A chegada do teléfono. A Central Telefónica de Pontedeume

Telefonistas nas dependencias da rúa San Miguel. Finais dos anos sesenta
Telefonistas nas dependencias da rúa San Miguel. Finais dos anos sesenta

Os avances tecnolóxicos de comezos do século  XX van chegando ás pequenas localidades como a nosa, con atraso e lentitude. A gran novidade  que supoñían as comunicacións por teléfono, non ían ser unha excepción. Nun Pleno do Concello de Pontedeume de outubro de 1916, xa se facultaba ao alcalde  Melanio  Roberes Alonso a que solicitase ao director xeral de Comunicacións a instalación dun centro telefónico urbano que enlace aos pobos e moradores deste Partido Xudicial entre si e coa Rede Xeral de Telégrafos e Teléfonos do Estado. Ían  pasando os anos e a pesar das xestións seguiamos sen teléfono.

En abril de 1924, durante a ditadura do xeral Primo de Rivera, créase a Compañía Telefónica Nacional de España ( CTNE), como monopolio para explotar o servizo telefónico, empresa que estaba participada maioritariamente pola multinacional norteamericana ITT Corporation, e vaise dar un forte pulo á implantación do servizo.

Haberá aínda que agardar ao  trinta de xullo de 1927, para que en Pontedeume se inaugure a súa primeira Central Telefónica, na casa do industrial e concelleiro Jesús Piñeiro Piñeiro (Fonda Piñeiro), no número un da rúa Inmaculada, e a encargada do novo servizo será a súa filla María Piñeiro Pérez.

Asistentes ao acto diante do Concello. (Foto publicada en La Voz de Galicia o 4 de agosto 1927)

Celébrase un acto oficial ás cinco da tarde, presidido polo alcalde en funcións, -o avogado  Florencio González  Villamil-, acompañado doutras autoridades locais, dos alcaldes de Ares, Cabanas, Mugardos, Fene e Miño, e doutros invitados como o axudante de Mariña Benito Domingo Carballeira ou representantes do comercio e industria local.

A noticia da inauguración é recollida por La Voz de Galicia no seu número do trinta e un de xullo:

“As autoridades reuníronse na Casa do Concello, e precedidos pola banda municipal dirixíronse ás oficinas da nova central telefónica que se atopa na casa do acreditado industrial Sr. Piñeiro na rúa Inmaculada Concepción, onde foron recibidos polo xefe da estación telefónica da Coruña D. Santos Velasco e a encargada da nova central de Pontedeume, María Piñeiro.”

A bendición “dos aparellos” realízaa o cura-párroco José Manuel Cendán Sánchez e será o alcalde quen realice a primeira chamada oficial ao Gobernador Civil da Coruña. Para conmemorar este acontecemento, que é salientado como signo de prosperidade para Pontedeume, celébrase un “lunch” nos baixos do  Concello, e pola noite unha verbena popular.

Xa en decembro de 1932 a Compañía Telefónica, por resolución do Concello, instalará teléfonos públicos nas parroquias de Ombre,  Nogueirosa e Vilar. Logo de pasados uns meses, tocaralle a instalación á parroquia de  Centroña.

En 1945 a  CTNE convértese en monopolio estatal ao nacionalizala o goberno de Franco comprando preto do 80% das accións. Anos máis tarde a Central Telefónica trasládase uns metros, a Inmaculada catro, e   rexentarana ata o ano 1953, as irmás Elvira e Juana Martínez  Vizoso, netas de José Vizoso e Juana Calvo que eran titulares dunha tenda e estanco na Tafona 2.

A partir de 1953 as irmás Elena e Consuelo Vilariño, a primeira como contratista-encargada do Centro Telefónico e a segunda como empregada, fanse cargo do servizo no primeiro piso do número catro da rúa Inmaculada, onde estarán ata finais de 1957, ano en que abren as novas dependencias ou locutorio, nun baixo da rúa San Miguel 9.  Nesta Central xestionábanse as chamadas urbanas e interurbanas, tanto dos abonados, como as que se solicitaban directamente a través das cabinas. Ademais, elaborábase a facturación tanto dos clientes de Pontedeume, como dos abonados de varios centros telefónicos da comarca, cobrándose a domicilio os recibos mensuais. As  telefonistas empregadas durante estes anos sempre foron mulleres, e a instalación, mantemento e reparacións das liñas telefónicas corrían a cargo de homes.

Nesta última localización situarase a central ata o seu peche definitivo a mediados dos anos setenta, pola automatización do servizo e a construción dunha nova estación telefónica local automatizada, sen servizo ao público, no número catro da avenida do doutor Villanueva .

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.