Museos con personalidade

Os museos son espazos de difusión cultural, transmisión de coñecementos e socialización. Cada un ten a súa personalidade, froito do seu contido, continente e unha orixe unida, nas nosas comarcas, a iniciativas impulsadas ou apoiadas polos concellos.

Un dos máis antigos é o Museo do Humor de Fene, inaugurado en 1984 na Casa da Cultura e ligado á relevancia do humorista Xaquín Marín, residente en Fene, quen foi o seu director ata 2008. O edificio, de paramentos brancos por dentro e por fóra, sen concesións á policromía, cunha excelente iluminación natural, foi deseñado por Felipe Pena e inaugurado en 1982. O museo que alberga o edificio, compartindo espazo coa Biblioteca Municipal, nútrese de doazóns, en continuo crecemento, dos máis prestixiosos humoristas de España. Como moitos museos modernos, non se limita a expoñer senón que ven realizando distintas actividades culturais como exposicións temporais, publicacións, premios Curuxa, talleres e ciclos de monólogos.

El Museo do Humor de Fene

De personalidade moi distinta ao anterior é o Museo Etnográfico da Capela, tanto polo edifico que o alberga como polo seu contido, ambos en perfecta harmonía. O edifico, no antigo camiño de acceso ao mosteiro de Caaveiro, coñecido como Casa do Pazo, foi residencia do prior de Caaveiro e logo casa reitoral, e ben puidese ser do século XVIII. O visitante pode contemplar as distintas dependencias dunha casa rural galega e infinidade de utensilios relacionados coas actividades tradicionais, incorporando recentemente un espazo que recrea unha cantina- tenda tradicional. O museo é o froito dun meritorio proxecto pedagóxico que implicou a toda a comunidade educativa do CPI Mosterio de Caaveiro, que desde 1981 recompilou, restaurou e estudou obxectos doutros tempos. A dimensión que adquiriu o proxecto fixo necesario crear no 2001 a asociación Padroado do Museo Etnográfico da Capela e arbitrar no 2006 o edificio que albergase o museo: en palabras de Segundo García Mera, o seu director e un dos máximos impulsores, “unha aula viva onde se presenta a casa como unha unidade básica dá sociedade rural”. A asociación creou o premio de investigación Ferro Caaveiro e unha revista que leva editado 15 números. Pero é máis, a súa última realización foi un museo, coñecido como A Escola, que recompila todo tipo de obxectos relacionados coa docencia e propón un percorrido pola historia da educación desde finais do século XIX. Sitúase este museo na Casa da Cultura (As Neves), cunha primeira planta dedicada a aula e a casa-habitación do mestre e unha segunda con todo tipo de obxectos escolares

En Pontedeume, o antigo Torreón contiguo ao denominado palacio de Andrade, posiblemente do século XIV, ofrece un exemplo de reutilización dun oficio histórico que perdeu a súa primitiva función. Despois de sucesivas rehabilitacións e ser destinado a distintas funcións, na actualidades é oficina de turismo e desde o 2001 Centro de Interpretación dos Andrade; aínda que na súa planta superior alberga unha exposición permanente doada polo pintor Julio Prieto Nespereira; desde a que se accede á terraza para gozar dunha magnífica vista da ría e da ponte que da nome á vila. No museo pódense ver documentos (algúns tan importantes como o privilexio real de Juan II), paneis explicativos das claves do mundo medieval e meritorias maquetas da ponte medieval e do antigo palacio.

O centro de Interpretación de Caldoval, inaugurado no 2015, a un tiro de pedra do IES de Mugardo, é un edificio arquitectónico vangardista destinado a albergar os baños dunha vila romana, datable entre os séculos I e V, descuberta na enseada de Santa Lucía polas escavacións levadas a cabo por Reganosa, e transportados tal cal estaban. O edificio, deseñado por Alfonso Penela, resólvese nun espiral e rampla de formigón descendente, rodeando unhas ruínas que parecen xurdir da terra. Completan a exposición explicacións do funcionamento dos baños e obxectos do mundo romano galego.

 

Museos de Ferrol

Os museos de Ferrol, a excepción do Centro Torrente Ballester e o museo da Semana Santa, teñen unha indubidable vocación marítima. O primeiro é un centro cultural multidisciplinar, onde se realizan exposicións de pintura, deseño ou relacionadas coa música, o cinema ou a arquitectura, así como representacións teatrais. Está situado desde 1993 no antigo Hospital de Caridade, edificio realizado entre 1783 e 1786. O segundo, situado nos baixos da Costa de Mella, inaugurado no 2018, pretende dar a coñecer durante todo o ano unha Semana Santa que foi declarada de interese turístico internacional.

O Museo Naval atópase situado no antigo presidio de S. Campio, construído entre 1765 e 1776, segundo traza de Julián Sánchez Bort. O museo inaugúrase en 1986 co afán de gardar, conservar, expoñer o noso patrimonio naval e difundir a brillante historia da nosa Armada desde todos os puntos de vista.

O Museo Nacional da Construción Naval, principal museo de España do devandito ramo, ocupa o antigo edificio de Herrerías, dentro do Arsenal de Ferrol. O museo inaugúrase no 2008 impulsado pola Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval, xurdida no 2004. Na primeira planta ofrécesenos un percorrido polos distintos aspectos da construción desde o século XVIII e a segunda está dedicada a ASTANO e a electricidade e electrónica.

Museo de la Construcción Naval

O Museo Historia Natural de Ferrol abre as súas portas en 1983 no número 11 da rúa Méndez Núñez. Posúe unha colección única en Galicia de especies de flora e fauna mariña, que moitas xeracións de naturalistas da sección da SGHN de Ferrol foron reunindo e estudando. Destaca a exposición de cartografía mariña, aberta ao público en 1991, e os fondos dedicados a mamíferos mariños, cunha das coleccións máis importantes de cetáceos mariños da Península Ibérica.

Carlos de Castro Álvarez es Licenciado en Filosofía y Letras por la Universidad de Valladolid. Profesor de Geografía y Historia en el IES Breamo de Pontedeume. Cofundador de la revista Cátedra, Revista eumesa de estudios y de la editorial Espino Albar.
Salir de la versión móvil