Declárome culpable. Culpable de escoitar durante tempo os cantos de serea de Yolanda Díaz e de xustificar que aproveitase os ciclos das mareas electorais á súa conveniencia para así pasar de ser concelleira en Ferrol a vicepresidenta do Goberno e deixando polo camiño unha interminable listaxe de damnificados que non para de medrar.
Todo o acontecido durante este tempo é esclarecedor: tras presentarse como candidata ás autonómicas de 2005 e 2009 por Esquerda Unida con resultados nefastos, a ferrolá decidiu tecer unha alianza electoral para as galegas de 2012 co histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, que viña de romper co BNG só uns meses antes. Deste xeito xorde AGE, unha coalición electoral conformada ás présas por formacións mesmo antagónicas e rexistrada no día que pechaba o prazo. Con estes fráxiles alicerces, os resultados electorais foron máis que satisfactorios, pero a estrutura non tardou en ceder cando chegou o momento de botar a andar a coalición. Esta travesía no deserto rematou con dous deputados no grupo mixto e sonados escándalos recollidos nos medios, entre os que destaca a condena por posesión e distribución de pornografía infantil de Ramón Santalices, protexido de Díaz na súa etapa no Concello de Ferrol e despois asesor de AGE.
Con todo, aproveitando o tirón de Podemos e os bos resultados das mareas municipalistas nas municipais de 2015, Yolanda Díaz non dubidou en subirse ao carro de En Marea, un lavado de imaxe do experimento fracasado de AGE cos mesmos actores. Esta coalición electoral repetiu a traxectoria da súa predecesora: éxitos electorais instantáneos para acabar sendo vítima das fracturas internas desde o primeiro minuto. O vía crucis de En Marea resultaría, de feito, máis doloroso aínda que o de AGE. En Madrid, unha das deputadas acabou enfrontada con Yolanda Díaz e o resto de compañeiros, chegando a acusalos de actuar como mero satélite de Podemos. En Galicia, a lexislatura rematou directamente coa coalición partida en dous. Tamén durante esta época Beiras confesou aos medios sentirse traizoado por Yolanda Díaz, feito que provocou que En Marea xurdise coa confianza completamente rota e condenada ao fracaso.
Pese a todo, a incansable ferrolá, xa como flamante ministra de Traballo e copando titulares e portadas, fixo honra á carteira ministerial que ostenta e traballou arreo para sacar adiante unha terceira coalición de cara ás galegas de 2020. De novo rexistrada no último minuto e xa evidenciando coa súa arrevesada denominación (Galicia en común- Anova Mareas) as arduas negociacións para lograr sacala a flote, a marca durou o mesmo que a campaña electoral, supoñendo a sentenza final para o espazo de unidade popular ao non obter representación.
Por todo isto, resulta incomprensible a obstinación da vicepresidenta por intentar un cuarto asalto coa súa plataforma personalista chamada Sumar Galicia cando ocupa xa un escano por Madrid e está completamente instalada na capital. A mesma Yolanda Díaz que, por certo, xa nin tan sequera conserva o carné de Esquerda Unida e só mantén a afiliación ao PCE, formación de presenza testemuñal en Galicia. Capítulo aparte merecería o acontecido con Podemos Galicia, formación que estivo sempre disposta a colaborar e tecer alianzas con Sumar desde o seu nacemento. Despois de usalos para facer campaña e engordar as listas para o adianto electoral das xerais do pasado ano, Yolanda Díaz decidiu prescindir deles unilateralmente para as galegas só medio ano despois.
A situación actual, da que Díaz debería ser consciente, é que a esquerda galega afronta este 18 de febreiro a súa contenda máis importante en décadas. Do outro lado está Alfonso Rueda, tecnócrata gris que só foi quen durante a súa rexencia de evidenciar máis se cabe a ausencia absoluta de proxecto dun PP xa completamente esgotado e que segue con vida grazas ao ecosistema de medios afíns que actúan como brazo propagandístico.
O electorado progresista galego merece contar con opcións fiables, algo que unicamente poden garantir partidos con cohesión interna, con arraigo en cada vila e integrados por persoas realmente comprometidas co país. Unha das grandes eivas da esquerda rupturista foi a súa incapacidade para implantarse nos territorios e lograr cadros e militantes estables, algo lóxico se se ten en conta que nunca houbo interese algún en crear algo máis alá dunha plataforma para acudir cada catro anos ás urnas. Con 635.000 galegos e galegas en situación de pobreza, máis de 4.000 empresas extinguidas, 14.200 millóns de euros de débeda e 105.000 galegos menos, cómpre ser máis responsables que nunca e deixar as aspiracións persoais e os egos a un lado. Pode que non haxa máis oportunidades como esta. E quen queira entender, que entenda.