Atreverse a non telo claro

Hai tempo, un amigo mandoume un artigo de Juan José Millás no que falaba da xente que necesita ter razón. Xente que ten que tela e ten que deixar constancia. Que non pode permitir que unha discusión acabe en empate, nin moito menos perdela; que ten que seguir e seguir ata gañala.

Eu coido que iso, que semella un problema, non comeza aí; non comeza no momento de comparar opinións, senón co feito de telas. É difícil, parece, non ter unha postura clara sobre todo, sobre calquera tema que nos pase por diante, calquera asunto que se poña enriba da mesa. Mesmo se é a primeira vez que sabemos del.

E, se iso sempre foi complicado, como xestionalo agora que as redes están a crear un terreo de discusión global e permanente do que nada parece poder librarse. Un ten que posicionarse, seica, sobre o cambio climático, a guerra ou os impostos, pero tamén sobre o xuízo a un famoso, a separación dunha cantante e un futbolista, os coches eléctricos, o veganismo, o récord dunha nadadora trans ou a canción que leva España a Eurovisión. Un ten que se posicionar sobre o importante, aínda que non saiba nada do tema, e tamén sobre o insignificante, sobre o banal, sobre toda canta estupidez se faga trending topic.

Publicidad

E non é nada doado, son demasiados os temas e demasiadas as variables en cada un, e calquera persoa perderá pe en moitos. E iso xera inestabilidade. E vivir na inestabilidade costa. Fai falla moita seguridade, paradoxalmente, para convivir coas dúbidas. Por iso resulta tan práctico subscribir receitas completas, elixir paquetes de respostas que o abarcan todo e aclaran que toca dicir de cada cousa. De aí a manida polarización, inimiga dos matices e os grises, e de aí que esa discusión global, ademais de permanente, ruidosa e efémera, sexa cada vez máis pobre.

Fai falla ter unha cabeza ben amoblada para aceptar que un non sabe de algo do que fala todo o mundo, e aínda máis para aceptar que, mesmo se temos unha opinión formada, pode que sexa errónea. Detrás desa teima por impoñer unha idea, detrás dese interese por que nos dean a razón, normalmente non hai outra cousa que unha defensa. Non somos capaces de seguir adiante deixando ocos sen encher, nos somos quen de estar cómodos no medio de incertezas.

Pero esa seguridade tan reconfortante pode vir da confianza en nós mesmos, nas nosas posibilidades, na coherencia dos nosos plantexamentos e na solidez das nosas ferramentas, aínda que os resultados sexan unha incógnita; ou pode basearse precisamente nos resultados, na resposta que atopamos nos demais. É entón cando xurde a ansiedade por convencer, ou por vencer.

Iso téñoo todo claro, clarísimo. O que non sei é por que me mandaría o artigo aquel o meu amigo…

Publicidad
Salir de la versión móvil