A creba social aberta arredor do ano 2015 neste país foi, en realidade, multinivel. A fonda crise económica que precedeu aqueles anos xerou un clima social propicio para a contestación de todo o existente. No plano social, o 11M converteuse no símbolo dese malestar colectivo e desexo de impugnación; no plano institucional, ese desacougo acabou cristalizando coa irrupción da chamada “nova política”: unha reacción contra as elites e os partidos tradicionais. Con esta crise de representación instalouse a idea de que todo o vello estaba esgotado e de que era preciso comezar de novo.
A miúdo analízase aquel período unicamente desde a perspectiva política. Porén, aquel anhelo de ruptura tamén chegou á escola. Ao mesmo tempo empezou a falarse dunha “nova educación” que debía rachar cos métodos, coas prácticas e mesmo cos principios que sustentaran o ensino durante décadas.
Nese contexto proliferaron figuras elevadas á categoría de gurús educativos, como o mediático César Bona, e espalláronse ano a ano novas modas pedagóxicas que prometían revolucionar as aulas: as intelixencias múltiples, a gamificación, as flipped classroom e tantas outras fórmulas presentadas como imprescindibles para non ficar atrás. Foise instalando a idea de que os mellores mestres eran aqueles que incorporaban constantemente a última metodoloxía en boga na aula. Un discurso tamén alentado por intereses privados que atoparon na educación un nicho de negocio, ofertando cursos e materiais mediante suculentos contratos públicos coas distintas administracións.
Sen embargo, de entre todos os efectos nocivos que trouxo a que eu denomino “a década ominosa do ensino”, houbo un que destacou por riba dos demais: a introdución das pantallas nos centros escolares. En Galicia, o cabalo de Troia desta deriva foi, sen dúbida, a irrupción do programa E-Dixgal no —oh, sorpresa!— ano 2015, orientado aos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria e posteriormente para toda a ESO, e que abriu de par en par a porta á entrada masiva de pantallas nas aulas.
Ao tempo que se estendía esta dixitalización nas aulas, comezaron a multiplicarse os informes de organismos pediátricos e internacionais que advirten da necesidade de limitar o uso de dispositivos e de priorizar metodoloxías analóxicas. A Asociación Española de Pediatría (AEP) alertou recentemente de que o uso intensivo de dispositivos dixitais na infancia está asociado a problemas en ámbitos clave do desenvolvemento, como o sono, a alimentación, a actividade física ou mesmo determinados aspectos do desenvolvemento cerebral. Neste sentido, a AEP sinala nas súas recomendacións que, entre os 7 e os 12 anos, o tempo de exposición ás pantallas debería limitarse aproximadamente a unha hora diaria, e que entre os 13 e os 16 anos non debería superar as dúas horas ao día, incluíndo en ambos casos o tempo empregado no ámbito escolar. Esta orientación choca de cheo coa realidade que se vive nos centros adheridos ao programa E-Dixgal, onde o uso do ordenador portátil forma parte habitual das actividades lectivas e supera con facilidade ese límite. A isto cómpre engadir, ademais, o tempo que o alumnado debe dedicar no fogar ao uso do dispositivo para realizar tarefas escolares, o que incrementa aínda máis a exposición ás pantallas.
Por outra banda, o informe de UNICEF Childhood in a Digital World, publicado o pasado ano, sinala que existe unha relación clara entre o tempo que nenos pasan en internet e a probabilidade de que se vexan expostos a experiencias prexudiciais no entorno dixital. Esta advertencia resulta especialmente relevante se temos en conta que os procesos de socialización nas idades máis temperás están a cambiar profundamente. Tradicionalmente, esa socialización limitábase á familia, a escola e o grupo de iguais; porén, hoxe cada vez máis nenos socializan a través das redes sociais, en contornas mediadas por algoritmos e baseadas en mecanismos que estimulan a liberación de dopamina e reforzan o uso continuado. Todo isto introduce novos riscos no desenvolvemento social e emocional da infancia, que é a etapa máis impresionable e que deixa máis pegada.
Outro dos grandes problemas do modelo E-Dixgal é que, lonxe de universalizar realmente o acceso á dixitalización, introduce un evidente sesgo de clase. Ao trasladar unha parte importante do traballo dixital ao fogar, o éxito do alumnado pasa a depender en boa medida das condicións das familias: dos seus horarios laborais, do tempo dispoñible para acompañar os fillos e tamén da súa propia destreza á hora de manexar contornas virtuais. Non todas as familias están nas mesmas condicións para prestar ese apoio, polo que unha ferramenta que debería contribuír a reducir desigualdades pode acabar, na práctica, incrementando as desigualdades previas. A isto súmase outra clara eiva do modelo: non está claro que o programa estea a servir realmente para desenvolver a competencia dixital do alumnado, xa que en moitas ocasións acaba funcionando simplemente como un libro de texto en formato PDF, sen que iso implique unha verdadeira transformación das prácticas educativas.
Con todo, nada disto parece alterar o rumbo da política educativa da Xunta. Nos últimos anos a prioridade da Consellería de Educación non foi abrir unha reflexión pedagóxica sobre os límites da dixitalización, senón continuar ampliando o modelo. Así se explica que o pasado outubro se aprobase un acordo de ata 30 millóns de euros para a renovación do equipamento informático dos centros e que en 2024 se impulsase un procedemento de contratación de contidos dixitais por valor de máis de 10,2 millóns de euros destinado aos cursos integrados en E-Dixgal. As cifras falan por si soas: importantes cantidades de recursos públicos canalízanse cara a empresas privadas que fornecen dispositivos e materiais dixitais, mentres o apoio directo ás familias e a garantía de gratuidade plena dos materiais educativos queda nun segundo plano.
En definitiva, a comunidade educativa galega non pode permitir que o futuro da educación dos nosos fillos quede condicionado por modas pedagóxicas pasaxeiras nin por intereses económicos alleos ao interese xeral, mentres se ignoran os riscos reais asociados á expansión das pantallas e das redes sociais nas idades máis temperás. Se algo nos ensinou a experiencia recente é que a retórica do “novo fronte ao vello” agochaba demasiadas veces unha preocupante falta de análise sobre as súas consecuencias. A escola non pode renunciar aos principios que durante décadas sostiveron un ensino de calidade: a transmisión de coñecemento, a cultura do esforzo, a concentración, a escritura a man, a lectura reflexiva e o desenvolvemento pleno das capacidades do alumnado. O sistema educativo debe estar guiado polo interese público, pola igualdade de oportunidades e pola protección efectiva da infancia, porque está en xogo o benestar, a seguridade e o futuro das novas xeracións. E iso é algo que o modelo E-Dixgal, lonxe de asegurar, pon seriamente en risco.