Esmolas de defuntos. Os migallos na comarca Ferrol

samain noche de difuntos en Galicia

Como noutras tantas ocasións, como ben saberedes aqueles que veñades lendo os artigos deste blog, acontece que nas nosas pescudas polas hemerotecas da prensa galega, coa finalidade de preparar contidos e actividades, en ocasións damos cun dato inesperado e descoñecido. Tal é o caso do tema do que queremos falarvos hoxe.

Esmolas de defuntos, migallos ou o pão-por-Deus portugués son termos vencellados entre si, pois referencian unha mesma tradición ou rito documentado dende os comezos da Idade Moderna; aínda que, é ben probable que a súa orixe se remonte moito máis atrás no tempo.

No Sínodo de Mondoñedo, do ano 1541, enuméranse unha serie de costumes populares propias dos días de Defuntos e de Tódolos Santos. Tal é o caso da celebración nos altares de banquetes en conmemoración dos mortos. Este tipo prácticas distanciábanse da ortodoxia cristiá, polo que eran mal vistas pola xerarquía eclesiástica, que tentaba poñerlles término. Ironicamente, este é o motivo de que aparezan testemuñadas na documentación, e de que hoxe en día teñamos constancia sobre elas.

 

Catedral de Mondoñedo , ano 1925, extraído de www.mondoñedo.net

Precisamente, neste  Sínodo, menciónanse as tradicións peticionarias:

“[…]  andan todos los muchachos de la feligresía a pedir por las puertas, y les dan pan y carne y vino y freijóos y pijoles y otras cosas, y que ansí los hijos de los ricos como de los pobres, lo cual come cada uno en su casa, y a las veces llevan más los ricos que los pobres, y por ser más este rito gentílico que cristiano, ordenamos y mandamos de aquí adelante ningún muchacho vaya aquellos días de puerta en puerta a pedir, sino que el Beneficiado o Rector y el Primiciero y otro que nombre la feligresía pidan aquel pan y todo lo demas que les dieren repartan en la Iglesia el día de los finados entre los pobres y necesitados, so pena que el padre o madre que enviare a su hijo a pedir aquellos días pague mil maravedís[…]”

Se ben,  e apesares da tentativa por  parte do bispo Antonio de Guevara de erradicalas, estas prácticas perduraron e chegaron aos nosos días.

Na zona da Guarda pervive entre os maiores a memoria dos grupos de rapaces que percorrían as casas pedindo as Esmolas de Defuntos, Mortos ou Ánimas, como constatou  o Proxecto Socheo a través dun traballo de recollida oral. E, aínda hoxe en día, a rapazada da Illa de Aurosa percorre as rúas, cada 2 de novembro, pedindo  “unha  limosniña polos difuntiños que van alá

Por suposto, estas prácticas propias da nosa cultura, non son alleas a Comarca de Ferrol, pois fomos quen de constatalas documentalmente.  Como sinalábase ao comezo do artigo, foi por casualidade que, preparando unha actividade sobre o patrimonio funerario da parroquia de Brión, demos cunha referencia xornalística a este mundo das esmolas de Defuntos.

Extracto do xornal “El Compostelano” da edición do día 13 de decembro de 1939

Nunha nova publicada no Correo Gallego, o 3 de novembro do ano 1880,  relátase que un mariñeiro estivera a piques de morrer afogado na noite do día un tras caerse do peirao de Ferrol (estando, ao parecer, en estado de embriaguez). Sinala o cronista que este mariñeiro “había mojado demasiado los migallos de todo los santos

Esta nova, atopada por casualidade, é a referencia xornalística  máis antiga que, polo menos nós, coñecemos sobre os migallos a nivel de Galicia. Da mesma extráese que os migallos son un produto comestible, panificable e, tal como indica o seu nome, con miga. A súa vez, está relacionado con este tempo dos defuntos.

Neste mesmo sentido,  Juan Cuveiro Piñol, no seu  “Diccionario Gallego”publicado no ano 1876,  indica que, na Coruña, os migallos son: unha “fineza de castañas y fruta que se envían unos á otros el dia de Todos Santos” e os vincula ao magosto.

Pola súa parte, Marcial Valladares Núñez  víncula o Migallo con eses ritos  peticionarios dos que temos falado. No seu diccionario, publicado en 1884, indica que: O migallo consiste nun “bollo que de limosna se da en algunas localidades el dia de difuntos. En otras, fineza de nueces y castañas que suelen hacerse el dia de Todos los Santos

Se ben, o termo Migallo non sempre se refire a un producto elaborado ou comestible.

No diario “El Pueblo Gallego” para o ano 1929 atopamos unha nova mención aos Migallos, neste caso na vila de Ares. Segundo sinala o autor do artigo, neses días destaca a irrupción de “pedigüeños que asaltan a uno por donde quiera pidiendo “Os migallos” non podendo dar un paso sen sufrir  el asalto del ejercito de migalleiros y migalleiras que, invocando los difuntos y las ánimas benditas, no le obliguen a uno profiadamente, al tributo migalleiro de algunas perras grandes o perros chicos”  Neste caso, observamos como os Migallos  toman forma de “esmola” en diñeiro, quedando asociado á mencidade, conotación que non tiña na súa orixe, pois como vimos no Sínodo do bispo Guevara tanto o rico como o pobre participaban indistintamente destas costumes.

A súa asociación  coa mendiciade explica o descrédito e rexeitamento que xeraba a certas clases sociais, ben representadas na opinión do autor  do  artigo de “El Pueblo Gallego” que a describe como  unha “anacrónica y ancestral pedigüeñería”  que debe desaparecer. Desgraciadamente, isto foi o que acabou acontecendo.

Por non estender excesivamente o artigo, témonos centrado só nas referencias á comarca de Ferrol. Noutra ocasión poderemos profundizar  máis nunha práctica que reviste certa complexidade, pois, tal e como xa albiscamos có caso de Ares, non se adapta a un esquema fixo, en canto a forma e o tempo no que se presenta. O tema foi tratado por nós previamente e máis ampliamente no libro “Radiando Memoria: Un percorrido alternativo polo Ferrol dos séculos XIX e XX” que foi editado pola Asociación Cultural Muiño do Vento en 2019.

Concluímos convidando aos lectores á reflexión propia. Moito é  o que descoñecemos, tanto que as veces un pequeno artigo dun vello xornal pode trocar a nosa perspectiva. Seguro que de non existires esta referencia, habería quen, tal e como acontece ao respecto doutras tradicións,  negase coa máxima das rotundidades que algunha vez houbese existido  tales prácticas peticionarias na nosa comarca. Expostos quedan Os Migallos, a espera de que alguén se lembre deles, e  por fin podan ocupar o seu merecido lugar xunto aos calacús de defuntos.

Salir de la versión móvil