O cambio climático fai cada vez máis frecuentes os fenómenos meteorolóxicos adversos, as temperaturas extremas, as vagas de calor extremo, e que se superen os altos rexistros en varios graos como estamos experimentado este verán, por exemplo os 46,8º C de Valencia rexistrados a comezos de agosto. Tamén os xigantescos incendios ocorridos en Canada, Grecia, Tenerife e no outro extremo do planeta, na illa de Maui en Hawai onde un enorme incendio forestal avivado polos ventos do furacán Dora, reduciron a capital da illa a cinzas con máis dun centenar de mortos. Outros fenómenos extremos a salientar, son os ocorridos por esas mesmas datas no norte de Europa, con choivas torrenciais, inundacións, rotura dunha presa e miles de evacuados en Noruega.
Nunha recente entrevista realizada a Jim Skea, novo presidente do IPCC, -Grupo Intergobernamental de expertos para o seguimento do cambio climático-, que asesora ás Nacións Unidas, alertaba de que os cambios no clima están a ser mais rápidos do esperado e chamaba a atención de que este verán esta sendo un exemplo, coa subida da temperatura media do planeta no mes de xullo en 0,3º C a escala mundial, a mais alta desde que se fan medicións . Parece que este verán vai ser o mais caloroso no planeta de polo menos os últimos 174 anos.
#Globalwarming of 1.1°C has resulted in more frequent & more intense extreme weather events that have caused dangerous impacts on nature & people worldwide.
Every increment of warming results in rapidly escalating hazards.#IPCC‘s Synthesis Report 👉 https://t.co/zAMzd12lR7 pic.twitter.com/FHeNxmmv94
— IPCC (@IPCC_CH) August 14, 2023
Este quecemento global esta producindo impactos na saúde, no traballo ao aire libre, e crea incerteza pois non sabemos como está a afectar na agricultura e na produción de alimentos. En Canarias debido ás altas temperaturas, este ano adiantaron a agosto a vendima, sobre todo da uva malvasía que se facía normalmente en setembro.
Hai que tomar medidas mais radicais para frear estas temperaturas extremas e preparar ás sociedades para adaptarse a estes cambios e fenómenos adversos. No último Informe do IPCC insistíase en algo que tería un efecto rápido para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático: investir máis en enerxías renovables (a solar e a eólica xa representan un 10% da produción eléctrica mundial). O cambio climático é perigoso, por iso non convén dilatar os recortes das emisións contaminantes de efecto invernadoiro que están fundamentalmente provocadas pola queima de combustibles fósiles, é dicir, polo uso do petróleo, carbón e gas natural; nin tampouco postergar as medidas de adaptación necesarias para paliar os seus efectos devastadores sobre millóns de persoas no planeta.
Temos que cambiar os nosos hábitos e as políticas públicas para axudar a camiñar nesa dirección. Usar menos o vehículo privado, camiñar, andar en bicicleta, potenciar o transporte público, evitar a deforestación, poder adquirir vehículos eléctricos a prezos razoables e ter infraestruturas para cargalos, son algunhas medidas que van no bo camiño. Chamaba a atención Jim Skea sobre os casos de rexeitamento ás políticas ambientais ou climáticas que estanse a producir nalgúns países de Europa, afirmando que ás veces son comprensibles, pois nalgunhas ocasións non se ve claro quen soporta os custos e prexuízos e quen se beneficia da transición ecolóxica.
Temos xa experiencia da perda de moitos empregos en zonas industriais en nome da reconversión industrial e logo da globalización económica, sen que os traballadores percibisen os beneficios desas políticas, e agora hai moitas dúbidas e incertezas no que vai ocorrer nas comunidades nas que as vidas e empregos dependen dos combustibles fósiles. Nesta comarca o estamos a percibir co peche da térmica de As Pontes ou coa política pouco clara e pouco explicada da instalación de macroeólicos. Neste caso haberá que ir a modo na súa instalación, pois segundo os expertos aínda non hai alternativas de almacenamento e distribución da electricidade xerada polas enerxías renovables e menos para a cantidade de proxectos que estanse a presentar.
En definitiva, é necesario lograr un consenso social amplo en apoio das políticas climáticas mais ambiciosas, tratando de que os cidadáns participemos e entendamos cara onde vai este proceso de transición económica-ecolóxica no que nos xogamos o presente e futuro do planeta e estar atentos a como se distribúen os custos e beneficios das políticas climáticas.