O Camiño Inglés debuxa no mapa unha e grega. Os seus dous ramais únense en As Travesas, moi preto de Bruma, onde se chega desde A Coruña tras percorrer 73,3 km e 113 km desde Ferrol, o que xa nos pon de manifesto a desvantaxe deste último ramal. Aínda que se chama Camiño Inglés e foi utilizado principalmente por ingleses e irlandeses, o certo é que tamén o empregaron todos os países ribeiregos do mar do Norte e do Báltico, ata que no século XVI a Reforma Anglicana (1534) cortou radicalmente a peregrinación neste camiño.
A Idade Media respira relixiosidade polos catro custados: é a idade da espectacular difusión do monacato, do nacemento das freguesías coas súas advocacións, do inmenso peso político, social, económico e cultural de Igrexa Católica como institución, das catedrais, da trasfega de reliquias, das cruzadas; e tamén das peregrinacións, especialmente a Xerusalén, Roma ou Santiago. Pero non era o mesmo para un ferrolán peregrinar a S. Andrés de Teixido que para un inglés de Cornualles peregrinar a Santiago, sendo non poucas as posibilidades de naufragar ou atoparse coa piratería. Quen podía realmente peregrinar nunha sociedade sen tempo libre, vacacións pagas e xubilación; sen GPS, mapas e imaxes; nunha sociedade rural, violenta, sen un sistema sanitario, de pouca esperanza de vida, cun campesiñado de economía de subsistencia? A resposta é obvia, aínda que a fe move montañas. E con todo as testemuñas escritas que chegaron ata nós póñennos de manifesto que o Camiño Inglés foi unha realidade, polo menos no ramal de A Coruña.
Se acudimos ao libro de Cristóbal Ramírez “O camiño Inglés Unha ruta xacobea medieval no século XXI”, o camiño non foi só un goteo de peregrinos ilustres dun certo nivel económico que buscaban a expiación dos seus pecados, senón que nos atopamos con expedicións organizadas nas que se implicou a coroa inglesa, concedendo licenzas e cartas de protección. En 1434 Enrique IV, por exemplo, concedeu cartas de licenza a 2310 peregrinos para embarcarse. Nunha destas licenzas dise “que ante la súplica de nuestro amado y fiel caballero Philip Courtenay le hemos concedido y dado licencia a John Goding, capitán de un barco llamado Trinity Courtenay para recibir en el dicho barco a doscientas personas para hacer peregrinación a Santiago, en Galicia”. Considera Cristóbal Ramírez que temos testemuñas de 341 barcos con peregrinos rumbo a Galicia, saídos de 72 portos do Reino Unido. Un destes barcos foi o Mary, unha coca que en 1473 regresa a Waterford (Irlanda) despois de trasladar a 400 peregrinos, os que se lles cobrou 225 marcos por ida e volta. No tornaviaxe o barco foi atracado por barcos piratas que roubaron aos peregrinos 140 marcos e a carga valorada en 950 marcos.
Dos peregrino ilustres coñecemos o caso de Adrew Luttrell, quen en 1361 coa súa muller, 24 persoas e 26 cabalos custeou unha peregrinación a Santiago desde Soutampton ou Plymouth. E sorprende a historia da primeira muller peregrina coñecida, Margeny de Kempe, filla dun comerciante, nai de 14 fillos, quen embarcou en Bristol en 1417 e escribiu a súa experiencia e a que en 2015 o concello de Oroso (A Coruña), con motivo do 600 aniversario da súa viaxe, organizou unha homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa; ademais ten unha estatua que a lembra á entrada da ponte que salva o Tambre. Non foi a única muller: en 1317, a Mabel de Boclonde, condenada por adulterio a ser azoutada, foille conmutada a pena por unha peregrinación a Santiago.
Ramal Ferrol As Travesas
Á vista das anteriores testemuñas, o ramal que parte de Ferrol queda totalmente esvaecido ata o punto de que dubidamos, quizais inxustamente, da súa realidade histórica. Máis consistencia, a teor
das fontes, ten o ramal que partindo ou pasando por Oviedo se desentende de Ferrol e pasa por Villalba ou Pontedeume. É o camiño que segue Bartolomeu Fontana en 1538. Fontana escribe, no seu Itinerario, “que a la entrada de Pontedeume pasé por un largo y antiguo puente de piedra sostenido por medio de muchos arcos (eran 68), que atraviesa un puerto, en todos mis días nunca he visto uno similar en longitud, en medio del cual hay un hospital que alberga peregrinos”. Os hospitais medievais eran para viaxeiros e pobres, pois ao resto dos mortais non se lles pasaba nin pola imaxinación ir a curarse ou a morrer a un hospital. Este fora construído, como a ponte, por Fernán Pérez Andrade III, denominado o Bo, en 1384, para pobres (nada se di de peregrinos), e posto baixo o coidado do convento de Montefaro. Con todo, Jerónimo del Hoyo, na súa visita á vila en 1607, deixou escrito que “en medio desta puente está un hospital con su iglesia y habitación para peregrinos y gente que mora en él y para los frailes de Sancta Catalina de Montefaro, a quien está subordinado, y pasan y viven quantos vienen a decir las misas”. A palabra peregrino non garante nada porque unha das acepcións da palabra é persoa que anda ou viaxa por terras estrañas.
Pero, sexa como fóra, haxa ou non testemuñas históricas, o camiño, ademais dunha ruta física balizada de igrexas, conventos, hospitais e cruceiros, é unha realidade viva, espiritual, en continua realización, de presente e de futuro, que a sociedade e os concellos en particular teñen dereito a impulsar. Esta potenciación é un feito, no seu paso por Pontedeume, desde que no Ano Santo de 1993 o Concello, coa colaboración de Expoeume e o Círculo Filatélico “Eume”, apostou por potencialo. Desde entón, infinidade de publicacións, a sinalización e a creación de albergues en Pontedeume (lonxas de Rajoy), Neda e o recente de Ferrol, na que foi Casa do Mar, foron no mesmo sentido. Na actualidade, en Pontedeume está posta en marcha a rehabilitación do hospitalillo, antes escolas de Rajoy, xunto ao atrio da igrexa de Santiago de Pontedeume, para ser albergue de peregrinos. Estamos seguro que con iso as 998 estancias de peregrinos en Pontedeume no 2021 non farán máis que medrar.