Juan José Roberes, sacerdote eumés entre o social e o poético

Homenaje en 1925 a J. J. Robereslos

Descoñecemos as razóns polas que Juan José Roberes Rodríguez, cando tiña 19 anos, a pouco de morrer o seu pai e tendo cursando catro anos de carreira eclesiástica, emigra a Cuba, sendo membro dunha familia con recursos económicos. O certo é que en Cuba termina de formarse, chegando a ser cóengo doutoral da catedral da Habana e notario maior do devandito arcebispado. Os pasos cara a esa dignidade, que alcanza en 1911, son coñecidos: terminados os seus estudos no seminario da Habana, pasou a Iucatán (México) onde se ordenou sacerdote en 1896, regresando a Cuba para exercer sucesivamente de tenente cura en Cifuentes e Cárdenas, e cura en Aguacate, Alto Novo, Balondró, Ceiba de Auga e Managua. Persoa culta, políglota, bo orador, poeta e afeccionado á pintura, exerceu durante algún tempo de profesor de Filosofía e Historia, foi presidente do Centro Galego na Habana e da Asociación iniciadora e protectora da Real Academia da Lingua Galega en Cuba, e fundador da Asociación Pontedeume e a súa Comarca.

J. José Roberes naceu en Pontedeume en 1872 e morreu o 20 de febreiro de 1938, tamén en Pontedeume. Non sabemos moito dos seus pais, que tiveron nove fillos e casa na rúa de Santiago, de onde pasan a Porto de Arriba, a unha casiña branca á que dedicou algúns versos, como tamén llos dedicou á súa irmá Carmen. Sabemos que o seu pai, Ramón Roberes, casou coa canaria Francisca Rodríguez Yáñez, e que foi primo de Edmundo Roberes, director de El Eco de Puntedeume. A esta publicación, onde publica a súa primeira poesía, sucedeulle Ecos del Eume, da que Juan José foi correspolsal e encargado de subscricións entre 1911 e 1914. Manuel Carrillo Cortizas, redactor da revista Galicia en Cuba, ao referirse a el nunha foto da asociación “Pontedeume y su Comarca” que manda a Ecos del Eume, dinos comentando dita foto: “veis al astro brillante e inspirado, al escritor castizo, que más de una vez nos deleitó con sus bellas prosas y vibrantes artículos, al pintor excelente; al músico admirable, y por último, al ejemplar y virtuoso sacerdote”.

 

Conciencia social

Del dise en Ecos do Eume que foi un verdadeiro socialista, o que debemos entender nun sentido cristián e non político. Coñece de primeira man o problema da emigración, fala descarnadamente dos seus mitos e das mentiras que provocan o seu pernicioso efecto chamada, criticando duramente aos pais que permiten a saída das súas fillas, considerando que máis lles valese morrer de fame; e, sobre todo, laméntase da incultura e falta de formación dos emigrados, o que os leva a ser carne de canón. Para tentar evitar este mal impulsa en 1911 a creación da asociación “Pontedeume e a súa Comarca”, que pasa a chamarse ao ano seguinte “Pontedeume y su partido judicial”. Este tipo de asociacións ou “sociedades de instrución” aparecen nun momento de efervescencia do asociacionismo indiano (había 35 en 1912) para crear escolas que mellorasen a instrución dos seus paisanos, das que a Alianza Aresana, a pioneira, foi un bo exemplo. Pero aínda que Juan José non desistía de fundar unha escola agrícola, un museo ou unha biblioteca, a súa idea era moi distinta á das devanditas asociacións: para el non debían de suplantar o papel do Estado, a quen competía a educación dos cidadáns, senón complementar o seu labor, impulsando a creación de escolas nos lugares onde houbese máis de 30 veciños, e unha vez creadas, constituír nelas seccións de formación profesional. E iso cunha visión adiantada do papel da muller, pois estas seccións de ensino práctico deberían estar abertas a ambos os dous sexos.

A asociación xorde con 172 socios fundadores e un entusiasmo desbordante que leva ao concello de Pontedeume a ofrecer a casa-palacio dos Andrade e unha doazón de 1000 pesetas anuais. Pero o entusiasmo arrefríase pronto, seguramente por desavinzas internas. Algúns membros,

cunha postura máis político-social, seguen a opinión de Constantino Horta, quen desconfiaba dos gobernos, ineficaces e antipatrióticos, que non miraban polo ben do pobo, e inclínanse por unha vía aresá, que supoñía simplemente a creación dunha escola, orientada pola asociación, libre das directrices institucionais. Sexa por estas discrepancias ou por certas críticas infundadas, o certo é que Juan José renuncia á presidencia na elección do bienio de 1913 e 1914, aínda que volverá en 1920. Tiña por entón a asociación uns fondos de 5250 pesetas e 80 socios, e, fose pola falta de financiamento ou de espírito asociacionista, o certo é que nunca chegarían a cumprirse os obxectivo fixados nos seus estatutos, converténdose en unha asociación de afirmación da identidade eumesa, de beneficencia e de socorros mutuos.

 

Juan José poeta

É certo que os seus coetáneos o consideraron un poeta e que en 1912 gaña o premio de poesía convocado pola revista Bohemia cunha composición dedicada á patroa de Cuba, a Virxe da Caridade do Cobre; e é certo que previamente publicara nos xornais de Pontedeume e en outras revistas co pseudónimo de D´Eume; pero non é menos certo que morreu sen publicar ningún libro. E é que, pensamos, foi máis orador que escritor, e imaxinámolo recitando os seus poemas e regalándollos aos seus amigos e coñecidos. El dinos de si mesmo con versos moi afastados da grandilocuencia decimonónica:

 

¿Quién soy? -Hoja marchita.

¿Quién fui? -Una onda inquieta.

Fui algo que se agita;

ni bardo ni poeta

ni genio creador.

Fui como todo el mundo

un soñador profundo;

y, al fin, triste y rendido,

no soy ni lo que he sido:

un pobre soñador.

 

Chegou a Pontedeume para morrer traendo na maleta 94 poemas, 24 baixo o título de Rimas. Son poemas que nos falan de amor e de amizade, da condición humana, da morriña da patria perdida e das súas paisaxes, algúns de relixión e de historia, sempre cun sentimento tráxico da vida. Poemas cos que nunca perseguiu a gloria nin deixar na memoria dos homes a súa canción; poemas hoxe en mans de Manuel Otero (marido de Carme María Roberes, a súa sobriña), quen non descansará ata velos editados nun libro, evitando así o esquecemento definitivo.

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.