Emerxencia climática

emerxenciaclimatica

O cambio climático fai cada vez máis frecuentes os fenómenos meteorolóxicos adversos, as temperaturas extremas, as vagas de calor extremo, e que se superen os altos rexistros en varios graos como estamos experimentado este verán, por exemplo os 46,8º C de Valencia rexistrados a comezos de agosto. Tamén os xigantescos incendios ocorridos en Canada, Grecia, Tenerife e no outro extremo do planeta, na illa de Maui en Hawai onde un enorme incendio forestal avivado polos ventos do furacán Dora, reduciron a capital da illa a cinzas con máis dun centenar de mortos. Outros fenómenos extremos a salientar, son os ocorridos por esas mesmas datas no norte de Europa, con choivas torrenciais, inundacións, rotura dunha presa e miles de evacuados en Noruega.

Nunha recente entrevista realizada a Jim Skea, novo presidente do IPCC, -Grupo Intergobernamental  de expertos para o seguimento do cambio climático-,  que asesora ás Nacións Unidas, alertaba de que os cambios no clima están a ser mais rápidos do esperado e chamaba a atención de que este verán esta sendo un exemplo, coa subida da temperatura media do planeta no mes de xullo en 0,3º C a escala mundial, a mais alta desde que se fan medicións . Parece que este verán vai ser o mais caloroso no planeta de polo menos os últimos 174 anos.

 

 

Este quecemento global esta producindo impactos na saúde, no traballo ao aire libre, e crea incerteza pois non sabemos como está a afectar na agricultura e na produción de alimentos. En Canarias debido ás altas temperaturas, este ano adiantaron a agosto a vendima, sobre todo da uva malvasía que se facía normalmente en setembro.

Hai que tomar medidas mais radicais para frear estas temperaturas extremas e preparar ás sociedades para adaptarse a estes cambios e fenómenos adversos. No último Informe do IPCC insistíase en algo que tería un efecto rápido para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático: investir máis en enerxías renovables (a solar e a eólica xa representan un 10% da produción eléctrica mundial).  O cambio climático é perigoso, por iso non convén dilatar os recortes das emisións contaminantes de efecto invernadoiro que están fundamentalmente  provocadas pola queima de combustibles fósiles, é dicir, polo uso do petróleo, carbón e gas natural;  nin tampouco postergar as medidas de adaptación necesarias para paliar os seus efectos devastadores sobre millóns de persoas no planeta.

Temos que cambiar os nosos hábitos e as políticas públicas para axudar a camiñar nesa dirección.  Usar menos o vehículo privado, camiñar, andar en bicicleta, potenciar o transporte público, evitar a deforestación, poder adquirir vehículos eléctricos a prezos razoables e ter infraestruturas para cargalos, son algunhas medidas que van no bo camiño. Chamaba a atención Jim Skea sobre os casos de rexeitamento ás políticas ambientais ou climáticas que estanse a producir nalgúns países de Europa, afirmando que ás veces son comprensibles, pois nalgunhas ocasións non se ve claro quen soporta os custos e prexuízos e quen se beneficia da transición ecolóxica.

Temos xa experiencia da perda de moitos empregos en zonas industriais en nome da reconversión industrial e logo da globalización económica, sen que os traballadores percibisen os beneficios desas políticas, e agora hai moitas dúbidas e incertezas no que vai ocorrer nas comunidades nas que as vidas e empregos dependen dos combustibles fósiles. Nesta comarca o estamos a percibir co peche da térmica de As Pontes ou coa política pouco clara e pouco explicada da instalación de macroeólicos. Neste caso haberá que ir a modo na súa instalación, pois segundo os expertos aínda non hai alternativas de almacenamento e distribución da electricidade xerada  polas enerxías renovables e menos para a cantidade de proxectos que estanse a presentar.

En definitiva, é necesario lograr un consenso social amplo en apoio das políticas climáticas mais ambiciosas, tratando de que os cidadáns participemos e entendamos cara  onde vai este proceso de transición económica-ecolóxica no que nos xogamos o presente e  futuro do planeta e estar atentos a como se distribúen os custos e beneficios das políticas climáticas.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.