Recoñezo que non é sinxelo.
Quizais sexa incluso un dos saberes máis difíciles de adquirir, un deses que non ofertan as institucións académicas nin se extrae dos diversos e múltiples manuais de autoaxuda.
Tanto dá que lle botes horas ao estudo, que fagas cóbados sen descanso, que utilices as mellores e máis modernas ou tradicionais técnicas de asimilación de coñecementos. Nada, é o mesmo. Falamos dun saber que ou se ten ou non se ten, un deses que, e perdoen o ataque de innatismo platónico, debe nacer co ser, un deses que deambulan polo mapa xenético sen atender razóns nin requerimentos, un puro capricho do azar. Que sei eu! A xente que dispón dese saber ten moita vantaxe sobre o resto, e podemos pensar en calquera situación das que vivimos na vida cotiá, sexa onde sexa, ocorra onde ocorra, nunha reunión familiar ou laboral, nun gran salón, nun pequeno cuarto, na barra dun bar, nunha cama. Podemos pensar en calquera situación e comprobar a gran vantaxe dos que si saben marchar no momento preciso, nese que os demais consumimos con sabor agre, enchoupados na irresolución, e eles converten en liña fronteiriza, en peche e apertura.
Porque saber marchar non consiste só en marchar, en erguerse da cadeira, saír e que caia o mundo, aí quedades, non, non, saber marchar é saber cando, entre que frases, aproveitando que silencio, despois de quen, antes de que, sen innecesarios movementos abruptos, sen alterar os equilibrios tectónicos. Saber marchar é dificil, e para o señor Biden, por exemplo, semella unha tarefa imposible, algo que está máis alá das súas actuais capacidades cognitivas, postas a proba, segundo os medios, en cada intervención, examinadas ata na máis nimia inflexión da voz, ata no máis leve titubeo.
A un dalle pena ver a un señor así, facendo esforzos denodados para parecer máis novo, máis áxil, máis dinámico, mentres, ao seu arredor, asesores, familiares, cidadáns de toda condición, temen ou desexan que a debilidade dun paso o leve ao chan e ao descrédito definitivo, que un erro identificativo, que unha confusión espacio temporal certifique a incapacidade que só el, sumido nunha imaxe falsa de si mesmo, é quen de negar. E fronte a Biden, Kroos, o futbolista alemán que acaba de xogar o útltimo partido da súa carreira, un tipo que se vai coma se nada, en plenitude, con esa aparente lixeireza dos que semellan alleos ao futuro, ou claramente convencidos de dominalo. Dous casos antagónicos. O que non sabe, e se cadra nin quere saber, e o que sabe e, ademais, está seguro de que sabe. Dous casos ,en certa medida, extremos.
Para a maioría de nós, marchar ou non marchar, e cando, sobre todo cando, porque marchar, todos marcharmos, é unha decisión que imos enfrontando como podemos, algunhas veces preñados pola angustia, outras empurrados por unha afouteza que non sabemos de onde procede, inseguros case sempre da oportunidade do momento. Non, saber marchar non é sinxelo. E moito menos se ademais hai que despedirse.