Algunhas conclusións do cumio do clima COP 27

O Cumio do Clima COP-27, celebrado este ano na cidade exipcia de Sharm El-Sheikh, é o único proceso multilateral existente para facer fronte ao cambio climático, e malia a lentitude na toma de decisións ou na posta en practica das mesmas, estanse logrando avances que hai anos serían impensables. Clausurouse este Cumio, na madrugada do domingo vinte de novembro, e o acordo máis salientable acadado ao final das xornadas, foi o de crear un fondo económico para lle facer fronte ás perdas e danos que xera o cambio climático aos países máis vulnerables. A Unión Europea tiña presentada unha proposta máis ambiciosa, consistente en que este fondo fose destinado aos países en vías de desenvolvemento.

Un exemplo dos danos que están a sufrir algúns dos países mais vulnerables, son as inundacións que este ano  anegaron o 10% do territorio de Paquistán e causaron perdas de máis de 30.000 millóns de dólares. Mantívose como obxectivo que o quecemento global non supere 1,5 graos ao respecto dos niveis preindustriais, -neste momento estamos xa en 1,1 graos-, pero non se dan pasos adiante para reducir o uso do carbón e outros combustibles fósiles como o gas e o petróleo. Non hai un chamamento expreso a eliminar o uso destes combustibles,  causantes das emisións dos gases de efecto invernadoiro (GEI), que pedían algúns países como a UE e as organizacións ecoloxistas.

A pesar dos esforzos da UE, non hai un compromiso de que o planeta acade o pico de emisións dos gases de efecto invernadoiro (GEI) no 2025, para a partir dese ano ir reducíndoos e cumprir co obxectivo fixado xa,  no  Acordo de París de 2015. No medio dunha crise enerxética e de prezos global , cunha guerra en Ucraína de fondo, e as ameazas de recesión económica, a emerxencia climática queda afastada a un segundo plano da atención internacional. Nas conclusións finais do Cumio, para moitos pouco ambiciosas,  avogase xenericamente por acelerar os plans de recortes das emisións dos GEI. Tamén a declaración final da reunión dos países do G20 celebrada nestes días en Bali (Indonesia), recolleuse o compromiso de realizar esforzos para limitar un incremento da temperatura global do planeta por riba de 1,5 graos.

O secretario da ONU, Antonio Guterres, cree que o acordo sobre perdas e danos e un paso importante cara a xustiza e solidariedade internacional. Unha boa sinal, aínda que insuficiente, pois hai que reducir o consumo dos combustibles fósiles para poder frear radicalmente o cambio climático. A ONU lanzou un plan para que todo o planeta este cuberto por sistemas de alerta temperán ante fenómenos extremos, que axuden a salvar vidas.

A definición do fondo creado para perdas e danos que o cambio climático ocasiona aos países máis vulnerables, e  seu  funcionamento, quedou aberto e terá que desenvolverse máis adiante. Será posiblemente, na COP 28 do ano que ven, que vaise celebrar nos Emiratos Árabes Unidos, onde terá que concretarse a que países vai dirixido, como vaise a financiar o fondo, ou que fenómenos climáticos cubrirá. Tamén terase que definir o  obxectivo global de adaptación dos países mais vulnerables ao cambio climático.

Salir de la versión móvil