A Sociedade ‘Puentedeume y su Partido Judicial’

Portada da Memoria de 1931. Documento cedido por Antonio Leira Noche para súa publicación no nº 27 da revista CÁTEDRA.2020

Constitúese esta sociedade de emigrantes galegos na Habana, o oito de outubro de 1911, inicialmente coa denominación de Puentedeume y su comarca,  promovida por varias persoas afincadas desde hai  anos en Cuba, orixinarias de Pontedeume e dos concellos do distrito ou partido xudicial. O impulsor da sociedade é o crego eumés Juan José Roberes, párroco de Managua (Cuba) e anos máis tarde cóengo da Catedral de La Habana. Noméase unha xestora presidida por este, e unha comisión encargada de elaborar o regulamento de funcionamento da sociedade, que estará presidida polo profesor e avogado Constantino Horta e Pardo, tamén orixinario da vila eumesa.

Na tarde do vinte e nove de outubro celébrase a primeira asemblea nos salóns do Centro Galego da Habana, aprobándose o Regulamento e elíxese a primeira Directiva na que figurará como presidente Juan José Roberes Rodríguez, como vicepresidente, Celestino Veiga;  secretario Francisco Anca Álvarez, Tesoureiro, Rogelio Pérez; Contador: José Irijoa, así como outros cargos e vocais. O domicilio social irá cambiando cos anos, sendo nos primeiros anos no Mercado de Tacón 45.

O cinco de decembro de 1911 o alcalde de Pontedeume, Gonzalo Prego, emite un bando dando conta da constitución da sociedade, facendo soar a campá do reloxo público da Casa do Concello ás doce da mañá,  e agardando que as actividades filantrópicas desta sociedade redunden en beneficios para o pobo, como adoita ser habitual con outras sociedades similares. Ademais acorda o Concello contribuír cunha subvención ás actividades sociais da entidade.

Esta sociedade de instrución e beneficencia, que oficializará ao pouco de funcionar a denominación social de “Puentedeume y su Partido Judicial”, tiña como finalidade  prestar auxilio aos seus asociados nos casos de enfermidade, inutilidade física, ou carencia de recursos ou de traballo, máis tamén organizar actos de recreo, non só para lecer dos socios senón tamén para recadar fondos co propósito de dar cumprimento aos fins sociais. Teñen moita sona as festas-romaría, con xantar e bailes, que organiza a sociedade nos xardíns de “La Tropical”.

 

Parte superior do panteón no cemiterio Colón. Na base están os nichos e osario.

Aos tres anos da súa fundación o secretario da entidade, laiase de que con oitenta asociados dese ano, non poden atender debidamente aos fines da sociedade. O sete de xuño de 1917 a Xunta xeral da sociedade toma o acordo, seguindo a boa práctica doutras sociedades galegas da emigración, de fundar unha escola nunha das parroquias de Pontedeume, resolución que pensamos nunca chegou a ser realidade. A sociedade reorganízase no ano 1927, logo duns anos convulsos nos que houbo unha escisión de parte dos socios.

Dáse conta na Memoria da Sociedade de 1931, da adquisición   en propiedade do panteón no cemiterio Colón da Habana onde “descansarán para siempre los venerados restos  de los miembros de esta Sociedad”, construído con cachotería e mármore, con oito nichos e un osario xeral. Foi adquirido mediante escritura pública diante de notario, o trinta e un de decembro de 1927, con un custo de mil cincocentos pesos e setenta centavos. Os primeiros enterramentos efectúanse no 1928.

Neste cemiterio habaneiro, declarado Monumento Nacional de Cuba en 1987, repousan miles de emigrantes galegos, e hai 58 panteóns das Sociedades Galegas da emigración.  Na mesma Memoria fíxase como obxectivo  de futuro da Directiva da sociedade, construír en Pontedeume, unha Casa de Socorro e Clínica de Emerxencias, para a asistencia médica de urxencias en casos de accidentes e causas análogas. Tampouco se chega a concretar ese proxecto. Na actualidade a sociedade segue viva con certa actividade, cunha xunta directiva elixida na Xunta xeral de socios celebrada en abril, integrada polo presidente Felipe Cid Domínguez; a vicepresidente primeira, Sandra Domínguez Arias; secretario, José Antonio Martínez Alonso ; tesoureira, Gladys B. González Díaz;   contador, Manuel Álvarez Fuentes,  e outros vocais.

Conta actualmente con 450 asociados, deles 5 naturais de Galicia e 135 fillos e netos de galegos. Ten o domicilio social en Prado nº 458, La Habana Vieja. Celebraron o quince de maio deste ano, un acto conmemorativo do Día das Letras Galegas adicado a Florencio Delgado Gurriarán, no salón principal do Hotel Caracas da cidade habaneira, moi próximo ao Centro Galego da Habana. A entidade forma parte da “Federación de Sociedades Españolas de Cuba” (FSEC), da “Federación de Sociedades Galegas de Cuba” (FSGC) e da “Coordinadora das Sociedades Comarcais en Cuba”.

Salir de la versión móvil