O mercado de Pontedeume na praza do Conde

O Mercado actual foi construído, tras varios proxectos realizados por Antonio Tenreiro, na década dos cincuenta do século XX

Proyecto de mercado de Antonio Tenreiro

Tras unha azarosa rehabilitación, o mercado de Pontedeume, na parte alta da praza do Conde, brilla en todo o seu esplendor, especialmente a parte sur, que agora se pode percorrer tras haber desaparecido o engadido que a afeaba. Veu a substituír este mercado a dous mercados anteriores: o mercado da praza do Pan, na praza do mesmo nome, desaparecido en 1941, e o mercado do Peixe, na parte baixa da mesma, construído en 1857 e desaparecido no 1936. Ámbolos dous eran en realidade estruturas abertas, compostas de tellado a catro augas soportado por piares.

O Mercado actual foi construído, tras varios proxectos realizados por Antonio Tenreiro, na década dos cincuenta do século XX, sendo ampliado no súa parte sur segundo traza de Ramón Tenreiro Brochón, fillo de Antonio Tenreiro, tras acordo municipal de 1965.

A praza do Conde, ampliada tras a desaparición da antiga Casa-Palacio, lugar de asentamento do mercado Municipal, do Pilón na parte central e do Torreón nun extremo, é un dos espazos de máis personalidade da vila.

Descoñecemos de onde procede o seu nome, aínda que, en todo caso, a súa denominación debería ser posterior á asunción da casa de Andrade do título condal, o que sucede con Diego de Andrade e con máis seguridade co seu fillo Fernando de Andrade, Conde de Andrade e Villalba, falecido en 1540. Si podemos dicir, por documentos tardíos, que a Corporación Municipal pensaba que era un espazo que o señor cedera á vila desde tempo inmemorial.

Antonio Tenreiro Rodríguez

Os pais de Antonio Tenreiro (1893-1972) foron Ramón Tenreiro Fernández, cofundador da fábrica de curtidos “A América”, e Matilde Rodríguez Pastor. Era, pois, sobriño de Agustín Tenreiro, patrocinador do desaparecido asilo, cuxa adaptación para escola de nenos en 1920 é unha das súas primeiras obras. E era irmán do político Ramón María Tenreiro, deputado, amigo persoal de Azaña.

Estudou arquitectura na Escola Superior de Arquitectura de Madrid e soubo asimilar as vangardas superando a arquitectura decimonónica. Chegou a ser arquitecto municipal da Coruña, cidade onde realiza o proxecto do Banco Pastor, a Casa Barrié, o mercado municipal de S. Agostiño, as Escolas de Náutica e de Comercio ou o Conservatorio de Música. Cofundador do Colexio de Arquitectos de León, foi represaliado pola súa militancia republicana. Rehabilitado como arquitecto municipal, realiza en 1952 o proxecto do Arquivo do Reino de Galicia nos Xardíns de San Carlos.

Antonio Tenreiro

En Pontedeume, ademais de remodelar e proxectar diversas vivendas, se lle encarga en 1923 o proxecto de urbanización da praza do Conde. Realiza entón un primeiro proxecto, coa colaboración de Peregrín Estellés, que supoñía a construción de dous edificios xemelgos, de resaibos neoclásicos, rodeados de xardíns. Con todo o proxecto definitivo será o que hoxe podemos ver.

Realizado entre 1935 e 1942, non se comeza a materializar ata 1952 polos serios problemas de adxudicación e financiamento que ten o concello, e ata 1960 non se fai unha ordenación do mesmo, quedando conformado por 19 postos.

O Mercado de Pontedeume responde a unha solución moi mediterránea: unha estrutura con soportais buscando a relación coa contorna; entroncando co espírito dos mercados populares galegos e dos campos das feiras. O gran arco de entrada de remate mixtilíneo presenta, con todo, contactos coa arquitectura colonial ou neocolonial, cuxo momento culminante é a Exposición de San Diego de 1915. Aínda que se hai que buscar un precedente inmediato este sería o mercado tinerfeño da Recova realizado en 1942.

 

Carlos de Castro Álvarez es Licenciado en Filosofía y Letras por la Universidad de Valladolid. Profesor de Geografía y Historia en el IES Breamo de Pontedeume. Cofundador de la revista Cátedra, Revista eumesa de estudios y de la editorial Espino Albar.
Salir de la versión móvil