Avaliación continua

Perception of Yourself

Ás veces penso que a miña sensación de decepción naceu no funeral da miña tía Maruja a da aldea. Benito, o seu home, estaba desfeito e non paraba de chorar. Pero, aínda así, despóis do enterro contou varias veces a impresión que lle fixera eu uns anos antes, unha vez que viñeran os dous a Ferrol ás festas de Santa Mariña. Creo que foi a única vez que os vin fóra da aldea.

Viñamos todos da sesión vermú, camiñando, e eu, que tiña arredor de dez anos, ía ao seu lado, contándolle cousas. E disque lle falara como un homiño xa, tan listo, tan razoable. E xa sei que o recordo pode ter pouco que ver co que alí pasou, á fin e ao cabo a memoria é, en gran parte, un exercicio de recreación, e faino tan ben que con pezas soltas e datos alleos vai compoñendo escenas enteiras que, ao final, facemos nosas e vemos coa mesma nitidez que se acabaran de pasar. Pero o caso é que alí estou eu, un cativo que segundo Benito tiña algo especial. E aquela conversa, contada anos despois e pasada pola peneira da miña cabeza, quedou idealizada como a proba de que así era, de que moito prometía.

Pola contra, oíla de rapaz fixo que, por primeira vez, eu sentira que aquelo que prometía non chegara a pasar. Que algo xa non ía exactamente como tiña que ir. Houbo un desacougo, unha certa insatisfacción. Ou polo menos -e volvemos de novo á memoriaasí o lembro eu. E sería esa confrontación de promesas e realidade, esa comparativa entre o que parecía que ía ser e o que acabou sendo, a que faría xurdir esta decepción que, con altos e baixos, leva comigo media vida. Esta sensación de que me achego, pero non de todo.

E a verdade é que nunca lle oín dicir a ninguén que o meu caso fora especialmente desilusionante, pero
tanto ten, porque o importante non é o que pensen os demáis, nin sobre o que eu prometía nin sobre o
que finalmente fun facendo, senón o que pensaba e penso eu. Non é que sexamos inmunes a recoñecementos ou ao que din de nós. Nin moito menos. Pero non fai falla ser psicólogo para darse conta de que eses non son máis que datos que recibimos, e que o relevante é o efecto que teñen en nós. Se nos convencen ou non. Se nolos cremos. Saia de onde saia, chegue como chegue a ela, é a idea que teño de min a que me afecta, e son as miñas conclusións as que contan.

Son as miñas expectativas de entón, reais ou inventadas por min máis adiante, as que levo toda a vida tratando de cumprir; e é a miña opinión íntima sobre o que teño acadado a que arroxa o resultado. A avaliación. E é esa avaliación a que suspendo. Ben, tampouco é que a suspenda. Pero eu quería ter un Sobresaínte e teño sensación de Notable. Sempre de Notable, que non está mal, pero tampouco ben de todo, nada especial. E vexo claro que todo isto me fai carne de terapia, pero teño dúbidas sobre que será peor: o feito de pasar a vida a me avaliar, ou que sacar un Notable me decepcione.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.