titulado Pintando Pontedeume e a súa Comarca. Cada debuxo, que representa un monumento emblemático de Pontedeume, leva unhas liñas sobre a historia do mesmo. Esperemos que sirva para que os nenos coñezan mellor o noso patrimonio sen deixar de divertirse.

Salir de la versión móvil