Unha arte na procura da inmortalidade

Sepulcro de Vasco de Chanteiro

Se os exipcios non practicasen a inhumación, a súa civilización non tería a relevancia que ten hoxe e sen dúbida Exipto non sería unha das mecas da arqueoloxía. Ben poderiamos dicir que se ben non alcanzaron a inmortalidade individual si a lograron como civilización. Nin gregos nin romanos, máis partidarios do rito da incineración, achegaron gran cousa á arte funeraria, aínda que no período helenístico, baixo o influído das culturas orientais, xurdiu o concepto de mausoleo. Antes, en Occidente, inhumación e incineración alternáronse no devir dos pobos, deixando un legado marcadamente desigual á posteridade. Os agricultores neolíticos practicaron a inhumación colectiva en dolmens cubertos de terra, chamados túmulos ou en galego mámoas, que sería abusivo considerar como manifestacións artísticas. Os pobos da Idade do Ferro incineraron aos seus mortos. Coñecemos ben os seus asentamentos castrexos, algo a súa ourivaría e pouco ou nada os seus enterramentos e ritos funerarios. Moito máis sabemos da Galicia romana, pero o seu legado material funerario redúcese a un conxunto de estelas con inscricións e pobres relevos.

O cristianismo, quizá por imitación a Xesús ou por influencia do xudaísmo, apostou decididamente pola inhumación, prohibindo a incineración practicamente ata os nosos días. Ata o século XIX, a pesar das disposicións dos monarcas ilustrados de finais do século XVIII, enterrouse nas igrexas, excepto aos pobres, non bautizados ou en momentos puntuais de epidemias e pestes onde os recintos sacros quedaban colapsados. Foron en parte estas epidemias as que aconsellaron crear cemiterios, en sitios ventilados, nas contornas das vilas. En ambos os dous lugares, igrexas e cemiterio, atopamos numerosos exemplos da arte funeraria.

Non hai igrexa de certa antigüidade ou valor patrimonial que xunto cun conxunto de retablos cheos de imaxes non posúan enterramentos encaixados nas paredes, moita veces en capelas adxacente. Para o caso de Galicia os exemplos foron inventariados por Chamoso Lamas nun voluminoso libro titulado A Escultura funeraria en Galicia (1979). Os defuntos aparecen representados, nas tapas dos sartegos, tombados ou, menos frecuentemente, de xeonllos; vestidos con roupaxes que nos descobre a súa condición, normalmente de cabaleiro ou clérigo. Unha lenda, ás veces xa ilexible, e un escudo dannos noticias da data da morte, oficio ou familia. Morreron deixándoo todo disposto nos seus testamentos, desde o lugar de enterramento ao modo de enterrarse, establecendo moitas misas perpetuas ligadas a vínculo, capelanías ou aniversarios. Os ósos dos outros mortais enterrados no chan das igrexas, con mortalla ou habito, normalmente de S. Francisco, terminaron en osarios que se perderon confundíndose coa terra; mentres que moitas das laxas das tumba terminan pavimentando prazas e calzadas.

As pedras son máis persistentes que a memoria

Os que se enterraron en sepulcros labrados buscaban a perennidade, e algúns, como Fernán Pérez de Andrade O Bo, enterrado en S. Francisco de Betanzos, nun singular sartego sostido por un oso e un xabaril, parece que o lograron. Pero a memoria humana é moi fráxil e os cumpridores dos testamentos, a pesar de estar debidamente remunerados, non sempre foron respectuosos cos mandatos. Outros Andrade elixiron a Monfero como lugar de enterramento. En 1608, antes de enlousar o cruceiro e a capela maior da igrexa do citado mosteiro, o seu abade Atanasio Vázquez manda recoñecer os sepulcros, aos que denomina vultos. Abertos diante o notario Juan González da Torre, nun deles , que hoxe non sabemos onde se atopa, pertencente a Pedro Fernández de Andrade, fillo de Nuño Freire, ““no allaron cossa ninguna ni senal de aver ssido enterrado en el Pedro de Andrade ni en el otro ninguno, porque no abía en el sino una poco de arena de las mismas piedras, ni dicho bulto tenía capacidad para caber un cuerpo nenguno si no fuese muy pequeño””. No outro sartego, hoxe na capela maior, pertencente a Freire Andrade O Mao, o da primeira guerra Irmandiña, falecido en 1431, “solo hallaron su cuerpo desecho y su vestido”.  O que hoxe se atopa situado paralelamente a el foi un sepulcro preparado para que se enterrarse Aras Pardo, como mandou no seu testamento de 1362, cousa que nunca sucedeu porque o oco do seu interior está a medio facer. Aras Pardo, realmente enterrado en S. Francisco de Betanzos, foi encomendeiro do coto de Monfero, a quen sucedeu Fernán Pérez de Andrade O Bo, marido da súa filla. As relacións de ambos co mosteiro foron canto menos tensas, o que explica que ao final non se enterrasen nel.

No lado meridional da nave do cruceiro, sitúanse hoxe as laudas sepulcrais de Fernán Pérez de Andrade, fillo de Nuño Freire, falecido en 1470, e de Diego de Andrade, fillo de Fernán Pérez, falecido en 1492. Nada quedan dos seus restos.

Cando Fernando de Andrade fai testamento en 1540 mandándose enterrar na capela maior da igrexa de Santiago de Pontedeume  di dos enterramentos anteriores: ““Yten digo que por quanto mi señor padre Diego de Andrade, que este en gloria, mando fazer en el Monasterio de Monfero una sepultura para sy y otra para su padre, y por no aver aparejo donde bien se pudiese azer no se hizo, mando que syno estobiere hecha antes de mi falesçimiento, que mis conplidores la agan de las piedras que yo hize traer para las sepulturas, con su reja de hierro baxa alrededor””. Iso explica que as laudas non sexan de granito. Menos sorte tivo Gómez Freire de Andrade, quen en 1442 mandou ser enterrado no mosteiro de Monfero e do que ningunha pedra dá testemuño.

E un exemplo máis. A uns 25 Km de Monfero, en S. Vicente de Caamouco, sitúase o sepulcro de Vasco de Chanteiro, segundo inscrición, falecido en 1527. Vasco de Chanteiro estivo nas guerras de Italia con Fernando de Andrade, onde foi mestre de Campo. Antes de morrer no pazo vello de S. Vicente de Caamouco, mandou construír unha capela na igrexa do mesmo nome, onde foi enterrado. Hoxe esta capela está dentro da que se coñece como capela do pazo de Piñeiro, polo que podería pensarse que entre as familias do pazo (Bayolo, Bermúdez de Castro) e os Chanteiro houbo unha relación de parentesco. Non parece ser así. Os Bayolo fixeron en 1627 outra capela en S. Vicente e todo apunta a que os seus descendentes, por compra ou simple apropiación, na dinámica das remodelacións da igrexa, se fixeron coa capela de Vasco de Chanteiro, gañando así a familia en avoengo. A pesar de todo, Vasco de Chanteiro tamén conseguiu a inmortalidade.

 

Carlos de Castro Álvarez es Licenciado en Filosofía y Letras por la Universidad de Valladolid. Profesor de Geografía y Historia en el IES Breamo de Pontedeume. Cofundador de la revista Cátedra, Revista eumesa de estudios y de la editorial Espino Albar.

Salir de la versión móvil