Precursores da defensa do patrimonio: Ángel del Castillo

A preocupación de unha xeración por manter o patrimonio das anteriores é relativamente recente, aínda que é sabido que Afonso X o Sabio, no século XIII, tomou medidas para protexer o patrimonio artístico.

Ángel del Castillo dedicouse a inventariar, estudar e difundir o noso patrimonio

En cada época ou etapa da Historia o home constrúe ou reconstrúe o seu entorno material. Desta dinámica foron quedando numerosos restos que, nalgúns casos, se converteron na sinal de identidade dun país, dunha vila ou dunha cidade, dun valor económico e cultural incalculable. Baste mencionar, por exemplo, as pirámides de Exipto, o Partenón de Atenas, o acueduto de Segovia ou as murallas de Lugo. A permanencia destes restos ata a aparición das leis de protección do patrimonio non parece responder a ningunha regra e é máis azarosa do que podería parecer, sendo ben coñecida a desaparición das sete marabillas da Antigüidade ou o feito de que o Pórtico da Gloria non desaparecese de milagre.

A preocupación de unha xeración por manter o patrimonio das anteriores é relativamente recente, aínda que, como en todo, hai excepcións e é sabido que Afonso X o Sabio, no século XIII, tomou medidas para protexer o patrimonio artístico. A preocupación aumentou a medida que se incrementou o nivel de benestar, o que ocorre en sociedades democráticas onde os individuos valoran a súa cultura, teñen tempo libre, vacacións pagadas e xubilación.

Na España do século XVIII aparecen as primeiras medidas de protección canalizadas a través da Real Academia da Historia e das Belas Artes, e de 1803, no reinado de Carlos IV, datan as primeiras disposicións. Sen embargo, ata 1844 non se constitúe unha Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos, á que seguen outras medidas de protección que buscan a complicidade de concellos e deputacións. A principios do século XX xorde, dentro do ministerio de Fomento, a Dirección Xeral de Belas Artes. A constitución republicana de 1931 inclúe a protección do patrimonio e en 1933 apróbase a Lei de Defensa, Conservación e Acrecentamento do Patrimonio Histórico-Artístico Nacional; pero non é ata a lei de 1985 de Patrimonio Histórico Artístico cando se formula unha completa normativa.

O proceso lexislativo sobre a defensa do patrimonio, cuxo concepto deixou de incluír so bens histórico- artísticos, foi paralelo á polémica de como realizar as restauracións e ao incrementou do número de arquivos e museos. Tamén foi paralela ao incremento do turismo, fenómeno de viaxeiros románticos no século XIX que se converteu no noso tempo nun fenómeno de masas cun peso moi importante na economía, especialmente en países como España, onde se comezou a lexislar sobre o mesmo no reinado de Afonso XIII (1902-1931), momento da creación da Comisión Nacional de Turismo.

A Comarca Eumesa

A Comarca Eumesa posúe un inventario histórico-artístico excepcional: ao patrimonio arqueolóxico hai que engadir as igrexas románicas e o gótico mariñeiro, o casco antigo de Pontedeume, os mosteiros e o conxunto edilicio unido aos Andrade e ao arcebispo Raxoi. A devandita importancia foi recoñecida por decreto de 13 de agosto de 1971, que a declara Conxunto histórico e paraxe pintoresca. Previamente, no 1924, foi declarado monumento arquitectónico-artístico a casa-pazo dos Andrade, o que non evitou a súa desaparición, agás o Torreón; en 1931, S. Miguel de Breamo; e, en 1949, o castelo de Andrade. A declaración de Caaveiro retrasárase ata 1975 por razóns que explicaremos noutro momento.

Inventario da riqueza monumental do Eume | Apuntes sobre Caaveiro de Ángel del Castillo

Ángel del Castillo

Ningún dos procesos descritos sería posible sen homes como Ángel del Castillo que no seu día dedicáronse a inventariar, estudar e difundir o noso patrimonio, especialmente entre a clase traballadora, con un concepto do turismo verdadeira moderno. Naceu na Coruña en 1885 e morreu en 1961. Perito mercantil, estuda tardiamente Filosofía e Letras, Sección de Historia. Foi arquiveiro, bibliotecario e cronista do concello da Coruña; Delegado Rexio de Belas Artes, membro da academia Galega, de Belas Artes da Coruña e de S. Fernando, e do Seminario de Estudos Galegos. Impulsa a creación en 1906 da Universidade Popular de A Coruña que tiña como obxectivo  a educación da clase traballadora mediante conferencias , excursións, cursos e publicacións. Gobernador civil da Coruña entre 1932 y 1934, Angel del Castillo tiña un talante rexenacionista e republicano, aínda que nada sectario, o que fixo que a súa labor sobrevivira á hecatombe da Guerra Civil.

Ángel del Castillo

Escribiu más de 300 obras sobre arte, arqueoloxía e historia, destacando El Inventario monumental y artístico de Galicia, publicado postumamente en 1972. Prestou especial atención á Comarca Eumesa, organizando numerosas excursións da Universidade Popular e dedicando aos seus monumentos 33 artigos, especialmente a Caaveiro e Breamo. Do devandito inventario, polos mesmos anos, o Centro de Iniciativas e Turismo “Ría de Ares” publicou un libriño titulado Inventario de la Riqueza Monumental y Artística de la Comarca Eumesa. E algúns artigos aparecen no semanario Breamo, periódico publicado entre o 31 de maio de 1914 e o 25 de decembro de 1916. Deste periódico non tíñamos ningún exemplar ata que en 2019 Antón Prego, bisneto do primeiro director, depositou na Biblioteca Municipal de Pontedeume os 132 exemplares publicados, encadernados nun só volume.

Os  estudos de Ángel del Castillo foron profusamente utilizados por Antonio Couceiro Freijomil na súa Historia da Comarca Eumesa, como tamén utilizou as obras doutros pioneiros como os irmán Vaamonde Lores, Martínez Salazar, Andrés Avelino Comerma, Rey Escariz ou Montero Aróstegui.

Lamentablemente o seu arquivo dispersouse a súa morte. Parte atópase na fundación Barrié e a outra parte no Seminario de Estudos Galegos, onde tamén se custodia o arquivo de Couceiro Freijomil. Pero o mercádeo non foi pequeno. Na Exposición 750 anos construíndo a Historia de Pontedeume foron expostos orixinais pertencentes ao arquivo de Miguel López Leira, cedidos amablemente por Eduardo Veiga.

 

Carlos de Castro Álvarez es Licenciado en Filosofía y Letras por la Universidad de Valladolid. Profesor de Geografía y Historia en el IES Breamo de Pontedeume. Cofundador de la revista Cátedra, Revista eumesa de estudios y de la editorial Espino Albar.

 

Salir de la versión móvil