Latiguillos, ruído e ocorrencias

O próximo 23 de xullo estamos convocados para elixir os representantes da soberanía popular: elección das Cortes Xerais,  Congreso e Senado. Os distritos electorais son as provincias, e na Coruña elíxense oito deputados e vinte e tres en toda Galicia (6,57%) dos 350 que compoñen o Congreso de Deputados. Ademais, elíxense catro senadores por cada provincia. Quédannos case dous meses para valorar o labor do primeiro goberno de coalición de esquerdas desde a transición e escoitar as propostas que nos ofrecen os partidos políticos para os próximos catro anos.

Haberá que darlle as costas aos latiguillos, ruído, descualificacións, ocorrencias que non veñen a conto e que proliferan polas redes sociais e medios de comunicación, e tratar de separar o gran da palla nas ideas e propostas políticas que nos ofrecen e analizar seu grao de viabilidade.

Atrás quedan as iniciativas que xurdiron no debate público derivado do movemento 15-M, que hoxe están difuminadas e a maioría delas fora do foco político, cando non debería ser así. Recollo algunhas delas: cambio da lei electoral; redución drástica dos Concellos; supresión das Deputacións e do Senado; democracia participativa e directa; cambio radical do modelo económico de produción, distribución e consumo; maior gravame á riqueza e ás rendas do capital; autoxestión; vivenda digna, etc.

A pandemia COVID-19, un virus que chegou a paralizar a economía mundial e que nos atemorizou e instalounos na incerteza, fíxonos poñer en primeiro plano a centralidade do sector público, a necesidade da cooperación científica e o coñecemento, e a revalorización da ciencia ao conseguir varias vacinas nun tempo récord, pero tamén deixou ao descuberto o incremento das desigualdades sociais.

Moitos foron as medidas que se aprobaron nesta lexislatura que se pecha, e que deberán necesariamente ser valoradas e contrastadas: a reforma laboral e as melloras no emprego; a subida do salario mínimo; a subida das pensións e a reforma do sistema, a nova lei educativa, as leis de igualdade e xénero, o encanamento político do problema catalán, o papel de España no escenario internacional, etc..

Pero hai grandes temas abertos que van influír nos próximos anos, e que xa están no debate desde hai tempo, e sobre os que debe xirar a oferta política. Refírome a cuestións como repensar o papel dos actores económicos tradicionais, potenciando o papel do Estado emprendedor; a revolución dixital; o grave problema da escaseza e carestía da vivenda; a necesaria potenciación das enerxías renovables e a descarbonización; cambios substanciais nos modelos de produción e consumo; adaptación e  protección das sociedades diante dos perigos derivados do cambio climático; os problemas do auga e a seca; a reforma fiscal para evitar a evasión fiscal, e que paguen mais as rendas do capital ou a riqueza;  a potenciación do sistema público de saúde e as políticas sociais que eviten a exclusión social, incentiven a natalidade e protexan aos nenos que sofren pobreza absoluta ou discriminatoria, ademais de mellorar substancialmente a atención aos máis dependentes.

Salir de la versión móvil