Libros na vila

Onte, volvendo de Madrid, paramos a comer nun pobo de Valladolid, Urueña, que foi a primeira das chamadas Vilas do Libro de España. A primeira do mundo foi a galesa Hay-on-Wye, pero hai moitas noutros países, sobre todo europeos. Veñen sendo iso, vilas, normalmente pequenas, nas que se decide promocionar todo o relacionado cos libros e a lectura, dende talleres, museos, cursos e feiras até, naturalmente, librerías. En Urueña, para unha poboación, en 2018, de 188 habitantes, hai nada menos que nove librerías, un taller de encadernación e catro museos. Loxicamente, está pensado para servir de imán para visitantes, curiosos, bibliófilos varios e, tamén, simples turistas. Porque, ademais, o pobo é precioso.

Xa teño dito que dende que pasei varios anos cruzando semanalmente Castela e León o meu concepto da paisaxe castelá cambiou por completo. De pequeno, cando viaxábamos a Madrid, a miña era a típica primeira reacción dos galegos: “Isto é un deserto!”. E aí quedaba a cousa. Fixéronme falla moitas viaxes e moita atención para ir dándome de conta da súa beleza innegable, aínda que distinta. A dos campos infinitos e os horizontes remotos, a dos ceos rectos e as nubes ordenadas, a dos verdes, pardos e ocres, e as vilas pequenas, afastadas e que rematan na traseira da última casa. Unha paisaxe que tamén muda, seguindo o seu clima extremo, que ten algo que me atrae, como me atrae a nosa choiva: gústame que aínda esteamos condicionados polo tempo, que non o teñamos domado e inflúa nas nosas casas, nas nosas costumes e nas nosas relacións.

Urueña está enriba dunha lomba, e ten unha muralla dos séculos XII e XIII, verdadeiramente impresionante, á que un pode subir, e dende o seu adarve ver esa paisaxe, as fincas e campos de labranza que a rodean. E pódese camiñar polas súas rúas e canellas. Onte facía calor, pero aínda non demasiada. E había máis turistas, pero non éramos multitude. Aínda así, non puidemos xantar no primeiro restaurante no que preguntamos, e acabamos comendo noutro, Entretierras, bo, bonito e caro (por certo, Marta, invitei eu), atendido por dúas mulleres moi simpáticas. De sobremesa tomamos, por fin, unha hojuela, e si, con mel por riba.

O caso é que Urueña parece viva, parece que, malia non chegar aos douscentos habitantes, goza de boa saúde. E coido que, senón a principal, unha das máis claras razóns é a súa condición de vila do libro, que é unha cousa que atrae xente, e aínda por riba xente tranquila.

E ben sei que o do turismo é unha arma de dobre fío. Por desgracia, xa sobran exemplos en Galicia de sitios únicos que quedaron estragados pola súa culpa. Pero, con todo, pregúntome se non poderíamos ter nós a primeira Aldea do Libro do mundo.

Salir de la versión móvil