Feiras e feiras

Feirón de Pontedeume

Na Idade Media as feiras eran mercados periódicos anuais que duraban máis dun día, podendo manterse incluso durante 30 días seguidos. Co correr dos séculos, esta definición desvirtúase e denomínase feira ao que son simples mercados. No privilexio da fundación de Pontedeume de 1270 dise: “et, otrosí, les otorgamos que fagan mercado cada mes e que todos aquellos que y vinyeren que vengan e vayan seguros, así como a todos los otros mercados de nuestro reyno”.

É evidente que esta concesión non supón a creación dunha feira que si parece existir a principios do século XVII, pois no ano de 1617 o Procurador Xeral de Pontedeume acode perante o alcalde maior dicindo que “la plaza principal era pequeña y tenia necesidad de ensancharse por hacerse doce Mercados y doce ferias en el año, y ademas todo el mes de Diciembre feria franca donde concurrían Mecaderes de todo el Rno, Portugal y Castilla, por lo que era necesario una plaza de casa cahida, que se quemara en el yncendio General de la Villa, que era de Juan Lopez de Ameneyro”.

Non sabemos cando aparece a feira de Pontedeume, da que nada din as ordenanzas de 1622, nin sabemos cando desaparece, pero o certo é que xa non existía a mediados do século XVIII. No catastro do Marqués da Enseada, confundindo feiras con mercados, dise que mercados e feiras en Pontedeume non hai máis que un, chamado feira, que se celebraba o último día de cada mes ao longo do ano, ao que concorrían xentes da contorna con bois, leitóns, grans e algúns tendeiros de panos, e as alcabalas que se cobraban correspondían ao rei. O mesmo sucedía en Ferrol e As Pontes. En Betanzos había mercado todos os xoves da semana e o primeiro de todos os meses, e unha feira anual o día once de novembro.

Digamos, seguindo ao historiador Miguel Ángel Ladero Quesada, que as feiras se desenvolven en Galicia desde mediados do século XII ao mesmo tempo que medran as vilas. A unha primeira fase de auxe desde mediados do século XII, sobre todo no reinado de Alfonso X, sucede, no século XIV, un período de crise en canto á súa creación, seguido dunha nova fase de reactivación do fenómeno feiral desde finais do citado século ata ben entrado o século XV. A súa creación débese a iniciativas reais e, en menor medida, señoriais.

En Galicia, o Camiño de Santiago non deu lugar a un desenvolvemento feiral nin Santiago contou cunha gran feira, aínda que si con dúas de tres días de duración, que non se ampliaron a 15 días ata 1315. Tamén tiveron feiras as novas vilas de Mondoñedo (1156), Ribadeo (1182) e Viveiro (1190). A primeira tivo unha feira de oito días desde o 15 de agosto, e a segunda tivo feira desde 1285, de dez días, creada por Sancho IV; aínda que ambas non deberon de perdurar.

Outras feiras, das que non coñecemos moito, foron as de Milmanda, de xuño de 1199, concedida por Afonso IX; Ortigueira, creada en 1255 por Afonso X, de 15 día de duración, a comezar o día de Sta. María de setembro; a de Oseira, celebrada no coto de Cea, concedida por Sancho IV en 1286 con obxecto de incrementar o comercio comarcal; ou a máis tardía de Sarria (1487), como as outras, creada aducindo a mellora do poboamento. De fóra de Galicia, a maior, cunha importante vertente financeira, foi a de Medina del Campo.

A feiras como lecer

Na década dos noventa do século XX comezan a proliferar o que se coñece como feiras medieval. En Pontedeume, coa denominación de Feirón Medieval dos Andrade, a primeira celébrese no 2010. O intento de unilas a acontecementos históricos relacionados con Afonso X, rei que crea a Póboa, os Andrade ou os Irmandiños, non resultou fácil e os primeiros intentos non tiveron continuidade, á vez que diminuíu a implicación popular, ao que sen dúbida contribuíu a recente pandemia.

As feiras, limitadas a meros retoques de ambiente escenográfico e recreacións de actividades medievais baixo influxo do cinema, convertéronse nun importante negocio para determinadas empresas que clonan as actividades dunhas vilas a outras. Pero se ben fracasa a conmemoración histórica, o certo é que estas festas atraen a un considerables número de visitantes, supoñendo unha nada desprezable reactivación económica para as vilas onde se celebran. Pero hai máis: poden ser un importante escaparate para que vilas como Pontedeume, certamente nadas na Idade Media e que tiveron feira medieval, difundan o seu importante patrimonio, especialmente o trazado urbano en cuadrícula do casco antigo medieval que se conservou ata a actualidade, dentro dunha desaparecida muralla con unha pegada aínda visible

. A potenciación deste casco antigo debería ser o principal obxectivo da feira, ata o punto de que sen el, caso por exemplo de Ferrol, a celebración destas feiras carecen de todo sentido. Engadamos que tamén pode ser un bo pretexto para impulsar a nosa industria artesanal.

Salir de la versión móvil