O primeiro de outubro de 1923 un Real Decreto do Directorio Militar presidido polo xeneral Miguel Primo de Rivera, disolve todos os Concellos de España, sendo os concelleiros substituídos polos vogais integrantes da Xunta Municipal de Asociados. A comunicación e convocatoria aos afectados, para dar cumprimento ao RD, corre a cargo do tenente Xefe de liña da Garda Civil Gumersindo Varela Paz, quen preside no salón de sesións da casa do concello de Pontedeume o acto de constitución da nova Corporación. Previamente comunica ao alcalde Manuel Salgado Horta o seu cesamento e o do resto dos edís.
Estes doce vogais que participaban, en representación dos seus gremios, xunto cos edís cesantes na citada Xunta, elixen como alcalde, en votación secreta, a Francisco Abeledo Sanjuán , domiciliado na rúa Inmaculada.
A Xunta Municipal de Asociados era unha institución, regulada na Lei de Concellos de 1870, formada polos concelleiros e os vogais que eran elixidos por sorteo entre os contribuíntes que colaboraban en cuestións económicas como o reparto do concerto do imposto de consumos. Entre as súas competencias estaba a de informar o Orzamento municipal, a aplicación dos arbitrios municipais ou intervir nas contratacións de obras ou de persoal.
O conflito coas leiteiras
A mediados de outubro a nova Corporación emite un bando polo que obriga ás vendedoras do leite, que acoden a diario dende as aldeas e rueiros próximos, a vender o leite usando como medida o litro, é dicir, prohíbese a venda co popular “cuartillo” equivalente a medio litro, tanto nas casas particulares, como nas tendas da vila ou noutros lugares.
As autoridades alegan que algunhas leiteiras utilizan medidas parecidas ao medio litro, pero con menor capacidade, sendo necesario un maior control polo ben dos consumidores. Había a sospeita de que xa que non podían cobrar por riba do prezo máximo fixado, algunhas vendedoras amañaban “as medidas” para poder gañar algo máis.
Máis tamén se pretende controlar mellor o pago dos tributos que recaen sobre o consumo do leite.
O imposto de consumos, gravaba os bens de primeira necesidade, “de comer, beber e arder” como os alimentos, bebidas alcohólicas, e os combustibles como o carbón ou a leña, pero tamén bens de carácter xeral non necesarios. Era nos fielatos ou casetas de consumos instaladas na entrada da vila, onde había que pagar os impostos e arbitrios polos produtos que se introducían para a venda. Na vila de Pontedeume había catro casetas, no Barro, Augabar, Porto e na Ponte, ademais dun fielato central nun almacén da rúa Rajoy.
Os gardas dos fielatos tiñan un “cuartillo patrón” para evitar as posibles irregularidades nas medidas e na cantidade do leite.
Neses días os gardas municipais comisan o leite a varias vendedoras por desobedecer as ordes da Alcaldía ao seguir vendendo coas medidas vellas. O leite comisado entregase no Asilo da vila.
O luns vinte nove de outubro, segundo a prensa, non chegou ningunha vendedora do leite ao mercado e só viñeron a algunhas casas particulares nas que repartían diariamente. As leiteiras están en desacordo, segundo esas informacións, en que se lles faga vender polo litro, pero tamén sosteñen que o prezo máximo de trinta céntimos (0,30 pesetas) que puxo a Alcaldía ao litro, non se corresponde co que se viña aplicando coa “medida” anterior.
A folga das leiteiras e case total e a Garda Civil detén a dúas delas, de Cermuzo e San Xoán de Vilanova, e lles impoñen fortes multas por situarse nos camiños animando a secundar a folga.
O que en principio pode parecer un problema técnico para mellorar a venda dun produto básico, agocha unha cuestión mais de fondo, que ten que ver coa incapacidade das leiteiras de poder trasladar ao prezo de venda, os custos de produción e o pago dos arbitrios de consumo, ao ter fixado un tope máximo no prezo de venda.
O Pleno da Corporación Municipal
Temos pouca información de como se xestou e rematou o conflito, pois a Ditadura militar tiña censurada á prensa, estando prohibida a crítica as autoridades.
Pero ese luns vinte e nove, as seis da tarde, houbo sesión plenaria da Corporación Municipal. No transcurso da mesma o Alcalde da conta da negociación cos carniceiros para obter unha rebaixa do prezo da carne para “que poida comer a xente obreira e pobre”, aceptando estes unha rebaixa a cambio de que poidan sacrificar reses maiores e así abaratar custos. Se acepta e autoriza a proposta. Tamén negociouse cos panadeiros a rebaixa dos prezos do pan e acordase fixar os prezos do pan máis baixos e publicalos nun bando municipal.
Na acta do Pleno non se recolle ningunha referencia dos edís sobre o conflito e folga das leiteiras que estase a desenvolver neste mesmo día, pero o concelleiro de Nogueirosa, o labrego Ramón Pantín Tenreiro, ao que supoñemos bo coñecedor do que está pasando, roga á Corporación que se eleve o prezo máximo fixado ao litro de leite de trinta céntimos, pois afirma que con ese prezo os produtores non poden cubrir os gastos de produción. A Corporación aproba por maioría, con dous votos en contra, que o prezo do litro pase a ser de 40 céntimos. Fanse notar na votación os seis edís de parroquias en representación do gremio de labregos-propietarios.
Con esa decisión as leiteiras conseguen na práctica o que perseguían, e só un xornal “La Libertad” de Madrid de dous de novembro, da conta de que se solucionou a folga das leiteiras comprometéndose estas a usar as medidas regulamentarias en uso.