A situación das empresas do IBEX 35 en 2021

A presidenta de Inditex, Marta Ortega e o conselleiro Óscar García Maceiras na Xunta Xeral de Accionistas da compañía - INDITEX - Arquivo
A presidenta de Inditex, Marta Ortega e o conselleiro Óscar García Maceiras na Xunta Xeral de Accionistas da compañía - INDITEX - Arquivo

A primeiros de marzo deste ano presentouse o estudo Evolución de indicadores de bo goberno nas empresas do IBEX 35 durante o exercicio 2021. Neste informe que elabora anualmente a Fundación 1º de Maio en colaboración coa secretaría de políticas públicas de CCOO, analiza a información sobre bo goberno, fiscalidade, calidade do emprego e retribucións do persoal ou medio ambiente.

Imos comentar algúns datos e informacións deste interesante informe de máis de cen páxinas, e aínda que os datos figuran agregados, destacaremos de forma singularizada algúns relativos á  gran empresa máis familiar e próxima, INDITEX.

As empresas do IBEX obtiveron no 2.021,  52 mil millóns de beneficios (aínda que seis delas, aínda rexistran perdas), o que amosa unha recuperación da actividade económica nese ano, tras rexistrar en 2.020 resultados negativos de 4,2 mil millóns debido ao parón da economía debido á pandemia do COVID. INDITEX obtén nese ano 3.250 millóns de beneficios.

Dan traballo a 1,2 millóns de persoas a nivel mundial. Cinco delas superan os cen mil ocupados (Santander, INDITEX, ACS, BBVA e Telefónica). As mulleres representan o 48,5% das persoas traballadoras.

INDITEX aumentou o seu persoal nun 14,5% respecto ao 2.020, alcanzando a cifra de 165.042 empregados, dos cales 46.075 están en España e o resto no estranxeiro. O 75,7 % do seu persoal son mulleres.

Redúcese a temporalidade nos contratos destas empresas, situándose no 9,6% e aumenta o número de persoas con contrato en xornada parcial a 16,5%. No caso de INDITEX os temporais ascenden a 18,9%, pero é moi destacable o dato de contratos parciais que supón un 56% do persoal.

En canto a emisións directas e indirectas de gases de efecto invernadoiro (GEI), o 86% das emisións corresponden ás empresas enerxéticas: REPSOL, NATURGY, IBERDROLA E ENDESA. Seguidas de lonxe por INDITEX que cunha cadea de valor moi internacionalizada e dispersa, achega algo máis de dez millóns de toneladas de CO2.

Nos Consellos de Administración das sociedades,  participan 421 persoas, das cales 144 (34,2%) son mulleres. O código de bo goberno da CNMV recomenda que en 2022 as mulleres representen polo menos o 40% do total. O Consello de INDITEX está formado por 11 membros ao 31 de xaneiro de 2022, con catro mulleres (36,4%); deles dous son conselleiros executivos, con funcións de dirección; tres son dominicais (representan aos accionistas) e seis son independentes.

Na Alta Dirección (executivos que dependen directamente do Consello de Administración) hai 409 persoas, e só o 22% son mulleres, aínda que se mellorou respecto ao 2.021. En INDITEX hai 23 persoas neste nivel, das cales só seis son mulleres.

En canto ás remuneracións do persoal, obsérvase un comportamento pouco responsable, pois a retribución media dos directivos do IBEX 35, (Consello de Administración, Alta Dirección e outros directivos), aumentou entre un 12% e un 18,4%. O contraste coa gran maioría dos traballadores do persoal é evidente, pois só incrementan o salario medio nun 2%, nun ano en que a inflación alcanzou o 6,5%, o que supón unha diminución importante na capacidade de compra dos seus salarios.

A remuneracións media dos primeiros executivos de cada empresa (salario anual da persoa que obtén maior retribución na empresa) ascende a 4,9 millóns anuais, aínda que hai empresas como AENA ou SOLARIA onde os seus primeiros directivos cobran menos de 200.000 euros anuais. O primeiro executivo de INDITEX cobrou en 2021, 12,4 millóns de euros, e os altos executivos desta multinacional cobran case 3,5 millóns anuais.

As diferenzas salariais por xénero seguen reflectindo que a maioría dos homes teñen un salario medio maior que as mulleres, cunha brecha salarial media de 6.300 euros anuais. En INDITEX cun salario medio de 23.000 euros, bastante inferior á media das empresas do IBEX, os homes teñen un salario medio de mais de 3.700 euros con respecto ás mulleres.

Resumindo, as tres esferas de decisión da empresa:  o Consello de Administración, a Alta Dirección e o accionariado (que incrementan os seus dividendos nun 38%) son os grandes beneficiarios da mellora da situación económica das empresas do IBEX, mentres que a inmensa maioría dos traballadores e traballadoras, soportan unha perda de poder adquisitivo dos seus salarios, aumentando a desigualdade na sociedade.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.