Cúmprense cen anos do falecemento na Habana dun intelectual natural de Pontedeume, cunha traxectoria vital cosmopolita en grao sumo interesante, que viviu dacabalo dos séculos XIX e XX. Naceu na casa familiar da praza da Angustia, o vinte e un de maio de 1860. Foi bautizado na Igrexa parroquial da vila de Pontedeume polo párroco Domingo Ferraces. Fillo maior do comerciante Lorenzo Horta López e de María Antonia Pardo Cid, que tiveron catro fillos máis do matrimonio: Carmen, Enrique, Nicolasa, e Manuela.
De mozo, con dezaseis anos aínda non cumpridos, emigra a Cuba, onde comezou traballando de dependente de mostrador e almacén, e contable de varias casas de comercio da illa. Con esa aprendizaxe realizará os seus estudos mercantís de perito e profesor mercantil na Escola de Comercio de La Habana, e ao pouco tempo de graduarse, debido ao seu brillante expediente académico, ofrécenlle praza de profesorauxiliar nese centro de ensino.
Anos máis tarde accede á Universidade para cursar os estudos xurídicos na Facultade de Dereito e do Notariado,
graduándose de avogado e notario, chegando a doutorarse nos anos noventa. Manterá durante moitos anos, un consultorio xurídico-mercantil, na rúa San Ignacio 82 da Habana.
Profesor e divulgador das Ciencias Comerciais
Exerceu a docencia na Escola de Comercio da que é nomeado catedrático. Tamén organizou e dirixiu gratuitamente o ensino comercial de adultos para os emigrantes galegos, durante dezaseis anos no Centro Gallego da capital habaneira, entidade que desenvolvía un potente labor social e económica para os seus miles de asociados , exercendo como profesor de contabilidade e técnicas mercantís.
Autor, director e editor da denominada “Biblioteca Hispano-Americana de Ciencias Comerciales”, fundada en 1895 e na que editou, entre outros, os seguintes libros: Tratado de Aritmética Mercantil Novísima, Tratado de Teneduría de Libros, Tratado de Metrología universal y Agrimensura práctica, Tratado de Documentos Comerciales, Tratado de Correspondencia Comercial Universal, Las Prácticas Bancarias, La Moneda y los Sistemas Monetarios, etc.
En outubro de 1900 pasa unha estancia como profesor en Nova York. Neses anos fará un longo percorrido por diversos países americanos, promocionando e divulgando as ciencias comerciais, para asentarse definitivamente en Cuba. Pertenceu a diversas sociedades científicas de Europa e América como a Real Sociedad Española de Geografía, Sociedade de Economía Política de USA, Comité Latino-Americano de Instrución Popular de París, Bureau Francés de Lonxitudes, Asociación de Americanistas e Colonistas de América, etc.
Horta publicista galeguista, rexionalista e autonomista
Home de integridade de principios, demócrata e militante autonomista e rexionalista, usará súa brillante oratoria e súa faceta de publicista para promover a causa e defensa de Galicia.
Colabora e escribe no semanario rexionalista, GALICIA. Revista semanal ilustrada, editada en Cuba, da que era copropietario, exercendo de director desde 1.906 a 1.908, ano en que abandona esta actividade por razóns médicas. Escribirá en defensa do rexionalismo, da autonomía galega e das teses de Solidariedade Galega, utilizando algunhas veces, o pseudónimo de Pardo de Cela.
Socio fundador do Centro Gallego e da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, fundada na Habana en 1905 por Curros Enríquez e Xosé Fontela Leal co obxectivo de crear unha Academia Galega para
promocionar a lingua. Figura entre os fundadores en 1.911 da Sociedad de instrucción y beneficencia, Puentedeume y su comarca, promovida por varias persoas afincadas en Cuba, orixinarias de Pontedeume.
Baixo o pseudónimo de P. Pardo de Cela, publica en 1.905 o libriño-panfleto Doctrina Galicianista . Será o primeiro dunha serie de folletos que denomina “Cartillas Galicianistas” como, Catecismo Regionalista; Programa Regionalista, Galicia autonómica, …, algunhas dos cales quedaron sen publicar. O primeiro mandamento do bo galego, segundo este folleto-catecismo é: “Despois de Deus, amar a Galicia sobre todas as cousas”.
A Librería Couceiro de Santiago de Compostela, realizou unha edición facsímile non venal deste texto, para regalar aos seus clientes, a finais de 1999. Conta cun interesante posfacio do profesor Antón Capelán no que ademais das notas biográficas, analiza o compromiso político de Horta co galeguismo e na defensa da autonomía para Galicia.
Sobre a orixe galega de Cristóbal Colón
A partir de 1911 vai deixando de lado a súa actividade galeguista e as súas inquietudes políticas para centrarse durante moitos anos no labor de defender e expandir, mediante artigos na prensa e conferencias, a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, defendida fundamentalmente polo historiador e escritor pontevedrés Celso García de Riega.
Horta escribe e publica o folleto “La verdadera cuna de Colón”, por encargo da Sociedade Hispánica. O folleto será editado en 1912 en Nova York, cunha tirada de 25.000 exemplares e terá unha gran repercusión e difusión.
Idas e vindas a España
Horta a comezos de 1.898 regresa a España, instalándose primeiro en Barcelona e logo durante un tempo en Pontedeume. En xuño de 1.899 durante a súa estancia en Pontedeume exerce de fiscal municipal. Uns anos mais tarde instalase definitivamente en Cuba.
Seguindo os costumes das clases adiñeiradas da época, frecuentará os baños e as casas de repouso. Aproveitará as súas viaxes a España para pasar semanas de descanso e lecer e por motivos de saúde, tratándose das súas doenzas renais, no balneario de Cabreiroá en Verín e no de Mondariz. Tamén acudirá a un balneario en Saratoga- USA.
Durante bastantes anos acudirá no verán a pasar as vacacións á finca familiar de Cortiñán (Bergondo) e sabemos pola prensa que neses anos debeu de vivir un tempo nas propiedades familiares de Cambre, pois en xaneiro de 1.921 exerce o cargo de xuíz municipal de Cambre.
Falecemento do Dr. Horta
Pouco antes da súa morte, regresara a La Habana despois de varios anos de ausencia, e ao parecer estaba a preparar unha reedición actualizada das súas obras.
Falece na casa de saúde “La Benéfica” do Centro Gallego, o 19 de xuño de 1.923, cando contaba con 63 anos. O enterramento, do que faise cargo seu amigo o libreiro José Albela, – Horta non estaba casado nin tiña polo que parece familiares na Habana-, realízase no cemiterio Cristóbal Colón da Habana, nun nicho propiedade do libreiro.
Neste cemiterio habaneiro, onde repousan miles de emigrantes galegos, e con 58 panteóns das Sociedades Galegas, terá este galego-habaneiro a súa última morada.
O Concello de Pontedeume aprobou en xullo do 2.000, dedicar unha rúa que discorre a carón do muro oeste do cemiterio de Porto, para honrar a este ilustre personaxe.