O filósofo e a lama

O filósofo Daniel Inneraraty afirmou nun artigo recente que a polarización, como categoría de análise política, está sobrevalorada, que non hai tanta como parece nin como nos queren facer crer os estrategas partidarios da división. É certo, sostén, que determinados antagonismos están a ir a máis nos últimos tempos, pero iso non significa que se estean configurando bloques sociais estables e ríxidos sen posibilidade de acordo, transacción ou tránsito entre eles. Que hai máis porosidade do que a tensión decibélica pode facernos crer. Que son máis os que, malia todo, habitan nunha centralidade aberta que os que, desde un extremismo illacionista, elaboran discursos excluíntes e categóricos, sen matices, alimentados por un ímpeto automotivado e insano, pechado sobre si mesmo.

Pode ser que así sexa. O que ocorre é que son estes últimos os que máis se escoitan, os que máis ocupan, os que marchan con máis decisión polas vías modernas de comunicación, enchenas de consignas irracionais, exabruptos e mentiras. Son estes os que, pola súa insistencia e presenza, acaban deixando pegada na axenda, influíndo de xeito perverso na conversación pública. Pode ser, polo tanto, que estemos diante dun espellismo conxuntural e interesado, e que a realidade, o sentir real da maioría social, permaneza alleo, substancialmente alleo, diriamos, máis alá da folclorizada superficialidade de algúns comentarios compartidos, pola gracia, no que chamamos as redes. Se é así, tal como Inneraraty apunta, aínda non está todo perdido.

Quedan en pé, afirma, e sen risco de inminente demolición, espazos convivenciais fundamentados sobre amplos consensos, aceptados e defendidos, malia a certas xestualidades tácticas e histerismos pasaxeiros, por unha gran maioría de cidadáns. Porque son estes espazos, que teñen que ver cos dereitos e liberdades que desfrutamos, coas políticas redistributivas, co respecto ás minorías e á diversidade, os que se erguen, no imaxinario común, como epítomes do progreso, da civilización e da dignidade humana.

Exceso de optimismo?, pode ser. De verdade non corren risco estes espazos?, quen sabe! De verdade son tan firmes estes consensos na centralidade sobre as formas desexables e innegociables da convivencia? Imos crer que si. Non podemos deixarnos invadir pola vociferante e presunta indignación que inunda certos sectores da prensa española, dixital e en papel, clásica e moderna, pola venda a prazos da apocalipse que pretenden facernos cada día, polos caudais de odio e resentimento que exudan en cada trazo, polas trampas ou minas que estran sen límites contra a intelixencia.

E que dicir da chamada clase política?, dese que, segundo un dos seus membros máis coñecidos e con máis longa dedicación, resulta ser a peor dos últimos 45 anos, que dicir? Da clase, así, in abstracto, nada. Se o preclaro líder da oposición cre que é a peor, razóns terá, pero servidor, máis de clase, falaría de clases. Porque clases si hai, e, xa se dan conta, non falo en termos marxistas. Hai moitas clases de persoas na política, algunhas merecen o noso respecto, e doutras, cada vez máis, non podemos sentir máis que vergoña. Pero regresemos ao filósofo. Que non nos manche tanta lama.

Salir de la versión móvil