Sobre S. Miguel de Breamo xa temos escrito repetidas veces. É S. Miguel o único resto dun pequeno mosteiro de cóengos regulares que xa existía en 1169. A vida monástica seguramente rematou a finais do século XVI, desaparecendo as casas de cóengos anexas ao lado sur; pero o priorado, tras un preito dos curas de S. Pedro de Vilar e Ombre co prior, non se suprime ata 1798, pois ademais de mosteiro era un señorío xurisdicional. Ao desaparecer a vida monástica, convértese en ermida dependente de S. Pedro de Vilar, celebrándose a festividade de S. Miguel do 8 de maio, e, desde 1686, promovida pola confraría do mesmo nome, a de S. Miguel Arcanxo do 29 de setembro, chamada popularmente de S. Miguel das Uvas polo seu carácter outonal.
A portada da igrexa primitiva non é a orixinal, aínda que nela atopemos unha pedra coa inscrición ERA DE MCCXXV, é dicir, ano de 1187; posiblemente correspondente ao momento da primeira edificación . É unha das poucas igrexas de Galicia de cruz latina, cunha soa nave e tres ábsidas semicirculares. A iso hai que unir como elementos destacados que estea totalmente abovedada, cunha singular bóveda cuatripartita, con toda seguridade das primeiras de Galicia, e que as bases dalgunhas semicolumnas estean profusamente decoradas, algo pouco frecuente.
Temos dúbidas sobre a orixe da súa fundación, posiblemente ligada ao coidado da ponte de madeira sobre o río Eume, dentro da súa xurisdición, o que seguramente supuxo algún tipo de negociación con Afonso X en 1270 para fundar a póboa de Pontedeume; e dúbidas sobre o feito de que a súa igrexa se puido proxectase inicialmente de tres naves, de forma similar á do mosteiro de S. Martiño de Xubia. Sen embargo, ningunha dúbida sobre a súa nula relación cos templarios.
Unha imaxe singular
No seu interior atópase, en granito policromado, a imaxe dun S. Miguel pesando as almas. O feito de que nos centraramos sobre todo na arquitectura da igrexa e na historia do priorado, propiciou que non prestásemos a atención que se merece esta imaxe. Digamos que a iconografía de S. Miguel está ben representada en Pontedeume: un S. Miguel nas pinturas do retablo da capela maior, onde se representa pesando as almas e loitando co demo, e outra, de vulto redondo, encima do retablo da Trindade, seguramente procedente da desaparecida capela de S. Miguel anexa ao palacio de Andrade; ás que debemos engadir as das igrexa de Breamo e S. Pedro de Vilar: as procesionais e a imaxe que nos ocupa, en Breamo. A esta imaxe relaciónase coa imaxe do Santiago sedente da igrexa de Santiago de Pontedeume, tamén en pedra policromada, considerada de finais do século XIV.
O tema do pesado das almas, denominado psicostasis, aparece en Exipto e pasa ao mundo grego e deste ao occidente cristián: no século XI atopámolo nos Beatos e no século XII represéntase con profusión en capiteis e tímpanos das igrexas románicas. Nunha das versións, aparece S. Miguel cunha balanza na man esquerda pensado as almas, representadas por dúas pequenas figuriñas humanas, e na dereita cunha lanza de remate en cruz, coa que arremete ao demo situado aos seus pés, tal e como aparece nesta imaxe e na imaxe (agora sen lanza crucífera) da catedral de Santiago, considerada da segunda metade do século XV.
Os historiadores da arte tenden a considerar ao S. Miguel de Breamo como unha escultura de ao redor de 1400. Pero poucos repararon en que en realidade se trata dun altorrelevo, seguramente procedente do tímpano da primitiva portada da igrexa; o que explicaría, a diferenza da imaxe de Santiago, os seus estragos, sobre todo na policromía. Parece evidente que esta imaxe completábase con outra peza, situada aos pés, á súa esquerda, que representaba ao demo ao que S. Miguel aseteaba. En consecuencia estariamos ante unha obra dunha datación moito máis temperá; o cal cadraría ben coa rixidez, frontalidade, forma de bloque e ausencia do escorzo e movemento deste S. Miguel de Breamo; características todas elas propias do Románico pleno.
Nun mundo onde a espiritualidade cotiza á baixa, tan afastado do Ceo como do Inferno, o negocio de S. Miguel non parece moi boiante, pero iso non quita para que a imaxe mereza un mellor coidado e precise unha restauración.