Non vou a entrar polo miúdo nos datos electorais derivados dos comicios do 23 de xullo, porque están xa publicados e supoño dabondo coñecidos. Nin entrar a analizalos en ámbitos máis restrinxidos, cuestión que require unha análise máis exhaustiva. Nin por suposto, lembrar a crispación da campaña, as descualificacións, os insultos, nin a posta en cuestión de Institucións do Estado. Só pretendo destacar algúns datos e notas soltas que me parecen relevantes e que se extraen dos resultados.
O bloque da dereita (PP, Vox e UPN) non acada a representación suficiente para facer presidente a Alberto Núñez Feijoo, polo que é mais que probable que o PP aínda que gaña as eleccións non vai gobernar. Coa súa política tan negativa e agresiva, de oposición radical á política gobernamental, o PP non conseguiu moitos amigos e complicidades no arco parlamentario.
O outro dato é que os cidadáns se mobilizaron para que o nacionalismo español de extrema dereita representado por Vox, que perde 19 deputados, non poida entrar no goberno e quede nunha situación parlamentaria irrelevante.
O bloque da esquerda resiste, despois do baixón das eleccións locais e autonómicas de maio, subindo en escanos e votos o PSOE, recompoñendo Sumar o espazo antes ocupado por Podemos e as súas confluencias, sumando entra as dúas formacións 152 escanos. O seu compromiso explícito de repetir o goberno pode dar os seus froitos se contan cos apoios parlamentarios destes últimos catro anos e se os nacionalistas de Junts favorecen a formación do goberno co seu voto. A acción de goberno non semella que vaia ser doada, aínda contando coa resiliencia amosada por Pedro Sánchez.
No caso máis desfavorable, poderíamos ir a unha repetición das eleccións a finais de ano.
O nacionalismo periférico perde representación e queda en só 26 deputados. Os cataláns parece que premian as políticas do goberno progresista e as arriscadas medidas para canalizar o nomeado problema catalán, pois o PSOE-PSC gaña en todas as provincias desa comunidade e obtén mais deputados que todos os nacionalistas xuntos, sendo Sumar ademais a segunda forza política en Cataluña. Os socialistas tamén gañan as eleccións no País Vasco.
Feijoo, como home experimentado en política, aínda que cunha experiencia de goberno moi cómoda e relaxada en Galicia, creo que se deixou levar nunha campaña electoral de baixa intensidade confiando na onda expansiva da dereita que se perfilaba en España, e acirrado polos medios afíns que de xeito teimudo augurábanlle que ía arrasar e acadar a maioría absoluta coa muleta de Vox. Craso erro que lle levou a desdeñar os debates cos rivais políticos, sobre todo ao deixar a cadeira baleira no de TVE, sen ter en conta que nos debates como nos enterros nótanse moito as ausencias. ¡Na última semana da campaña apareceron os cisnes negros!
Moitos políticos e medios de comunicación seguen considerando a Madrid como o resumo dos sentimentos da Nación, como xa advertía o escritor Pérez Galdós a principios do pasado século, quen avisaba de que estaban moi equivocados nesa apreciación. Dese mal creo que están contaxiados os asesores e gurús que aconsellan a Feijoo.
Esperemos que canto antes se forme un goberno en España, pois os graves problemas que están sobre a mesa non poden agardar e requiren algúns deles o consenso maioritario. Refírome a cuestións como a transición ecolóxica e o cambio climático, a reforma da administración pública, o problema do emprego, o pago da Débeda Pública, a escaseza e carestía da vivenda que afecta sobre todo aos máis novos, a persistente guerra de Ucraína e as súas repercusións, os problemas da auga e a seca, ou a potenciación do sistema público de saúde e as políticas sociais que eviten a exclusión social.