Vai uns anos, cando apenas esta asociación comezara o seu percorrido, unha das primeiras actividades proxectadas foi unha andaina pola parte exterior da ría ferrolá. En coherencia có noso obxectivo fundacional, achegar o patrimonio e a historia á veciñanza, o percorrido pola costa incluía unha serie de paradas naqueles bens patrimoniais espallados pola ribeira. Así pois, un dos lugares sinalados era unha capela adicada ao santo Cristovo.
Se ben a fábrica da mesma é contemporánea debido as vicisitudes polas que pasou, sendogravemente danada nun incendio provocado no ano 1933 e, posteriormente, reconstruída en varias ocasións (a última delas nos anos 80), o seu principal interese radica na rica tradición articulada entorno ao templo.
Capela de San Cristovo ( Parroquia de Santa María de Brión) A fachada do templo está feita en sillería mentres que o resto de muros están realizados con cachotería e cemento. Presenta unha planta retangular con dos espazos diferenciados, e teitume a dous augas. Na fachada aprécianse os ocos onde se encaixaría as vigas dun pórtico
Como ben é sabido, o santo Christophoros ( en grego ‘portador de Cristo’) vencéllase aos viaxantes e ao transporte; exercendo na actualidade un padroádego no mundo da condución de vehículos.
Polo tanto, o 10 de xullo, día actual do patrón, concorren a esta capela diferentes profesionais da condución; así como membros da agrupación local de Scouts, grupo responsable da derradeira rehabilitación da capela e da apertura da estrada. Respecto a esta celebración relixiosa, existen xa referencias a ela nos xornais do século XIX.
Se ben, máis aló da romaría, existe tamén unha interesante tradición oral, en forma de lendas, vinculadas á capela. A historiadora Esperanza Piñeiro tenas recollido e referenciado nalgunhas das súa publicacións.
Un dos relatos recollidos por Esperanza Piñeiro relaciona este templo coa hermida da Nosa Señora de Chanteiro, situada na outra banda da ría. Segundo o relato, o santo nas noites estreladas cruza o mar enriba dunha barca de pedra, coa finalidade de visitar e honrar a virxe no seu templo de Chanteiro, tralo que, antes do amencer, retorna a súa propia capela.
Outros relatos falan da presencia na contorna da capela dunha grande e melenuda serpe, de aspecto terrorífico, pero, se ben, inofensiva. Adoitaba ser vista tomando o sol ao carón do fortín ou mergúllandose no mar. Outras veces permanecía na contorna da capela, coma quen estivese custodiando a imaxe do Santo.
Se por si mesma a rica tradición oral advirte da antigüidade e o arraigamento do culto a San Cristovo, para nós o aspecto e achádego máis interesante xorde no momento en que contrastamos estes relatos coa documentación histórica.
As primeiras mencións a un templo adicado a San Cristovo, aparecen no Cartulario do Mosteiro de Sobrado, cara finais do século XI. Nalgúns casos referénciase como sancto christoforo de ripa de mare ou sancti christofori ripa iuuia, pero a denominación máis frecuente é o de heremita sancti christofori de serpentibus ou sancto christoforo de serpentibus. O cal podería traducirse por San Cristovo sobre as serpes.
Ante isto, semella clara existencia dunha relación entre as lendas da serpe e a denominación de ‘San Cristovo sobre as serpes’.
O historiador Andrés Pena Granha asocia a serpe e a San Cristovo mediante a función do transporte das ánimas cara o alén. Por tanto, para Pena Granha, o culto a San Cristovo tería unha orixe precristiá, onde o culto ás divindades viarias quedaron solapadas. Á súa vez, Esperanza Piñeiro ten destacado a relación da ubicación do templo, na entrada da Ría de Ferrol, có trasego de embarcacións e rutas marítimas dende a Idade Media, tendo, polo tanto, a finalidade de propiciar unha boa travesía aos navegantes.
Máis aló das posibles hipóteses sobre as orixes deste culto, consideramos que a documentación traballada manifesta claramente a antigüidade desta tradición oral e o seu artellamento coa advocación de San Cristovo sobre as serpes.
En base ao exposto xulguen vostedes mesmos.