Unha fotografía descoñecida da antiga ponte gótica de Pontedeume

A curiosa imaxe apareceu nun artigo, do 15 de maio de 1909, da revista Galicia Pintoresca

Da antiga ponte gótica de Pontedeume, construído polo primeiro señor da vila, tiñamos os debuxos de Casa e Novo (1711) e Ferro Caaveiro (1784), fontes máis que suficientes para darnos conta da entidade dunha obra de enxeñería que chegou a ter 68 arcos, pero descoñeciamos a existencia dunha fotografía que seguramente foi das primeiras da comarca, posto que a ponte antiga desaparece a principios da década dos setenta do século XIX.
Dita fotografía puido ser incorporada á exposición “750 anos contruíndo a historia de Pontedeume” grazas ao celo de Antonio M. Leira Noite, coleccionista de todo documento relacionado coa historia de Pontedeume, que atesoura con esmero e mostra e presta con xenerosidade.

A fotografía da ponte está nun artigo, do 15 de maio de 1909, da revista Galicia Pintoresca, Revista decenal Ilustrada. Digamos desta revista, da que sabemos realmente pouco, que comezou chamándose “O Eco do Eume”. O seu primeiro número, editado en Mondoñedo, sae o 4 de febreiro de 1906, pasando posteriormente a chamarse Galicia Pintoresca. Desparece en febreiro de 1910, tras o número 126, cando reducira a súa tirada de 400 a 200 exemplares, sendo a súa substitución, ese mesmo ano, “Ecos do Eume”.

Edmundo Roberes

O seu editor, director e administrador foi Edmundo Roberes Alonso, con sede en Fonte Nova 28, descendente da familia propietaria da fábrica de curtidos “A América”. Engadamos sobre el que padeceu escrófula, enfermidade que lle obrigou a levar máscara, como podemos ver nalgunha foto.

Un artigo sobre a antiga ponte

O artigo, editado no número 101, sen dúbida débese á pluma de Edmundo, quen se ocupaba dos artigos de tema histórico. Escribe que “representa a vista parcial (15 arcos do centro) do antiquísimo ponte, contándose desde dereita a esquerda os ollos 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20 21, 22, 23, 24, 25, 26 e 27. (Entre o 20 e 21 estaba a Capela do Espírito Santo)”. Ademais de dicirnos que nese momento tiña 50 arcos e 2340 pés de longo de Burgos, engade, como datos novos, que o cruceiro se chamaba do Arenal, que o Oso e o Xabaril, que estaba nos tajamares (algúns con asentos), en pedestais, entre o segundo e terceiro arcos, foron arroxados ao mar por soldados do rexemento Hibernia, sendo recuperados e levados ao patio da extinguida Casa-Palacio dos Andrade. Menciona tamén o letreiro que sabemos tiña a ponte e que rezaba “Puente de D. Jorge Juan”, criticando tal circunstancia, xa que o famoso enxeñeiro naval, falecido en 1773, limitouse a facer unha importante reparación da que sabemos francamente pouco.

O emblema dunha vila

A ponte é un elemento vital na historia de Pontedeume. Situado no paso obrigado das comunicacións norte-sur entre A Coruña e Ferrol, dá nome á vila e a súa localización hipotecou o seu futuro, pois a falta de espazo para desenvolverse e o escaso calado do porto explican que a vila, de comercio florecente, terminase converténdose nun enclave agrícola e de servizos aferrado á súa condición de partido xudicial, coa paréntese da florecente industria de curtidos.

Ademais, a vila se desvivió por manter a ponte practicable, gastando inmensos recursos ao longo da súa historia, ao que contribuíu que as frecuentes avenidas do río Eume zurrábano sen miser. A foto mostra unha sólida obra, ben aparellada, coas cicatrices do paso do tempo, entre elas a desaparición en 1843 da capela do Espírito Santo, que, como di Edmundo Roberes atopábase entre os arcos 20 e 21. O sufrimento termina cando, coa construción da moderna estrada, foi substituído polo actual, hoxe de 15 arcos.

 

Fotografía da antiga ponte gótica publicada na revista “Galicia Pintoresca”

 

Carlos de Castro Álvarez é Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Valladolid. Profesor de Xeografía e Historia no IES Breamo de Pontedeume. Cofundador da revista Cátedra, Revista eumesa de estudios e da editorial Espino Albar.
Salir de la versión móvil