O once de outubro de 1.872 , o brigadier (coronel de Artillería) Bartolomé Pozas Soler, e outros militares como o capitán de fragata retirado, nacido en Ferrol, Braulio Montojo Pajarin, o comisario de Intendencia retirado Francisco de Paula, o tenente coronel Miguel Vela, co apoio da Garda de Arsenais, e varios civís, alzáronse en armas contra o goberno de Amadeo I de Saboia, aos berros de: ¡Viva a República Democrática Federal!. ¡Abaixo as quintas!.¡Abaixo os consumos!¡Non máis reis!.¡Viva o Pobo Soberano!
Os militares amotinados entran no Arsenal militar pola Porta do Dique, ao redor da unha da madrugada, acompañados por civís republicanos, e arrestan ao comandante xeneral do Arsenal, Victoriano Sánchez Barcáiztegui, apoderándose de todos os buques. O número de sublevados vai aumentando e fálase de que chegan a mil cincocentas as persoas que participan na insurrección.
Ízanse as bandeiras vermellas, símbolo da república, e proclámase en Ferrol a República Federal, 124 días antes de que sexa proclamada a I República en toda España. A idea que tiñan os sublevados era que o movemento de proclamación republicana fose secundado noutras cidades e pobos de España, pero non conseguen o apoio desexado. O acto violento é condenado polo líder dos republicanos federais moderados, Francisco Pi e Margall, polo Partido Republicano de Galicia, ademais da condena do Congreso de Deputados. Aínda que gozarán do apoio doutro sector da familia republicana, os intransixentes, e de varios comités republicanos de cidades galegas, defraudados polo incumprimento dos obxectivos da Revolución de setembro de 1868.
Os dous primeiros días unha columna dos sublevados, co brigadier Pozas á cabeza, percorren Ferrol acompañados dunha banda de música, portando bandeiras vermellas, e lanzando berros e proclamas a favor da República . Nomean unha Xunta Provisional para dirixir o Concello, presidida polo ex-alcalde republicano, Francisco Suárez.
A Insurrección e Pontedeume
José Sánchez Bregua, capitán xeneral de Galicia, emite un bando o catorce de outubro, tres días despois da sublevación, declarando o estado de guerra, nos partidos xudiciais de Ferrol e Pontedeume. O día trece forzas militares gobernamentais procedentes da Coruña, xa toman posicións en diversos puntos da cidade, o quince comezan os enfrontamentos armados, e o dezasete as tropas do xeneral Sánchez Bregua, toman o Arsenal detendo a preto de catrocentas persoas.
Os insurrectos foxen en remolcadores e lanchas canoneiras ao Seixo e de alí tratan de pasar por Pontedeume. A ponte sobre o Eume será peza clave na estratexia para deter e frear aos rebeldes. Os carabineiros que abandonaron o porto do Seixo, logo de frear e deter aos primeiros desembarcados, súmanse a outras forzas militares na cabeza da ponte, onde xa o alcalde de Pontedeume Leandro Portal, mandara construír unha barricada para resistir ata que fosen chegando reforzos.
No libro de actas (AMP) de 1872 da Corporación de Pontedeume, só hai unha referencia á insurrección de Ferrol, o vinte un de outubro, e o secretario municipal anotou:
“… nese día non se celebrou sesión ordinaria por acharse sumamente ocupado o alcalde Leandro Portal Fernández e o segundo tenente alcalde, con motivo das forzas do Exército situadas nesta Vila en perseguimento dos fuxitivos sublevados en Ferrol”.
Na estrada de Ferrol ao Seixo, tentando marchar cara Cabanas e Pontedeume, varios centos de rebeldes comandados por Pozas e Montojo , son atacados e dispersados por unha sección da cabalería do escuadrón de Galicia e por unha columna de Cazadores de Segorbe, que dispara e carga contra eles. Ao ser freados polo exército, repréganse primeiro ao areal de Cabanas e logo a un piñeiral na parte alta deste concello, onde serán de novo acosados, o que fai que os rebeldes se dispersen en todas as direccións.
No transcurso destas refregas rexistráronse polo menos varios mortos e moitos dos sublevados serán detidos en Pontedeume. Couceiro Freijomil afirma na súa Historia de Pontedeume, que un soldado do Goberno chamado Apolinar García cae morto e recibe sepultura no cemiterio de Pontedeume e na igrexa da vila celebráronse funerais polo seu descanso.
O alcalde de Pontedeume comunica o dezaoito de outubro que na ría apareceron dez cadáveres, e desta noticia, que non chega a confirmarse, da conta tamén o xornal El Eco de Galicia de Lugo. No que coinciden as crónicas é que os xefes da insurrección, Pozas, Montojo e Vega escaparon e non foron detidos. Montojo sábese que pasou en dirección a Maniños, Vega vadeou o Eume e Pozas acompañado por un cura dirixíase á montaña, posiblemente camiño de Portugal.
A represión sobre os sublevados será durísima. Nos días seguintes lévanse a cabo consellos de guerra, ditándose polo menos vinte condenas de morte, -que foron conmutadas por penas de presidio-, máis dun centenar de condenas a varios anos de prisión, e centenares de desterros forzados ás colonias de ultramar. Ao proclamarse a República o ano seguinte, aprobase unha amnistía para todos os delitos cometidos nas insurreccións republicanas.
Para analizar máis polo miúdo esta insurrección de carácter republicano, os seus obxectivos e as posibles causas do seu fracaso, é fundamental ler o libro “La Insurrección de Ferrol de 1872” de Alfonso Gomis Rodríguez publicado no ano 2000 pola Deputación de A Coruña.
Discussion about this post