Algúns apuntamentos sobre o 18F

Alfonso Rueda estreouse como candidato o pasado domingo blindando ao PPdeG cunha quinta maioría absoluta consecutiva. Moitos son os mitos que caeron con esta vitoria inapelable, o primeiro deles o que aseguraba que unha maior participación (un 8,3% máis sen contar o voto emigrante) favorece á esquerda. Os de Rueda perderon dous escanos, pero obtiveron 72.000 votos máis que en 2020 e 25.000 votos máis que toda a esquerda, demostrando que a marca política que supón o PPdeG está a proba de todo. Mesmo se ao fronte teñen a un gris tecnócrata de moi cuestionable carisma.

A campaña do PPdeG tivo un percorrido moi similar a da Feijóo o xullo pasado, cunha errática última semana onde transmitiron mensaxes confusas que incomodaron ata aos seus propios fieis como, por exemplo, a cuestión da amnistía que eles mesmos colocaran como marco xa desde a precampaña. Sen embargo, foi precisamente a mobilización da súa entregada militancia a que logrou reter a maioría absoluta cando as enquisas a metade de partido fixeron saltar as alarmas. Con presenza en todos e cada un dos concellos, a maquinaria electoral popular traballou arreo para activar ao seu electorado, asegurando así a súa continuidade no poder cun éxito que superou as expectativas propias e alleas.

Con todo, sería inxusto asegurar que o exército de devotos traballa só durante os meses previos ás eleccións e na correspondente campaña. Están durante todo o ano en cada festa e en cada enterro de todos os recunchos do país. O feito de non competir con máis partidos do seu mesmo espectro permite ademais que poidan convencer e persuadir sen ter que desacreditar a outras formacións por ser, por exemplo, “menos galegas”. Nesa “maioría natural” da que falaba Fraga (agora reconvertido nun autobús cuxo condutor é Rueda) caben todos. Oxalá pronto certa esquerda comprenda isto e abandone dunha vez a tentación de escudarse nos tópicos ancestrais do caciquismo e as redes clientelares para non afrontar que as vitorias non se constrúen nunca desde o papel de perpetua vítima.

No caso do BNG, ninguén pode dicir que non o intentaron con todas as súas forzas. Ana Pontón leva oito anos de liderado, tempo máis que suficiente para darse a coñecer e tamén para ensanchar con éxito a base electoral do partido nacionalista. O seu “aggiornamento”, ocultando habilmente a cuestión independentista para antepoñer o discurso social e pasando a declararse de xeito deliberadamente ambiguo como un partido “soberanista”, resultou un éxito. Así mesmo, o feito de agochar durante toda a campaña ao Néstor Rego, que representa o sector máis inmobilista da vella garda da UPG, foi todo un acerto tendo en conta o revés que sufriron nas pasadas xerais.

Sen embargo, o principal problema dos de Pontón foi, unha vez máis, a xestión de expectativas. O traballo nas redes sociais foi impecable, mais esqueceron que estas non deixan de ser unha burbulla que non representa ao conxunto da sociedade galega. Así, mentres os seus vídeos lograban miles de visualizacións e de feedback positivo, o PP traballaba porta a porta por conseguir o voto e non o like. O BNG, por moito que teña mellorado en cada un dos comicios con Pontón como candidata (se ben é normal cando ves de obter só seis escanos), debe reflexionar sobre se paga a pena confialo todo a un hiperliderado que en 2028 afrontará xa o seu cuarto asalto, algo sen precedentes.

En canto a promotora Sumar Galicia, o cuarto artefacto electoral creado ad hoc para as aspiracións políticas e persoais de Yolanda Díaz durou un pouco máis que o anterior (que foron as dúas semanas exactas da campaña), mais fracasou como o resto. Para o recordo queda unha inenarrable campaña que incluíu, entre outros, un acto LGBTIQ+ sobre a realidade galega do colectivo con invitados madrileños que non chegaron nin a aparecer ou un vídeo de Marta Lois voando en parapente que semellaba sacado dun capítulo de ‘Paquita Salas’.

O resultado foi un salto ao baleiro do que os seus artífices deberían avergoñarse durante moito tempo: un 1,9% dos votos, sen aproximarse tan sequera ao 3% (aínda que a barreira electoral en Galicia é do 5%) en ningunha das provincias e moi por detrás dos resultados da coalición de 2020 que incluía a Podemos e que si estivo a piques de obter representación. O resultado foi peor ata que os de VOX. Quizais iso explique que Íñigo Errejón, que estaba en Galicia na xornada electoral, non se dignase tan sequera a aparecer en pantalla xunto a Marta Lois na rolda de prensa tras coñecer os nefastos resultados. Yolanda Díaz, que forzou a Lois a deixar o seu posto de voceira no Congreso e a acta de deputada, limitouse a escribir un tweet desde Madrid. Esperemos que, agora si, esta xente entenda que Mónica García ou Rita Maestre non son máis de esquerdas que, por exemplo, o alcalde socialista de Cuntis e que non se pode facer política en Galicia desde a óptica da M-30. Só quedar confiar en que teñan a decencia de non querer intentalo unha quinta vez.

Por último, o PSdeG viuse prexudicado como ningún outro polo adianto electoral de cinco meses. Ninguén dubida, tanto dentro como fóra do partido, que José Ramón Besteiro é o mellor candidato en anos, pero fixo o que puido nunha carreira contra o reloxo e con todo na súa contra. Nesta cita electoral, os socialistas galegos sufriron unha sangría de votos que foron a parar ao BNG, cando era evidente de antemán que o cambio só sería posible cun PSdeG forte. O movemento de votos dentro do mesmo bloque non serve de nada mentres ninguén pesque no caladoiro do centro, e isto é algo que só pode conseguir o PSdeG. O BNG, por moito que o intente, nunca poderá penetrar nese electorado.

Así mesmo, certificouse que o votante de esquerdas exerce un voto dual que dana aos socialistas, pois en xullo do pasado obtiveron 486.000 votos (máis de feito dos que logrou o BNG nestes comicios) fronte aos 207.000 deste domingo. O PSdeG debería tamén tentar reter a estes votantes se quere ser a alternativa de cambio, especialmente ao electorado novo, moi proclive ao BNG nas autonómicas. Hai, por tanto, maior marxe de mellora no seu caso.

Para acadar todo iso, o PSdeG debe outorgar tempo suficiente a Besteiro para darse a coñecer e construír así un proxecto a longo prazo para Galicia e no que a unidade interna estea garantida. Non esquezamos que Touriño precisou sete anos e dous intentos para chegar á Xunta. Hai dentro do partido mans dabondo para este traballo sen necesidade de acudir ao desembarco de ministros ou a fórmulas ideadas en Ferraz que puideron funcionar nas xerais do pasado ano, pero que non teñen sentido nun ecosistema político tan singular como é o galego. Todas estas cuestións, nas o BNG e o PPdeG levan traballando desde fai tempo, son as tarefas ineludibles que teñen por diante os socialistas.

A reconstrución é necesaria e levará tempo, pero cómpre ter claro que un partido que goberna en máis de cen concellos e dúas deputacións non pode conformarse con ser a muleta do cambio, senón que debe ter, canto menos, a vontade de lideralo.

Salir de la versión móvil