O accidente ferroviario da Torre del Bierzo: vítimas de Betanzos e Ferrol

Fotografía do lugar tralo accidente

O 3 de xaneiro de 1944 ten lugar o accidente ferroviario da Torre del Bierzo. O tren causante do mesmo, o expreso 421 coa locomotora a Americana, era o único tren Madrid-A Coruña que facía paradas en todas as estacións e ese día ía totalmente cheo, ata o punto de que en Astorga, onde acumulaba un atraso de 2 horas e 15 minutos, xa non se despachaban billetes. Os primeiros problemas detectáronse en León co freo de baleiro, que imposibilitou que en Quintanilla parase enfronte da mesma estación. A pesar de todo e de que a Mastodonte, máquina que facía a dobre tracción, houbo de ser separada do convoi por unha avaría nun coxinete de graxa, decídese acometer a difícil rampla de Brañosera cunha soa máquina.

Antes de chegar á devandita baixada, a locomotora, que xa non pode parar na estación de Albares, queda sen freos, superando nun 28% á velocidade habitual (chega a 60 Km/h). Ao detectar a perda de freos, téntase parala por todos os medios, mesmo cos freos dos vagóns, o que resulta difícil porque a circulación polos corredores atestados era moi complicada. Esta circunstancia e o non parar en Albares alerta aos pasaxeiros do que estaba a ocorrer, producíndose as primeiras escenas de pánico e que algúns saltasen do tren. O accidente resulta inevitable.

O expreso 421, nun primeiro impacto, alcanza a cola dun manobras que estaba, dentro do túnel Pena Calada, tentando deixar libre a vía, A plataforma e dous vagóns cargados de carbón saen despedidos e taponan a boca de saída do devandito túnel, chocando sobre eles a Americana nun segundo impacto, moito máis violento. Os primeiros vagóns quedan encartados coma se fosen un acordeón, ocasionando a explosión dos depósitos de gas do teito. Un terceiro choque prodúcese entre a locomotora do manobras e un mercadorías procedente de Bembibre, remolcado pola locomotora Santa Fe, que provoca o descarrilamento de 7 unidades da cabeza das 27 que arrastraba.

Información sobre o accidente

A prensa dá conta puntual do suceso nos seguintes días, aumentando progresivamente o número de vítimas, coa confusión propia deste tipo de sinistro. Dáse a circunstancia de que oito días despois prodúcese o accidente ferroviario de Arévalo, saldado con 47 mortos e 130 feridos, e, o 25 do mesmo mes, o de Olaveaga, na liña Bilbao-Portugalete, con 117 ferido. Demasiado para un réxime que non podía permitirse o desprestixio dunha empresa do estado como era RENFE, agravado pola o feito de que o 62% das vítimas eran forzas militares. Todo iso tradúcese na imposición dunha censura que non permitiu ningún tipo de homenaxes, como o proba o feito de que, o 12 de xaneiro, o ministro de Mariña, almirante Salvador Moreno Fernández, visitase Ferrol e pronunciase un discurso sen aludir nin render homenaxe pública á tropa de mariñeiría falecida e ferida e ao heroísmo dos mariñeiro no socorro das vítimas.

Un manto de silencio caeu rapidamente sobre o accidente e só o ABC, nos meses seguintes, se interesou pola situación dos membros do Betanzos Club de Fútbol, únicas indemnizacións que foron publicadas. A opacidade informativa fixo que durante moito tempo circulasen noticias erróneas sobre o número de vítimas, oscilando as estimacións entre os 200 e 250, chegando un informador inglés a dar a cifra de 500-800 mortos, convertendo o accidente no terceiro máis grave do mundo.

Ao cumprirse 100 anos do accidente, Vicente Fernández Vázquez publicou unha excelente investigación, inmensa homenaxe á verdade e ás vítimas, titulada La Verdad sobre el accidente ferroviario de Torre del Bierzo (1944), na que analiza o accidente desde todos os puntos vista, probando sen ningunha dúbida que o número de vítimas fora de 100 mortos e 111 feridos, delas o 26% de Galicia.

Vítimas de Betanzos e Ferrol

Houbo 84 vítimas de mozos mariñeiros do primeira quenda de 1944, procedentes de todos os puntos de España, que estaban destinados aos buques atracados no porto de Ferrol. Delas, 26 falecidos.

Entre as vítimas atopábanse os membros do equipo do Betanzos Club de Fútbol: os falecidos Moisés Remo Vieti, porteiro suplente, e o defensa Manuel García Amarelo. Os demais xogadores resultaron feridos de diversa consideración, algúns, como Enrique Dopico e Remigio Pérez Troitiño, de tanta gravidade que non volveron xogar nunca.

Moisés Remo era veciño de Ferrol (Infernillo 35), natural de Almería, solteiro, de 20 anos, fillo de Moisés e Luisa. O seu corpo quedou completamente calcinado e a súa nai, viúva, recibiu 40.00 pts de indemnización. García Amarelo tiña 23 anos, soldado do Rexemento de infantería nº 26, estaba solteiro e era o maior de catro irmáns. Os seus pais, Leoncio García e Francisca Amarelo, de Barallobre, vivían na rúa Antelo 6 e foron indemnizados con 40.000 pts. Enrique Dopico, veciño da Gándara, era obreiro da construción, e Remigio Pérez, natural de Betanzos, tivo un derrame sinovial no xeonllo que o tivo moito tempo convalecente, recibindo indemnización de 3.840 pesetas.

Outros falecidos veciños de Ferrol foron Jesús Codesal Parguiña e María Concepción Modesta Eiroa. O primeiro, natural de Sant Joan de Les Abadesses (Girona), era garda civil, fillo do garda civil retirado Antonio Codesal e de Josefa Pardiña. Tiña 50 anos, estaba solteiro e vivía en Francisco Franco 23 con dúas irmás e o seu pai, quen, como único herdeiro, foi indemnizado con 20.000 pts. María Concepción Modesta Gómez, de 33 anos, casada con Marcelino Rosende, era filla de Wenceslao e de Carmen. Deuse a circunstancia de que Rosende sacou ao seu fillo de trece meses do túnel, regresando para auxiliar á súa muller, atopando tamén a morte.

Como sucedeu a outros pasaxeiros, o incendio calcinou o corpo de Modesta que só puido ser identificado por o testemuño dun interventor e do Director do Banco de Bilbao de Ponferrada, a quen Marcelino Rosende deixou o seu fillo. O titor do neno recibiu a indemnización de 40.000 pesetas. Por último, outro falecido residente en Betanzos foi Martina Fernández Puente, nacida en 1907 en Santovenia de Valdoncina (Léon), filla do factor de Betanzos Felipe Fernández.

Salir de la versión móvil