A voltas coas feiras…

Este artigo xurde por mor do seguinte fragmento, relativo a unha desas cantigas populares nas que subxace a lembranza doutro sistema para nomear ós días da semana:

Sacado de: CASTRO LÔPEZ, M., Manual de iniciaçom à língua galega: Sociolingüística, morfosintaxe, ortografia e léxico, AGAL e Artábria Fundaçom, Ferrol, 1998.

O que xorde agora na nosa memoria é outro documento, inserto no Cartulario do Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, onde se atopan os seguintes fragmentos:

`Das rendas das igrejas de pruços et de besoucos

(…)

a primeyra quarta feira de setembre fomos a santa maria de centrona (…) item en outro dia quinta feira fomos a santa maria de castro (…) item en outro dia esta (sic) feira fomos a santa maria de doronna (…) item en outro dia sabado fomos a san mamede de laraia (Laraxe) (…) item en outro dia domingo fomos a magalofes (…) item en outro dia lues fomos a igreja de manynos (…) item en outro dia martes fomos a san juyao de mugardos (…) feyta en santa maria doombre qatorze dias de setembre Era de mil e cclxxviii annos (1240 d.C.)´

Sacado de: Archivo Histórico Nacional, CODICES, L.1439 dispoñíbel en PARES (Imaxes 117-119)

..a primeyra quarta feira de setembre fomos a santa maria de centrona…

Visto todo isto, foi inevitábel lembrar esas curtametraxes feitas ó redor da memoria oral relativa ós nosos dias orixinais da semana —obrigados ós que sentiron a obriga de gravalas—:

 

A coincidencia entre a forma de chamar ós dias da semana por parte dos responsábeis do reconto das rendas das igrexas de Pruzos e Bezoucos e por parte dos entrevistados nestes derradeiros vídeos é idéntica.

Así pois, xurde unha dúbida… algunha vez no norte da antiga Gallaecia se chegaron a substituír as denominacións de dies lunae e dies martis? Hai que ter en conta que para o s. XIII, data do referido documento, estamos a falar dun ambiente xeral monolingüe que non nos permite explicar estes lues e martes coma filtracións do castelán. Se cadra puideran ser pervivencias do marco pagán previo á adopción dos días cristiáns… Haberá que seguir lendo.

A modo de conclusión, e para facermos reflexionar, unhas verbas empregadas ó longo de case oitocentos anos (entre o documento exposto e os testemuños orais; posto que as feiras son moito máis antigas) levan padecendo anos de retraemento ó quedaren só presentes nas lembranzas dos maiores; condenadas a un illamento motivado pola incultura presente naqueles que din que son invencións dos nacionalistas. Ben, ollen vostedes e xulguen.

 

 

 

 

 

Salir de la versión móvil