Un ano sen Alexandre na Biblioteca

Vaise cumprir un ano desde que Alexandre Caínzos se xubilou como bibliotecario de Pontedeume. Iso non supuxo, nin moito menos, que se desvinculase das actividades culturais da vila, como puideron comprobar os que asistiron á presentación do último número da revista Cátedra, número que presentou glosando a historia da revista, que xa vai polo número trinta.

Pertence Alexandre a unha xeración de bibliotecarios saídos da facultade de Xeografía e Historia; unha xeración de autodidactas que comezou nun deserto onde todo estaba por facer. El, como Alfredo Erias, en Betanzos, ou Manuel Pérez Grueiro, en Neda, tiveron claro desde o primeiro momento que unha biblioteca non era soamente un lugar de almacenamento de libros, de inventariado, de entrega e recollida, senón que era sobre todo un espazo lúdico de socialización.

Con ser isto moito, creo que Alexandre deu un paso máis e converteu á Biblioteca de Pontedeume nun centro cultural de primeira orde, no punto neurálxico da actividade cultural de Pontedeume desde a súa chegada en 1989.

Si, en efecto, había que inventariar, entregar e recoller libros, e Alexandre facíao de pé, desde un mostrador de barbán, apuntando palotes nu folio-formulario, e removendo tarxetas amarelas de diante atrás ou de atrás a diante.

Pero esta actividade era un mero pretexto para, falando con murmurios, seducir aos incautos que se achegaban ao mostrador, que desde entón quedaban atrapados sen remisión no pracenteiro acto de sacar libros dunha biblioteca e a continuación lelos. E cando non, cavilaba malevolamente como captar aos nenos desde curta idade organizando excursións e visitas anuais, proxectando películas de debuxos animados, ou organizando unha sala infantil repleta de atractivos contos. Porque ben sabe el que se o virus da lectura se inocula desde curta idade non hai medicina que o cure.

O labor cultural promovido por Alexandre, que contou coa axuda de Loli Fraga, foi, certamente, inxente. Aí está o concurso de contos, a organización de exposicións, especialmente de Arte-Xove, o premio de investigación Concello de Pontedeume, a recollida de fotografía antiga ligada ás consecuentes conferencias anuais, a infinidade de presentacións de libros; ou outro labor máis ingrato, silencioso e calado de recollida e arquivo de folletos, fotografías, artigos de xornais con temática de Pontedeume, para daquela ser debidamente encadernados ou arquivados. Ou a organización do fondo local ou o desvelo polo Arquivo Municipal, facilitando, con dilixencia e amabilidade, o labor dos investigadores.

E aí está a revista Cátedra, o labor de xuntar os artigos, a impresión, a difusión, o intercambio con máis de 200 revistas.

Non recordo cando vin por primeira vez a Alexandre alá polo ano 1991, seguramente tamén me captou parapetado detrás do mostrador. Pero si recordo nitidamente, non sabería explicar porque, os primeiro pasos de Cátedra. E recordo unha reunión nunha mesa do antigo Bogavante, na avenida Lombardero. Os que estivemos alí, asistimos a outras reunións. Uns marcháronse, outros quedaron e outros incorporáronse posteriormente, e a revista saíu adiante, e os que quedamos sentímonos cofundadores e presumimos diso, pero sempre soubemos que sen Alexandre nada tería sido posible.

O edificio da Biblioteca

O edificio da Biblioteca ten unha longa historia. Foi edificio doado polo rexedor Beltrán de Anido en 1580 para que “en ella haya un preçeptor presbitero de misa, el qual enseñe gramática a lo hijos de veçinos desta villa y su comarca”. Sufriu o incendio xeral da vila de 1607, foi reedificado na intervención de 1621, ampliado en 1907 e novamente reedificado en 1822, cos propios da vila, como así aparece rexistrado no lintel da porta. Desamortizada a fundación que a sustentaba, o edificio pasou a cumprir diversas funcións (posto da Garda Civil, escola, etc.) hasta converterse en biblioteca.

Pero a Biblioteca xa deu todo o que puido: a sala nova, a sala de prensa, a sala xuvenil, o fondo local, hoxe con graves problemas arquitectónicos, cos libros en caixas con gran prexuízo para os investigados. A vella Cátedra, en efecto, edificio histórico, vello corazón da vila, é hoxe un edifico pouco funcional e atractivo, onde é difícil escapar do po e da humidade, onde os libros, na penumbra, nada máis entrar, contaxiados pola atmosfera, tórnanse amarelos e vellos. Aínda que cumpriría sen problema como Arquivo Municipal

Alexandre clamou por unha nova biblioteca moderna, funcional, espazosa, luminosa. Se moitos concellos o conseguiron, por que non Pontedeume. Seguramente non sexa un proxecto fácil, non o é; e sexa necesario o bo goberno municipal de sucesivas lexislaturas do signo político que sexa. Sabemos que os nosos edís xa están en iso.

E seguramente sexa necesario o entusiasmo e o apoio da sociedade enteira de Pontedeume no seu conxunto, como un proxecto ilusionante de futuro para que a Biblioteca siga a ser un foco luminoso de cultura e de socialización.

Salir de la versión móvil