Análise da poboación de Pontedeume

Imos analizar os principais datos da poboación de Pontedeume, referenciados na súa maioría,  a  xaneiro de 2022,  comparando algúns deles cos de 2013 para observar a evolución na última década. A información está extraída do INE e do IGE, e a recompilación e tratamento dos datos cos que traballei foron elaborados polo profesor José Ricardo López Saavedra .

Pontedeume presenta na última década unha constante caída da súa poboación, pasando de 8.213 habitantes do ano 2013 a 7.563 habitantes (3.617 homes e 3.946 mulleres), cifra oficial publicada polo INE a 1 de xaneiro de 2022. Supón un retroceso de 650 habitantes.

O descenso da natalidade e continuo envellecemento da poboación concretase en que os nacementos nos anos desta década oscilan entre un máximo de 57 no 2014 e un mínimo de 30  no 2019. As defuncións anuais oscilan entre un máximo de 108 a un mínimo de 89 mortos.

No ano 2021 naceron 42 persoas e houbo 92 defuncións, o que supón un saldo vexetativo de menos 50 persoas. Este crecemento vexetativo negativo, que se produce en toda a década, non se ve compensado cun saldo migratorio favorable, pois as saídas de poboación (emigracións ) tamén son superiores normalmente ás entradas (inmigracións). Así, no 2021 saíron 291 persoas  e as entradas foron de 251 persoas, é dicir, un saldo migratorio negativo de 40 persoas.

A pirámide de poboación do concello é regresiva, máis ancha nos grupos superiores de idade, con  moita poboación adulta e envellecida,  que na base con escasa poboación nova, debido á baixa natalidade.

Aínda que Pontedeume ten unha situación estratéxica privilexiada, na area urbana Ferrol-A Coruña, non se reflicte nun maior dinamismo de crecemento de poboación, como si está a ocorrer nos concellos limítrofes ca cidade da Coruña. É moi salientable o caso do concello de Miño, cun crecemento sostido de habitantes desde  2004, no que tiña 5.089 habitantes, aos 6.624 habitantes de 2022.

Pontedeume presenta unha dinámica de perda de poboación similar á área de Ferrolterra, onde a maioría dos concellos perden neste anos poboación, agás Valdoviño que con 6.924 aumenta 114 habitantes na década de referencia; Cabanas, que con 3.340, aumenta en 53 habitantes na década,  grazas a un saldo migratorio favorable; e Ares, que con 6033 supera no 2022, por primeira vez neste século, os seis mil habitantes,  cun aumento de 232 empadroados na década.

Imos ver algúns datos máis polo miúdo:

– A idade media é de 49,4 anos, e hai unha década era de 46 anos. O tramo de idade mais frecuente é  55-59 anos con 666 habitantes, sendo a idade con maior número de empadroados  56 anos con 143 persoas.

– Segundo o lugar de nacemento da poboación empadroada, 4.222 (55,8%) naceron no concello, e 3.341 (44,2%) naceron fora do concello.

– A idade media de maternidade no 2020 foi de 33,15 anos, e o número de fillos por muller 0,98. – A idade media ó primeiro matrimonio nese ano, é de 38,63 anos nos homes e de 34,83 anos nas mulleres. O retraso na idade ao que se contrae o matrimonio tamén é unha constante nestes anos.

– Hai 203 estranxeiros empadroados en Pontedeume (162 no 2013), sendo os colectivos máis numerosos os procedentes de Portugal, Marrocos, Cuba, Venezuela e Reino Unido.

– Na vila  viven 4.309 habitantes e nas parroquias 3.254. Pontedeume ten 78 núcleos de poboación, deles seis non teñen habitantes (Covés, A Chousa, Allegue, O Ameneiral e Aguabar. Este último está integrado na rede urbana da vila) . Os núcleos de poboación con máis de cen habitantes son: Chao do Vilar, Boebre, O Barro, Campolongo, Esteiro, Vizús, Cabría Nova, Chao de Ombre, e  Cruz do Cabildo.

En canto a riqueza dos habitantes do Concello, podémola reflectir cos datos da Renda Bruta Media (RBM) que elabora a Axencia Tributaria desde 2013. Esta RBM se calcula dividindo as rendas integras obtidas polos individuos (rendas do traballo, do capital mobiliario, do capital inmobiliario, das actividades económicas,  outras rendas, e as rendas exentas), entre o número de declarantes, para concellos de máis de mil habitantes.

A Renda Bruta Media dos veciños de Pontedeume foi aumentando desde os 22.576 € do 2013, ata acadar os 24.988 € de 2020. Neste último ano prodúcese unha baixada do RBM de case quiñentos euros ao respecto do dato de 2019, supoñemos por mor do cese da actividade ocasionada pola pandemia. No “ranking” de maior a menor RBM, Pontedeume ocupa a posición 28 no conxunto de Galicia e a 17 na provincial.

Resumindo, para que unha poboación creza e evite o envellecemento demográfico, o fundamental é aumentar a natalidade. A taxa de fecundidade en España é das máis baixas do mundo: 1,23 fillos por muller. A pesar de que nas enquisas que se fan desde hai trinta anos, as persoas din desexar ter polo menos dous fillos, hai barreiras que dificultan a moitas parellas e persoas facer realidade ese desexo. Entre estas podemos citar a precariedade laboral, a incerteza ante o futuro, o escaso apoio institucional , a dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar de homes e mulleres, ou non  ter acceso a escolas infantís de calidade.

Non hai receitas máxicas para incentivar a fecundidade,  o debate está centrado en que  políticas sociais son mais axeitadas para favorecer que as persoas que desexen ter fillos poidan telos.

Salir de la versión móvil